Non sabemos con exactitude a que cálculo responde o adianto electoral en Galicia, aínda que foron seguramente contas botadas en Génova 13, sede do Partido Popular en Madrid, e moi en función dos intereses da carreira do señor Feijóo na política española. O que non parece moi probábel é que a inspiración para fixar a data das eleccións, o 18 de febreiro, fose a coincidencia co domingo de Entroido. Noutras latitudes sería anecdótico referirse a esta casualidade, pero en Galicia o carnaval é algo máis que unha festa ou un mapa etnográfico que se mantén vivo con abraiante diversidade. Malia as prohibicións autoritarias, o entroido resistitu como a tradición da antitradición. Un activismo popular da heterodoxia. A celebración dos goces prohibidos, dos pecados da carne, da crítica sen cancelas. O pobo toma posesión dos praceres e o campo da festa é o novo lugar sagrado, onde o discurso e o sermón é o riso. Baixan os santos do ceo e ídolos e influencers van ser felos, madamas, cigarróns, xenerais, pantallas, merdeiros, choqueiros e demais fauna ceibe, con centos de comparsas con coplas e ferretes. ¶ O mundo do revés. Velaí o entroido. Como data electoral, como metáfora, pode ser unha cousa e a contraria. Pero non parece que obedeza á ocorrencia xenial dun spin doctor ou asesor do actual poder con vocación do que chaman agora story spinner ou aquel que moldea ou fabrica historias. A historia que presenta a dereita en Galicia non ten nada de orixinal. O que vén dicir no seu discurso é que «nacemos para mandar». A poderosa maquinaria de propaganda absoluta, cos medios públicos e privados afíns, o que fai é dar por natural esa condición de gobernar a Xunta a dereita por unha especie de predestinación. O programa, ademais desa inercia ou o «dainos, Señor, o voto» como sacramento perpetuo, só ten como novidade salientábel o presentar Galicia como un caucus para o decurso da política española. O verdadeiro candidato é Feijóo, e está sendo moi explícito nas súas declaracións. O obxectivo é utilizar Galicia, os resultados das eleccións, como un ariete contra a amnistía en Catalunya, en particular, e contra o Goberno de coalición progresista no Estado. ¶ A dereita ten moitas posibilidades de revalidar o seu poder na Xunta. O punto de partida, 42 de 75 deputados no Parlamento, fai difícil que se produza un cambio, cunha desproporción nas demarcacións electorais que favorece o actual status. De producirse, o relevo xa sería unha revolución. O mundo ao revés. A revolución do entroido. ¶ Pase o que pase, xa hai un cambio substancial na sociedade galega ¶ A coalición como alternativa non só é posíbel, senón que é unha fórmula tamén desexábel. Aínda que a dereita tenta aínda mexer o espantallo, xa non hai esa percepción negativa que tanto mancou a experiencia e memoria do chamado bipartito, formado polo PSdeG e o BNG, que presidiu Emilio Pérez Touriño. Un estigma negativo en gran parte creado por medio de fake news. Galicia foi, dalgún xeito, un laboratorio do que hoxe coñecemos como «trumpismo». Hoxe sábese ben que unha maioría absoluta pode resultar menos eficaz e moito máis daniña que unha gobernación cooperativa e plural. ¶ Hai tamén outro gran cambio na mentalidade social. A conciencia de que hai un gran desaxuste horario entre a Galicia oficial e a Galicia real. Mentres a sociedade avanza, creativa, este goberno recúa, avariado. O dilema é resignación ou esperanza. Gañe ou perda, unha Galicia nova está a rexurdir ¶