26 consellos para quen nunca pensou que chegaría aos 26

«Debuxa un monstro. Por que é un monstro?»
Janice Lee, Daughter

Nunca pensei que chegaría aos 25. Moito menos aos 26. 26 son os anos que tiña a miña nai cando me tivo a min, así que 26 para min sempre foi unha idade de adultos, de persoas maiores que fan a declaración da renda e teñen filles e viven na casa na que van morrer de velles. Os meus 26 non son así. Vivo nun piso con dúas compañeiras, chamo á miña nai cada vez que teño un problema e sinto que a miña vida está a medio despegar. Pero sigo aquí. Estou aquí.

Resulta que a vida segue. Despois de todos os pensamentos escuros, os impulsos de saltar de sitios moi altos, despois desa curiosidade que te consome por ver o que hai se abres o teu pulso en dous; despois de ferir aos demais e sentir unha culpa que te converte en Atlas, soportando o peso do mundo enteiro nos teus ombros cansos; despois de maltratar o teu corpo e o teu corazón entregándote unha e outra vez a persoas que che dan o tipo de afecto que pensas merecer. A vida segue. E un día tes 26 anos, e tes que afacerte á nova realidade, na que a vida seguirá seguindo.

A vida segue. E un día tes 26 anos, e tes que afacerte á nova realidade, na que a vida seguirá seguindo

Con 18 anos, o 2023 parecíame un ano de mentira, e os 26 anos, unha idade inalcanzable. Gustaríame poderme dicir algunhas cousas:

1. Leva zapatos cómodos. A vida xa é incómoda abondo como para maltratar os teus pés. É máis doado bailar con zapatos cómodos.

2. Aprende a cociñar cinco ou seis pratos ricos. Practica invitando a comer á túa mellor amiga. Non deixes que corte as cebolas ou os pementos, que sente contigo e che dea conversación. Pídelle á túa nai que che ensine a facer caldo. Pídelle a receita dos «ovos encapotados» á túa tía. Aprende as receitas da túa infancia, e aprende receitas novas.

3. Durme o que che faga falta durmir. Non vivas cun ollo pechado do sono.

4. Escribe cartas. Non tes por que mandalas.

5. Non cantes para que te escoiten. Non bailes para que te miren. Canta polo pracer de cantar e baila polo pracer de bailar. O teu corpo merece o pracer de existir para sentirse ben, non para ser observado.

Non cantes para que te escoiten. Non bailes para que te miren. Canta polo pracer de cantar e baila polo pracer de bailar. O teu corpo merece o pracer de existir para sentirse ben, non para ser observado

6. Perdoa as fantasmas de todos os soños que deixaches atrás e a todas as persoas que nunca serás. Quen es ti, exactamente a persoa que xa es, é abondo.

7. Medrar non é só cousa de crianzas. A túa nai e o teu pai tamén están medrando. A túa tía favorita está medrando. O teu profesor favorito está medrando. Todes nos estamos facendo maiores. Observa como os seus cabelos se volven grises e aprecia as liñas nas súas caras. Observa os teus propios cabelos grises e aprecia as liñas na túa cara. Facerte maior é un agasallo que nunca pensaches que che tocaría abrir. Intenta gozalo mentres che dure.

8. Plastifica os debuxos que che dá a túa prima pequena. Gárdaos. Hai recordos que merecen ser conxelados no tempo.

9. Aprende a ensinarte enteira á xente que queres. Descubrirás a máis absoluta das euforias cando a túa amiga che mostre as partes dela das que máis se avergonza e te decates de que a queres moito máis que antes de saber que ela era tan humana coma ti. Déixate coñecer. Haberá quen colla as partes de ti que máis odias nas mans e as garde preto do seu corazón.

Déixate coñecer. Haberá quen colla as partes de ti que máis odias nas mans e as garde preto do seu corazón

10. Aprende moitos hobbies e atrévete a facelos todos mal. Fai unha cunca moi fea. Pisa ae túe compañeire de baile.

11. Non pasa nada por querer a alguén máis do que te queren a ti. Non pasa nada por desexar algo que non podes ter. Non te avergonces de querer e desexar máis. Sentir cousas bonitas e desexar cousas bonitas pode ser unha experiencia chea de beleza aínda que non sexa compartida.

12. Aprende a tocar catro ou cinco acordes na guitarra. Cantade cancións da vosa infancia na festa.

13. Non te avergonces da túa risa. Non tapes a cara cando ris. Ninguén agradece que te escondas cando sintes alegría.

14. Non te avergonces da túa ira. Berra. A túa ira é a parte de ti que sabe que mereces algo mellor. Que merecemos algo mellor.

Non te avergonces da túa ira. Berra. A túa ira é a parte de ti que sabe que mereces algo mellor. Que merecemos algo mellor

15. Intenta facer a cama todos os días. Vaite facer sentir mellor chegar á noite a unha cama feita.

16. Mándalle unha mensaxe a unhe amigue coe que levas anos sen falar cando penses nelu. Non pasa nada por querer a alguén de lonxe, pero nunca se sabe. Igual venlle ben sentirte un pouco máis preto ese día.

17. Aprende que froita e que verdura está de tempada. Observa o paso das estacións a través das cousas que cociñas. Sinte a emoción da chegada á época das cabazas, dos tomates, das berzas. Aprecia cada parte do ano polo que trae.

18. Fai playlists con cancións que che lembran a persoas que queres. Mándalles as playlists.

19. Podes reciclar soños que deixaras olvidados no fondo do teu armario. Nunca se sabe. A túa arte, as túas palabras, a túa música, as túas mans; ti tes o potencial de facer que outras persoas se sintan menos soas.

20. Aínda non coñeceches a todas as persoas que vas querer. Persoas que vas querer dunha forma inmensa. Amores que te van cambiar, que che van facer querer vivir, que che van dar enerxía, que che van ensinar cousas que farán do mundo un sitio cheo de beleza. Mereces querer a esas persoas, e mereces ser querida por esas persoas.

21. Nos días de sol, vai ao parque cun libro e unhas mandarinas. Volve ler. Ségueche gustando ler. Xa verás.

Non finxes que es unha boa persoa: es unha boa persoa. Trátate cun pouco máis de delicadeza.

23. Bloquea a esa persoa. Non porque necesites estar enfadada, senón poque non che paga a pena vivir a túa vida pendente de ser alguén que ela bote de menos.

24. Para de mendigar amor. Para de suplicar que te queiran, que queden, que te vexan, que te acepten, que entendan que estás aquí e que precisas que che collan a man, e que xoguen co teu pelo, e que che digan cousas bonitas. Mereces esas cousas. Mereces os amores suaves dos que falaba Rosalía.

25. Finxe que morriches e volviches á vida. Finxe que esta é a túa segunda oportunidade. Que miraches a unha forza superior aos ollos e lle suplicaches volver, que lle suplicaches que querías volver a flotar no río Ulla, bailar co teu irmán na cociña, ver películas abrazada a unha persoa que che gusta, rir ata as bágoas no sofá do salón despois dunha noite de festa, chorar mentres escoitas a música que máis che gusta.

26. Algún día mirarás quen eras neste mesmo momento e sentirás un amor infinito cara á persoa que fuches. Pensa en ti con quince anos. Pensa na aperta tan grande que te darías. Como tocarías a túa cara e bicarías as túas meixelas e dirías: «A vida está chea de beleza e tes tempo para experimentala toda».

Cheguei aos 26. Estase ben aquí. Estase ben.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail