A Coruña.- A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, acusou este mércores a Xunta de perdoar ás empresas eléctricas adxudicatarias de parques eólicos en Galicia máis de 1.600 millóns de euros que deberían abonar por non desenvolver os plans industriais que se comprometeron a executar. Segundo Pontón, o Goberno de Alfonso Rueda actúa como «unha xestoría» desas sociedades, ás que estaría «a regalar diñeiro a mancheas».
A acusación do principal partido da oposición en Galicia coincide coa polémica suscitada desde hai anos pola proliferación de megaparques eólicos e especiamente despois de que a Xunta dese declaracións ambientais favorables a 77 novos proxectos, que se engaden a outros sete cuxa autorización corresponde ao Goberno central.
En total, e salvo que a xustiza o impida polas demandas que anuncian asociacións ecoloxistas e veciñais, no próximos trinta meses levantaranse no país 570 novos aeroxeradores. Suman unha potencia instalada de máis de 2.900 megawatios (MW), é dicir, un 75% dos preto de 3.900MW que xa hai na actualidade.
A denuncia do BNG baséase na sospeita de que a Xunta non está a obrigar as empresas a cumprir os compromisos que adquiriron cando os seus proxectos foron preseleccionados no concurso eólico de 2010, polo que se planearon e repartiron as concesións que se ían a desenvolver desde entón na comunidade.
O Executivo, a cuxa presidencia acababa de chegar Alberto Núñez Feijóo, anulara a distribución executada un ano antes polo goberno bipartito do PSOE e o BNG. Feijóo convocou un novo concurso menos esixente, pero no que se valoraba e puntuaba que as empresas que se ían a beneficiar das futuras concesións acompañasen os seus proxectos de plans industriais que garantisen a reinversión de parte dos beneficios que ían obter nas comunidades onde prevían levantar e explotar muíños.
Así, por exemplo, houbo firmas cuxos plans foron valorados, puntuados e seleccionados porque se comprometeron a poñer en marcha plantas de biomasa e de reciclaxe de residuos, centrais geotérmicas e sistemas de recarga eléctrica para vehículos, ou a rehabilitar encoros e explotacións hidroeléctricas.
Segundo a norma de 2010, as empresas que obtivesen no concurso menos megawatts dos solicitados podían non executar eses plans a cambio de «monetizalos» e indemnizar á Administración galega cunha cantidade equivalente á que deixasen de investir.
O BNG sostén que as compañías que viron seleccionados os seus anteproxectos en 2010, e ás que a Xunta referendou desde entón ou está agora aprobando os seus novos parques, nin desenvolveron os plans industriais prometidos nin os teñen monetizado nin prevén facelo, pola inacción e a aquiescencia do Goberno galego.
Naturgy, Galenova e Greenalia
Os nacionalistas poñen varios exemplos, como o Fenosa Wind, hoxe en mans de Naturgy; e Eólica Galenova, propiedade de Honorato López Isla, exconselleiro delegado de Unión Fenosa e conselleiro de Indra e quen lla adquiriu a Abanca en 2015.
Tamén citan Greenalia, a compañía galega que no ano 2016 comprou Kaikias Eólica, beneficiaria do concurso de 2010 e que solicitou monetizar os plans industriais que acompañara nos proxectos de dous parques eólicos por 11,7 millóns de euros. A Xunta aceptou que os novos propietarios non pagasen esa cantidade e deron por bos varios investimentos previos de Greenalia, que nada tiñan que ver co proxecto industrial que presentara Kaikias e que, ademais, se executaron antes de que a primeira absorbese a segunda.
«É unha irregularidade manifesta e un exemplo de como está a actuar a Xunta», asegura o deputado autonómico do BNG Luís Bará, quen lembra que a exconselleira de Medio Ambiente de Feijóo Beatriz Mato é hoxe directora de desenvolvemento estratéxico de Greenalia, que a fichou só mes e medio despois de que deixase a política, incumprindo a lei galega de incompatibilidades. Esa norma pretende evitar as portas xiratorias e prohíbe durante dous anos aos altos cargos traballar en empresas do sector sobre as que tomasen decisións, como Mato fixo con Greenalia antes de traballar para ela.
O Bloque estima que as cantidades que deberían abonar no seu conxunto ascenden a 1.600 millóns de euros, é dicir, un 12,7% do total dos orzamentos de Galicia para 2023. «Lamentablemente, en San Caetano [a sede da Xunta e onde está o despacho oficial do seu presidente] non temos un Goberno de Galicia senón unha xestoría que traballa para o lobby eléctrico», engade a líder do BNG.
Os nacionalistas pedirán unha comisión de investigación no Parlamento de Galicia para esclarecer a situación pola «reiterada» negativa da Xunta a facilitar á Cámara a documentación que reclaman sobre o caso ou a responder as preguntas orais e escritas sobre o mesmo.
Preguntado onte pola acusación de Pontón, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, non explicou se a Xunta perdoou e está a perdoar ou non ás eléctricas o diñeiro que debían pagar se non desenvolvían os plans prometidos, pero asegurou que o BNG «está nunha posición extremista e negacionista», opoñéndose, segundo afirmou, ás enerxías renovables.
«Aposta polas renovables»
«Temos unha aposta clara polo desenvolvemento de [enerxías] renovables garantindo en todo momento o equilibrio desde o punto de vista do impacto ambiental», engadiu.
O certo é que os tribunais anularon en varias ocasións o visto e prace da Xunta aos novos parques eólicos, cuxo impacto sobre as vidas das comunidades onde se instalan e sobre o patrimonio natural, cultural, histórico e paisaxístico tense disparado proporcionalmente ao crecemento das dimensións dos novos megageneradores.
A principios deste século, os muíños máis grandes non pasaban dos trinta metros de altura, pero hoxe superan os 150 e nalgúns casos chegan aos 200 metros. As súas aspas poden medir máis de 60 metros e varrer unha superficie aérea equivalente a dous campos de fútbol.