A Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos

Hai dúas semanas, o 19 de Decembro, tivo lugar, en Barcelona, a conmemoración do 25 aniversario da proclamación, na mesma cidade, da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos. Na realidade, xa 26, pois acontecera o 6 de Xuño de 1996, no Paraninfo da Universitat Central da cidade. A pandemia aconsellou adiala ao fin de 2022. Os seus organizadores foron o CIEMEN (Centre Internacional Escarré per a les Minories Ètniques i les  Nacions), o PEN català, e a Fundació dels Drets Col.lectius dels Pobles, co apoio da Generalitat, en cuxo Palau se celebrou este acto.

A inauguración correu a cargo de Natàlia Garriga i Ibáñez, conselleira de Cultura, e de David Minoves i Llucià, presidente do CIEMEN. A clausura, da conselleira de Presidencia, Laura Vilagrà i Pons. No centro da xornada, dúas mesas redondas. A primeira, moderada pola vicepresidenta do CIEMEN, Xesca Oliver i Crespì, contou coas intervencións de Aureli Argemí i Roca, presidente emérito do CIEMEN, Carles Torner i Pifarré, director executivo do Pen Internacional entre 2014-2021, e unha servidora. A segunda, moderada por Oriol Ramon i Mimó, presidente da Fundació Aureli M. Escarré pels Drets Col.lectius dels Pobles, contou coa intervención de Laura Huerga i Ayza, presidenta do PEN catalá, Carme Junyent i Figueras, profesora de Lingüística na Universitat de Barcelona e Isidor Marí i Mayans, sociolingüísta e corredactor da DUDL.

Acto protocolar, asistido por numeroso público… e moito máis que isto. Para quen escrebe, un reencontro moi agarimoso con vellos amigos (xa van alá máis de cuarenta anos!) como Aureli Argemí, alma mater da Declaración, grande amigo da Galiza e incansábel loitador polos dereitos nacionais e lingüísticos da súa nación e de todos os povos do mundo. Con Oriol Ramon lembramos a celebración, na Galiza, en Santiago de Compostela (1992), do I Simpósio Internacional de Línguas e Lexislacións, que organizáramos conxuntamente –nunha máis que cordial e eficaz colaboración– entre Catalunya e a Galiza. Tivéramos a honra de participar na redacción da Declaración… e de incorporar á súa redacción as seguintes Disposicións Adicionais: «Os poderes públicos deben garantir que as autoridades, as organizacións e as persoas afectadas sexan informadas dos dereitos e os deberes correlativos que se desprenden desta declaración». «Os poderes públicos deben prever, segundo as lexislacións vixentes, as sancións derivadas da violación dos dereitos lingüísticos desta declaración».

No mesmo ano 1996, foi aprobada por unanimidade no Congreso dos Deputados e no Parlamento galego. 26 anos despois, cal o seu balance? As leitoras e os leitores interesados poden examinar o seu contido na publicación que xa daquela realizara a Mesa pola Normalización Lingüística, e verificarán até que ponto, no marco xurídico-político de que dependemos, se outorgan dereitos con tal de que non se exerzan.

A conselleira de Presidencia da Generalitat sinalou carencias, asumiu a responsabilidade dunha acción política transversal e anunciou a existencia dun Pacto Nacional pola Lingua. Aquí, temos de aturar o cinismo oficial que se refuxia na «cordialidade» (eufemismo da exclusión pura e dura do galego) ou de asneiras que xulgan que a lingua «propia» é a de cada individuo, como se houber linguas robinsónicas. Convido a quen ler a realizar o seguinte exercicio: examinar non onde o galego xa está, senón onde non está. A 40 anos (case) da promulgación da Lei de Normalización Lingüística. Unha gargallada de risa, que diría aquel personaxe de Manuel María

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail