A ocultación da estrela

24 pensamentos decote sobre o entrelazamento ciencia-literatura-sociopolítica-arte, a xeito de calendario de Advento de 2025. Homenaxeando tanto as 24 ko ou microestacións do Calendario Sekki nipón como os Minteiros Verdadeiros e outros calendarios agrícolas  da Galiza, coa súa curiosidade polos cambios sutís nas estacións. Porén, máis que Xeórxicas virxilianas, Uránicas da Urania, os ceos e as súas correlacións terrestres.

 

Tapa de Urania’s Mirror, xogo de 32 cartas astronómicas perforadas de Samuel Leigh, Londres, 1824-25

 

1 DECEMBRO OU NADAL

  • Lúa Xibosa Crecente (vímola medrar dende o día 20 de novembro e andará ben Cheíña o día 4, xoves). Está moi iluminada (máis do 90%), ideal para albiscar camiños na noite se non houber nubes. Saída do Sol: 08:46 h (ergue cedo ti, que o Sol é preguiceiro). Solpor: 17:58 h onde comeza o crepúsculo civil, logo virán o náutico e o astronómico (A noite cae a chumbo sen moita golden hour nin blue hour para as túas fotos do Instagram; tempo de se recoller cun chocolate, lectura, magosto e amor).
  • O Sol pasea pola constelación de Ofiúco -nada de Seteiro ou Saxitario, amigas dos zodíacos-
  • Duración do día: 9 horas e 12 minutiños. O día mingua e a noite medra.
  • A Vía Láctea segue dirixíndose ao Gran Atractor, rexión gravitacional masiva na dirección das constelacións de Centauro, Hidra, Triangulum… a uns 200 millóns de anos luz do teu sorprendido cerebro calculando.
  • Máximo das Fénicidas (ZHR = variable). Se moras no hemisferio Sur ou es galego da Arxentina e vives a túa enésima primavera, é unha choiva de meteoros non moi espectacular que parece agromar da constelación do Fénix.
  • Día Mundial da SIDA, en conmemoración das persoas falecidas por VIH, das persoas que conviven con el e todas as que traballan e investigan nese eido crucial na saúde. O lema en 2025 é Superar as disrupcións, transformar a resposta á SIDA. O símbolo é o lazo vermello.
  • É San Eloi, patrón de prateiros, ferreiros e metalurxias. Parabéns, Eloy Tizón, parabéns Elois e loias.
  • Dende Santos a Nadal é Inverno caroal. Estar, estamos en Outono pero o refraneiro en microclimas, acerta máis.

A OCULTACIÓN DA ESTRELA

Antes de saudar sequera á noite, xa prendemos o interruptor. Como sapiens -título honorífico que nos arrogamos sen consultalo con ninguén- levamos uns séculos corrixindo o patrón rítmico de luz-escuridade, esa muiñeira defectuosa que porfía en apagarse máis ou menos cada 12 horas.

Nalgún intre entre a lareira e o láser, decidimos que o ritmo circadiano que nos emparenta coa rotación do planeta pode ser opinable, mutable, que o medo ancestral ao escuro se cura cun baño laranxa mecánico no horizonte e que non che hai máis progreso político que ir de farol.

E pasando por alto a beleza cromática de outonías, cogomelidades e ourizos, dá comezo o mes de Nadal xa desde Novembro como un despiporre de fotóns; con lucerío tanto que, se oíra e nos falara, a Escuridade diría: “Quen te viu e quen te ve, nena! Levamos un tempiño en que apenas compartimos noite xa; seica podería ser este un bo mes para atoparnos de novo. O mes da agarda, dicides. Do advento, do que se vén. Mes de a velas vir e tantas veces a dúas velas. Tempo de balance anual entre a pouca luz do hemisferio Norte, antes do Solsticio do Inverno, desa xeometría celeste que inclina o Hemisferio Norte cara á penumbra. Canto lembro dos teus devanceiros coa súa ollada en 360º sen perderen de vista nin o ceo nin o meu manto nocturno, agardando polo retorno da luz. A raiola entrando alá en Dombate, o Rei Sol que se detén no seu descer pola trabe celeste (solstitium, o sol estático, o sol quedo) e volve medrar cada día. Sen min, criatura, esa nova luz non tería sentido.”

E levaría toda a razón, dona Escuridade.

Malia que para min poida ser un mes aciago no que perdín a luz de seres queridos neste espazotoempo, Nadal é tamén un mes de dar a luz resumos, listaxes, sumatorios de excel, bos propósitos. Curiosamente, tamén un mes onde a elixibilidade municipal mídese en exceso de lumens e cegueira. O cal non é só un estorbo para, por exemplo, a astronomía afeccionada, que tamén. É un dispendio e contribúe a un desequilibro ecolóxico grave que afecta aos patróns e ritmos vitais de moitos seres vivos. Os listos dos sapiens incluídos.

O pasado 25 de Outubro unha declaración científica oficial da American Heart Association enlazaba o papel da saúde circadiana co risco cardiometabólico: alteracions dos ritmos circadianos como no traballo por quendas, horarios irregulares de sono e comidas e a exposición á luz durante á noite se vencellaron cun maior risco de obesidade, diabetes tipo 2, hipertensión e enfermidades cardiovasculares. Os catro xinetes da apocalipse da saúde nos países occidentais.

Foto con Raios X de Arie van’t Riet/ SPL/ Barcroft Media

E pousemos o ollo noutras criaturas coas que compartimos o aluguer deste 3º mundiño solar: hai un vagalume [Lampyris noctiluca] que apagou a súa muxica por desconcerto. Sei dunha ave migratoria que virou á esquerda onde non era por confundir rañaceos coa Polar. Un drama anónimo de bicharía rota e xeografía desplumada. A quen lle importa, se vivimos ben e temos as luminarias máis potentes?

Nin as Raíñas Magas de Gloria Fuertes nin os Magos Astrónomos chegarían hoxe ao destino. Á estrela de Belén – así fose cometa, conxunción planetaria ou metáfora- ninguén lle faría caso, afogada nesa obscena certeza LED de escaparate -si, xa te vimos-, indistinguible dun satélite ou dun anuncio das Cíes como destino Starlight.

Pero non eramos fillas de Sagan e netas, por tanto, das estrelas? O de sermos orfas da noite non o vimos vir.

Dicía o poeta e granxeiro Wendell Berry que para coñecer a luz cómpre respectar a escuridade e as súas criaturas. Dicíao así:

Ir ás escuras cunha luz é coñecer a luz.
Coñecer o escuro, ir ás escuras. Vai sen ver
e atopa que tamén o escuro ha cantar e florecer,
e que o percorren escuros pés e escuras ás.
 

Mais o universo conta cos seus propios mecanismos de corrección. Apuntemos data na axenda de carbono: 12 de agosto de 2026. Coordenadas: Galiza. Fenómeno: Eclipse total. A Lúa faranos o favor de pasar por diante da nosa estrela nai. Unha sicixia perfecta. En pleno verán, verán a sombra que asombra. A temperatura baixará. Os paxaros calarán, engaiolados na mecánica celeste. Un erro no sistema. Será un intre peculiar: miles de ollos voltos ao ao ceo -con protección, por favor-, sorprendidos de que o día teña a cortesía de calar e deixarnos sós cunha certa dose de inmensidade. Até entón…

Vai, vai ao bosque sen lanterna e queda
tan en silencio como o corpo pida.
A luz é só esa ecuación que a noite
en ti resolve*
 

*Estrofa sáfica: 3 versos endecasílabos de ritmo sáfico (acento en sílabas 4-8-10) e 1 pentasílabo de ritmo adonio

Eclipse Total de Sol, lámina de cromolitografía de Étienne Trouvelot, 1882

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail