O pasado viril, o futuro feminista

«O feminismo mata máis que o machismo». Esa é unha das consignas letais que se emiten dende a manosfera ou machosfera, e que se están a espallar dende logo na miasma ultra e reaccionaria mais tamén en sectores masculinos ou grupos sociais  nos que prendeu a especie de que o avance na igualdade de dereitos entre xéneros derivou nun prexuízo para o home. Non importa a evidencia empírica de que ese avance é aínda limitado, de que a cantilena misóxina vai acompañada dun propósito que atinxe non só á muller senón a toda a sociedade. Un activismo machista que, nas súas diferentes pólas, pretende poñer freo aos procesos de igualdade, que nega a violencia de xénero e que envelena a convivencia coa produción de odio e unha excitación regresiva. Non son poucos nin simples os que, con máis ou menos disimulo, maquinan co delirio da volta a un antigo réxime de subordinación da muller. Zonas hai aínda no mundo, tamén no «desenvolvido», onde as persoas femias viven no pesadelo escravista.

manosfera (síntese de «man» e «sphere»)  non é unha moda pasaxeira. Non é unha carallada efémera de Internet. Esa miríade de foros, webs e youtubeiros cavernosos, xunto coa subcultura «invisíbel» dos machochats, teñen como estupefaciente enerxético común a xenreira á muller, e en especial, á muller concienciada. Esa, a muller amazona, a muller rebelde, e o que pode representar o ecofeminismo, vén sendo a representación máis definida do «inimigo» no imaxinario ultra. O antifeminismo adoita ser, en realidade, a primeira máscara do autoritarismo.

Non, non é unha moda pasaxeira, nin unha brincadeira trol de cibermachotes  a mofarse de memes feministas.  Esa simbiose doente, ese odio contra o feminismo e a cultura democrática,  ten a expresión máis inquietante na opinión que reflicten de xeito crecente as enquisas, sobre todo en franxas significativas da mocidade. Así, segundo o barómetro da xuventude da FAD, a violencia de xénero é un «invento ideolóxico» para un de cada cinco mozos varóns de entre os 15 e 29 anos. E o voto á ultradereita, con Vox como brazo político da fachosfera e da manosfera, sería a forza máis votada polos mozos (si, varóns) de entre 18 e 24 anos. Vemos así o ben que pode casar o tradicionalismo e a modernidade tecnofeudal no mundo ultra. E o espécime moral que xeraron lustros de neoliberalismo salvaxe: o «individualismo tirano». Antifeminismo, antidemocracia, e o individualismo tirano veñen do mesmo forno histórico.

«Quen controla o pasado controla o futuro» é unha consigna no mundo orwelliano de 1984.

Entre as obras imprescindíbeis para coñecer a fondo as raíces do fascismo español figura La nación viril, de Zira Box. Entre outras cousas, o golpe e a vitoria do franquismo foi obra dunha brutal e cruel machosfera. Segundo os órganos da Falanxe, e así se repetiu a idea anos e anos, o triunfo foi a destrución dun «Estado romántico, pasional e efeminado» por parte dun «Estado viril».

Que futuro ten o futuro? Fiquen os da machosfera co seu pasado viril. Loitemos por un futuro «romántico, pasional e efeminado».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail