A Coruña.- O Partido Popular ten logrado baleirar de contido e condenar á inutilidade a comisión do Parlamento de Galicia que pretendía investigar as contratacións da Xunta con empresas vinculadas a familiares de Alberto Núñez Feijóo.
A oposición considérao un exemplo da dobre cara de Feijóo á hora de enfrontar os casos de corrupción que lle afectan e unha «fraude á democracia», en palabras da líder da oposición galega, Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG).
A comisión foi creada en solitario e a pedimento do BNG despois de que o PP se negase reiteradamente a poñela en marcha, a pesar de que, ao mesmo tempo, en Madrid, Feijóo impulsaba a posta en marcha dun organismo similar no Congreso dos Deputados para investigar as contratacións do Goberno central durante a pandemia.
O BNG pretendía indagar nas evidencias de irregularidades nas contratacións millonarias que asinou a Administración autonómica galega coas sociedades do grupo Eulen, cuxa directora para Galicia é Micaela Núñez Feijóo, irmá menor do presidente do PP; e coa a multinacional Konecta, cuxo director comercial é Ignacio Cárdenas, irmán da súa parella, Eva Cárdenas.
470 millóns de sobrecusto nun hospital de Vigo
Tamén quería investigar a construción do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, executada baixo o primeiro Goberno de Feijóo na Xunta mediante unha onerosa fórmula de colaboración público-privada que acabou sumando un sobrecusto de 470 millóns.
Nun principio, o Partido Popular utilizou a súa maioría no Parlamento galego –40 escanos, por 25 o BNG, nove do PSOE e un de Democracia Ourensana– para opoñerse á creación da comisión. Cando o BNG instou a súa posta en marcha en solitario, os populares impuxeron o seu plan de traballo sen admitir a axenda de comparecencias que propoñía a oposición, negándose mesmo a pactala como é habitual..
Entre elas figuran as do propio Feijóo, a súa irmá, o seu cuñado e outros representantes das empresas beneficiadas polas adxudicacións. Tamén vetaron as de varios altos cargos da Xunta que tiveron que ver con eses procedementos. Noutro exemplo de burla á transparencia, o PP propuxo a comparecencia do presidente da Generalitat de Catalunya, Salvador Illa, ministro de Sanidade durante a pandemia e quen nada tivera que ver nin cos contratos da Xunta con Eulen e Konecta nin coa construción do hospital de Vigo.
Estaba previsto que Illa comparecese este xoves, pero o seu equipo anunciou o pasado martes que o presidente catalán declinaba facelo acolléndose aos ditames do Consello de Estado que establecen que os parlamentos autonómicos non teñen potestade para obrigar a comparecer a autoridades, funcionarios ou representantes do Estado. Feijóo, pola súa banda, non deu explicación algunha sobre a manobra do seu partido para forzar a súa exclusión.
Torpedear o traballo da oposición
O PP tamén torpedeou o traballo da oposición enviando apenas unhas horas antes de que se celebrasen as sesións o enorme volume de documentación que esta levaba meses solicitando, e mesmo programou reunións doutros organismos do Parlamento á mesma hora para interferir na axenda das deputadas e deputados designados para a comisión.
O PP acusa ao BNG de facer oposición a Feijóo tres anos despois de que deixase a presidencia da Xunta, mentres Pontón acusa o seu sucesor, Alfonso Rueda, de incorrer nunha «deriva autoritaria e antidemocrática sen precedentes». A súa formación estuda recorrer á Xustiza para denunciar a vulneración do dereito das súas deputadas e deputados a exercer o labor de control do Executivo autonómico que lles reservan o regulamento da Cámara, o Estatuto de Autonomía e a Constitución Española.
Pontón acusa a Alfonso Rueda, de incorrer nunha «deriva autoritaria e antidemocrática sen precedentes»
O portavoz do Grupo Socialista e secretario xeral do PSOE galego, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou a actuación do PP de «paripé», «esperpento» e «disparate», e asegura que se debe a que Feijóo e Rueda teñen «medo de que se coñeza toda a verdade».
Segundo desvelou Luzes-Público en 2022, entre 2009, cando Feijóo gañou a súa primeira maioría absoluta en Galicia, e maio de 2022, cando deixou a presidencia da Xunta, a Administración autonómica entregou ás empresas do grupo Eulen máis de 37 millóns de euros en grandes adxudicacións, en moitas delas con evidencias de que a empresa da súa irmá gozaría de trato de favor ou disporía de información privilexiada sobre as ofertas das súas competidoras.
A prima que adxudicaba contratos
Os gobernos de Alfonso Rueda seguiron e aumentaron esa tendencia, con adxudicacións a Eulen que mesmo foron tramitadas por Eloína Núñez Masid, prima dos irmáns Núñez Feijóo a quen o actual presidente do PP nomeara para os cargos desde os que as xestionou.
José Ramón Gómez Besteiro, cualificou a actuación do PP de «paripé», «esperpento» e «disparate»
En marzo deste ano, Luzes-Público tamén desvelou que a sociedade da que é directivo o seu cuñado, e que non tiña vinculación algunha co sector sanitario, fora a máis beneficiada polos fondos de emerxencia contra a covid que a Administración central puxo ao dispor da Xunta para combater a epidemia. A empresa de Cárdenas levouse polo menos máis de 19,2 millóns de euros en contratos do Servizo Galego de Saúde.
Os gobernos da Isabel Díaz Ayuso na Comunidad de Madrid, Juan Manuel Moreno Bonilla en Andalucía e Fernando López Miras na Rexión de Murcia tamén aumentaron substancialmente as contratacións con Eulen.