Hai unha foto de Esther Casares na praia. Está nunha cala que aparece case salvaxe, intuimos que Bastiagueiro, ou algún outro areal oleirense. Ten bañador e pelo curto, ao garçonne, que poderia ben pertencer a un esmalte de Lalicque, e a súa imaxe recurtada ante o horizonte esperta un aire de época de baños e art dèco, de veraneo e de desfrute en todo o arco que nos pode deixar ulir unha flor modernista de pedras brancas, vidros esmerilados do movemento moderno, hixienismo e ocio; ese pracer dos poderosos e adiñeirados.
Esther Casares parece unxida de todos aqueles dons, dons que recobren a luz de fin e comezo de século –a das sabas brancas, sombreiros de ala ancha, canotiers e cloché de ilustracións turísticas de Álvaro do Cebreiro– a toda unha familia, a Casares Quiroga, habitante dunha cidade que no paso do século XIX ao XX fai metamorfose no plano. Emerxen industrias, os coches enchen as rúas e aumentan o espazo das vías, o pracer solar de ventás e balcóns convértese en ostentación nun intre, en elegancia nun segundo momento, en fachada lineal e sinxeleza nacarada. As praias son xa de uso, de crema e de nenos, de sol para torrar a pel. Falamos dunha urbe cuxas saias a finais de século son de ferro, de torres erguidas ao ceo para levar fóra de si os fumes de porcelanas, vidros, reais mantelerías e gas, grandes naves de salazóns e zapatos, conservas e chocolate. Esther, María, o seu pai, Gloria, nadan naquel devagar lento; aquela luz que a moitos quilómetros Virginia Woolf, dende Monk’s House, adicaba á melancólica señora Dalloway, cun tempo aínda do XIX, aínda na fronteira entre o futurismo, a utopía, e, doutra banda, a tradición.
A cidade de finais do XIX que coñece o pai de Santiago Casares Quiroga, Santiago Casares Paz, é a cidade que vive na lóxica de cidade alta e Pescadería. A primeira, sede da aristocracia, dos xulgados e as botas lustrosas e unha Pescadería comercial, un barrio do que eclosionará unha próspera burguesía navieira, conserveira e mercantil que dará obelas formas e cariátides nas fachadas da Coruña que virá.
Pero de momento estamos no corazón temporal da Primeira Restauración Borbónica e a fin da Primeira República Española, case nos anos 1880, e a cidade é unha poboación que quere rematar no que hoxe sería a praza de Ourense, dun lado, e no que hoxe sería a praza de Pontevedra, noutro. Fóra desas marxes oficiais, o proletariado inunda os bordos dunha urbe que xa se estaba a desfacer das súas murallas. Nunha península deliciosa, abaneada pola escuma do mar, a lingua de area da Pescadería delimita, ata finais do XIX, o perímetro dunha praza forte que deixará de selo en breve. A cidade do XVIII, coa súa defensa, coa súa aristocracia recoberta de veludo e cortinas vai abrindo as cortinas finas á nova luz comercial e industriosa; a cidade vai perdendo a luz amarelada dos mapas antigos e vai entrando no ladrillo branco, nas avenidas ventiladas e nas arboredas de nenos e nenas con doces na man, con fontes de celebración e monumentos a unha patria galega case neonata. Son os anos das cigarreiras da Fábrica de Tabacos, aberta en 1808.
A arquitecta María Garrote Recarey conta no seu artigo A Coruña 1900: La eclosión de la ciudad moderna como aquelas mulleres comezaron sendo 2.500 no inicio daquela industria e, xa a comezos do XX, chegaban a 4.000 traballadoras. O brazo industrial poboa o que hoxe xa é Catro Camiños e se estende nun brazo de ladrillo e louza por todo o barrio do Orzán, de aí, o gromo vizoso de liberdade dos refuxios do pensamento como Xerminal, a Antorcha Galaica do Libre Pensamento, o Ateneo Cultural Herculino e demais organizacións culturais do proletariado.
Os mapas de 1880 en diante amosan todavía a existencia dunha muralla case desaparecida, comesta polo progreso; algunha pedra emerxe de entre a terra batida para dicir que houbo fronteiras, como a do campo de tiro detrás do cuartel, en Porta de Aires, ou o areal do que será a praza de María Pita. Unha marca que quedará no plano en rúas como, por exemplo, a actual Juana de Vega. Casares Paz é membro fundador do Casino Republicano da Coruña, en 1886, e colabora no Proxecto de Constitución para o Futuro Estado Galego no 1883. Dentro das restricións da conservadora monarquía, dentro da alternancia de poder entre liberais e conservadores, van agromando flores no muro da Restauración, ramallos de ideas frescas aportadas tamén por este empresario propietario dos Seguros Mutuos que, aínda hoxe, se fan visibles, cartel de louza mediante, nas fachadas de numerosos edificios da Coruña.
Onde camiñaría Santiago Casares Paz? Naquela época xa está construída a casa Caruncho, a que no futuro será o Hotel Palace, presidindo o Cantón Pequeno na beira que colinda coa rúa Real, iniciando un Cantón Pequeno nunha cota todavía a dúas, tres ou catro alturas, de casas apretadas e insalubre construción, medraba unha Rosaleda aínda herdada para os nosos días. O mapa presenta numerosas hortas nos corazóns de irregulares mazás, un verde que inunda, por exemplo, todo o marxe da praia de Riazor ata o monte de San Pedro.
Lembrámonos da luz que irradia a foto de Esther Quiroga, moitos anos máis adiante, e comezamos o seu primeiro fío nas casas de baños, edificios suxeitos por piares de madeira, como casas emerxidas dos areais que poboaban toda unha avenida de terra, herbas mareiras e madeira que levaba a lugares como La Primitiva, La Salud ou o Balneario Municipal, de pedra, madeira ou ferro. Non existe, todavía, a Cidade Xardín, nin sequera se oe falar do foot-ball que comezará a ter seguimento masivo nos anos 1930. Hai gando en moitos baixos das casas, sobre todo nas hortas da periferia, as hortas de Garás, e en toda a lingua construída que se introduce a través da avenida de Finisterre.
O fillo de Casares Paz, o mozo Casares Quiroga, o futuro ministro e logo presidente do Consello de Ministros na Segunda República, sobreviviu, a diferenza dos seus irmáns, á tuberculose. De 1910 a 1930 as correntes hixienistas promoven novos aires, saen normativas para non deixar os animais ceibos na cidade –ata ben pouco, porcos e persoas compartían, para desgusto das segundas, as augas de Riazor– e certo preciosismo recobre de graza farois, carteis e a ilusión dunha Primeira Guerra Mundial que, á fin, remata, trae unha nova cidade nos anos 1920.
«Os anos 20 foran os anos da monumentalización, da residencia burguesa, dos grandes edificios que se constrúen nunha paisaxe urbana que ata eses anos se caracterizaba por unha forma moi relacionada coa arquitectura que lle deu a identidade que temos na cidade, a das galerías. Aquela arquitectura viña sendo hexemónica na paisaxe urbana nas épocas do eclecticismo no último terzo do século XIX, na época do modernismo, naquelas dúas epocas, de 1900 a 1910 e de 1910 a 1920», explica o arquitecto e profesor na Escola Superior Técnica de Arquitectura Xosé Lois Martínez.
«Os anos 20 foran os anos da monumentalización, da residencia burguesa, dos grandes edificios que se constrúen nunha paisaxe urbana que ata eses anos se caracterizaba por unha forma moi relacionada coa arquitectura que lle deu a identidade que temos na cidade, a das galerías», explica o arquitecto Xosé Lois Martínez
Xosé Alfeirán, historiador, sinala a explosión de novas pesetas que financiarían aquela urbe que o quería todo: «Atopámonos cunha cidade que está en auxe económico e está a aproveitar os seus recursos, entre eles o tráfico de persoas na emigración, a pesca, a industria… Hai un tecido de pequenas empresas, algunha máis grande, como a de Tabacos ou a de calzados de Senra, cunha burguesía empresarial adicada aos negocios, todo tipo de comercio relacionado coa moda e a alimentación. Temos un grupo de clases medias importante», sostén. A cidade herculina das flores de formigón nos muros, das xardiñeiras e floróns de Riazor, do monumentalismo.
Ese conxunto de clases medias, burguesas, tendeiros, farmacéuticos, eran os que estendían as ideas liberais e republicanas que Casares Quiroga recolle do seu pai. O seu nome percorre diarios como Acción Coruñesa, de corte progresista, ou La Pizarra. Palabras de fonda preocupación de xornais que procuran unha cidade onde se procuraba o fermoso como arcadia para o ser humano, «dende mediados do século XIX esa burguesía asumiu as ideas progresistas e republicanas», remarca Alfeirán. A imaxe dun camiñar: «As donas coruñesas polos Cantóns, esa é a excelencia do andar. Un lugar dos andares do mundo, xunto co parisino, etcétera, etcétera», narra Manuel Rivas en Os libros arden mal.
A cidade proletaria, malia as dificultades, organízase en cooperativas de vivenda, novas vivendas para un sector enorme da poboación que ata o momento residía en corralas e ranchos, construcións das que xa non queda rastro, casas organizadas encol dun patio, onde as familias vivían nun único cuarto. Estaba prohibido construír casas obreiras no interior da cidade, na cidade compacta, no tecido histórico da Pescadería, do campo do Carballo, no Ensanche e tamén nas portas de Riazor ou Garás, toda esa zona na que emerxe a burguesía.
«Esa clase, característica do carácter dos barrios en crecemento durante a revolución industrial no último terzo do século XIX e os primeiros anos do XX, non tiña un hábitat ou políticas de vivenda que lles permitiran estar conforme a uns estándares de calidade confortables nunha cidade marabillosa que tamén emerxía naquela época, onde xogaban un rol fundamental os espazos do recheo; é a época dos xardíns públicos, dende Porta Real ata a Rosaleda, con pequenas xoias do modernismo», explica Xosé Lois Martínez. «Xorden propostas de cooperativismo obreiro, como é o caso do Campo de Marte, xa a finais dos anos 20, impulsado polo socialista Ramón Maseda. De aí nacen grandes iniciativas como as 1.000 vivendas para obreiros en Durmideiras, para resolver ‘para sempre’, así o dicían, o problema da vivenda, esixindo unha cuestión esencial, o dereito á cidade máis aló do Orzán ou da Cordonería», narra o arquitecto.
«Xorden propostas de cooperativismo obreiro, como é o caso do Campo de Marte. De aí nacen grandes iniciativas como as 1.000 vivendas para obreiros en Durmideiras, esixindo unha cuestión esencial, o dereito á cidade máis aló do Orzán ou da Cordonería», narra Xosé Lois Martínez
Naquela época non é difícil imaxinar o coche dun Casares Quiroga, acompañado de Gloria Pérez, María e Esther camiño da praia. «Casares Quiroga era o republicano de esquerdas. Un home con moita atención polas demandas sociais e pola mellora das clases traballadoras. Tamén dos servizos sociais: a súa familia apostou pola municipalización do transporte público e a iluminación na cidade. Unha esquerda burguesa, non anarquista ou socialista, aos que comprenden e cos que manteñen relacións, é un programa reformista asociado coa Segunda República», conta Xosé Alfeirán. Os Casares vivían naquela no 12 da rúa de Panadeiras, daquela na fronteira da cidade. «No tempo do meu avó quizais non había alí máis que prados», conta María Casares en Residente privilexiada. O lugar onde, a súa filla nas memorias que escribiu, os obreiros levaban a Casares no colo, sen tocar o chan dende a estación de ferrocarril ata a súa residencia de tres andares.
Pero agora trasládense nun auto que podería ser aquel Buick vermello que María Casares recorda, como tantas cousas, vido dun transatlántico, un dos mesmos que saían diariamente da Coruña de compañías como a Lloyd Norte Alemán de Bremen, Real Holandés, Nelson Lines ou Compagnie Generale Transatlanticque. «Voume para Cuba. No vapor Lafayette», evoca Rivas na novela de 2006. Aquel Buick vermello, aquel iate Mosquito, desprazábase por un ensanche en primeira fase, lugar onde se poñían aquelas compañías transatlánticas e os sindicatos onde, no 36, houbo unha feroz resistencia, tiros mediante, ante o avance das tropas rebeldes no colo da cidade. «No plano vemos dúas cidades medrando en pararelo, a ordenada e burguesa, de Porta Real e A Mariña ata as prazas de Lugo e Pontevedra; e, logo, as novas extensións urbanas, tamén enormes, que son tamén un elemento fundamental da cidade industrial, a periferia obreira», conta Martínez.
«A familia de Casares Quiroga apostou pola municipalización do transporte público e a iluminación na cidade. Unha esquerda burguesa, non anarquista ou socialista, aos que comprenden e cos que manteñen relacións, é un programa reformista asociado coa Segunda República», conta o historiador Xosé Alfeirán
Con aqueles obreiros entendíase o futuro presidente. Casares Quiroga é un dos poucos membros do goberno republicano que ten capacidade para falar cos obreiros, «é quen se encarga no apoio Fronte Popular de falar cos anarquistas, para sumar os seus votos á Fronte Popular. Quen se encarga dese diálogo é Casares. Nas Cortes Republicanas na guerra Casares Quiroga xa se fai portavoz de Izquierda Republicana», relata Emilio Grandío, investigador e profesor do grupo Hispona na Universidade de Santiago de Compostela (USC).
O Buick vermello diríxese, nun día de sol e azul majorelle no ceo, a Bastiagueiro ou Montrove. Esther Casares vai tomar o sol. Estamos nun ensanche onde a República, cecais esta viaxe xa é en 1932, ou 33, está dando mostra de novos equipamentos, de nova cidade. O auto atravesa as prazas de Lugo, de Galicia. A través da ventá vemos cambiar a política de vivenda e equipamentos públicos, a política urbanística, en termos xerais, dirixidos de forma significativa a resolver as problemáticas que os partidos de esquerda sinalaran sobre a falta de vivenda e dotacións municipais; a cidade simpática crea un novo ensanche entre avenida de Finisterre e Santa Margarida, aínda monte, con casas de varias alturas en terreos do alcalde progresista Suárez Ferrín, que dota de vivendas dignas ao proletariado.
«Destaca, sobre todo, a cidade escolar proxectada por Antonio Tenreiro, que elabora un proxecto de campus universitario para Coruña. Nace a idea de que A Coruña tivera unha universidade de seu, unha universidade ‘industrial e comercial’, adicada a facultades e escolas técnicas de enxeñería, comercio, náutica e aparelladores», sinala Xosé Lois Martínez. Créase unha relación entre barrios obreiros e barrios burgueses. Aparece unha linguaxe arquitectónica nova, propia do movemento moderno, onde a arquitectura é obxecto de reflexión, apártase da monumentalización das entidades financeiras como as do Banco Pastor, o da Coruña ou do Banco de Bilbao. Destaca o caso do Estadio de Riazor, inaugurado xa despois da guerra civil. «Hai un proxecto excepcional, o proxecto que é o do Cantón Grande, de Caridad Mateo e Rey Pedreira. Eles encarnan a ilusión que simboliza a República para a idea urbana da cidade», expón o arquitecto. O futuro democrático é posible.
O Buick diríxese ata a saída da costa, de camiño á Ponte da Pasaxe, pasando polas hortas de Garás que quedan, a barriada de Santa Lucía e a Tabacalera, enfila cara a Oleiros pasando a casa Carnicero. José Miñones, republicano conservador, xa ten chalet racionalista á beira da que será a Nacional VI. A guerra civil, a dos libros que arden mal, parte unha cidade no político, mais non no urbanístico. O auto vermello xa non percorre as rúas, nin os zapatos spectator de Casares Quiroga, bicolor a marrón e crema ou negro e branco, camiñan polas novas avenidas. «Pásase dunha comunidade non perfecta, pero si con maneiras de comportamento cívico, a unha ditadura como a franquista, que está baseada na vitoria. Non é un fascismo alemán baseado nos votos nin un fascismo italiano baseado na mobilización social. Un movemento militar que fai a cor caqui moi presente na sociedade, con valores como a xerarquía e o respecto á estrutura social predeterminada», explica Emilio Grandío.
«No caso dos Casares ocorre que Santiago e María están en Madrid. As que quedan en Coruña, na residencia de Montrove, son a filla e a neta. Esas dúas mulleres, xunto con María Casares e a muller de Casares Quiroga, son as grandes vítimas, vítimas só por ser netas ou muller de Casares Quiroga», engade Grandío. Esther Casares estaba na localidade de veraneo de Casares. Hai constancia, relata Grandío, de que xa antes do golpe de xullo do 36, segundo se le nas causas militares, o servizo de vixianza da Garda Civil estaba «tocado» polos sublevados para poder collelas como reténs, rebaixando a vixilancia para que puideran, no suposto de que fracasara o golpe, facelas pezas de intercambio co bando republicano.
A cidade non é afecta dende o primeiro día. Moita xente, miles de persoas, están embolsadas nun golpe militar que, en comezo, se pensaba que non ía funcionar nesta cidade, pero controlouse en poucos días. Numerosas persoas, explica Grandío, saíron aos montes de Elviña «pensando que o golpe duraría pouco tempo». «O control era tan extremo que non podían volver. Hai moita xente que agardou na súa casa, como o propio Suárez Ferrín; non podían imaxinar a magnitude da violencia e a represión, o vivido ata o momento era a ditadura de Primo de Rivera, nada comparable», detalla o historiador.
María Casares perde a maleta nunha estación, xunto co traxe oriental do disfrace, e A Coruña perde poboación, asasinada no Campo da Rata ou nas antigas saias dos arrabais alonxados dunha poboación que comeza a mirar cara dentro, ocultarse detrás das cortinas, outra vez. «No momento de cambio constrúese unha nova cidade de equipamentos para o novo réxime, edificios de carácter institucional, relixioso e deportivo. No momento en que se desenvolve unha política clara de gobernos civís, remodélase o edificio de aduanas na Mariña e instálase o goberno civil, a xefatura de obras públicas, constrúese o actual edificio da Autoridade Portuaria, o edificio de aduanas, na actual avenida do Porto, o Instituto Nacional de Previsión», explica Miguel Abelleira, arquitecto e subdirector e xefe de estudos na ETSAC.
«No momento de cambio ao franquismo constrúese unha nova cidade de equipamentos para o novo réxime, edificios de carácter institucional, relixioso e deportivo», explica o arquitecto Miguel Abelleira
A cidade, en contra do mantra establecido, son anos de mellora urbana, xa que o entramado urbano crece aínda de xeito ordenado, cun grande avance en vivenda, mais cunha clara volta ao clasicismo conservador, unha estética imperial que se distancia do moderno racionalista dos anos 1930. Esther Casares xa non vai á praia, é a imaxe do castigo aos derrotados. Todos os días ten que facer no cuartel acto de presenza, non a deixarán marchar da cidade ata 1955, cando viaxa a París e logo a México, para reunirse co seu marido, 5 anos despois da morte do seu pai, Santiago Casares Quiroga, no exilio. Sobrevive illada na casa grazas á axuda dunha Coruña, pouca, que lle abriu as mans.
Os urbanistas sinalan dous feitos de peso no ecosistema urbano: a calidade e interese do urbanismo na autarquía, cun respecto ao desenvolvemento da cidade e, doutra banda, saliéntase a segregación que naqueles anos se produciu na comunidade obreira cun «mecanismo de illamento que se deriva do prezo da vivenda», destaca Abelleira, «que produce unha segregación económica, non tanto por procurala, senón por criterio de mercado». «Isto xa se fixo en Alemaña, coas colonias obreiras fóra da cidade, e era a época de 1920. Constrúese na perfieria porque o prezo do solo era máis barato. Na contemporaneidade, quen foi vivir a Novo Mesoiro e quen a Matogrande?», pregúntase o arquitecto.
Abelleira recalca que os anos 1940 e 1950 son a época dos grandes cines e oficinas bancarias, tamén cando se desenvolve o sector hoteleiro. «Constrúese o banco hispano, o hispano suízo, na rúa Real. Para o deporte nace, da iniciativa privada, A Solana; constrúese tamén o club náutico, xunto á Mariña. Os hoteis demandados dende os anos 10 levántanse, como o Finisterre, na praia do Parrote; un grande equipamento de usos múltiples como o complexo do Hotel Embaixador, co Teatro Colón noutra das caras. Aparecen nesta época os cinemas emblemáticos, o Finisterre, o Goya, o Rex e o Equitativa».
Equípase a cidade con arquitecturas sen situación similar ata a autonomía cando se teñen que volver edificar novos equipamentos para a adminstración autonómica; a razón disto, sinala Grandío, é a decisión de Franco de empregar A Coruña como cidade estival. Nos anos 40 e 50 aparecen as vivendas municipais das Lagoas propulsadas pola Falanxe, as vivendas de Santa Margarida, as casas dos mariñeiros na Ronda de Nelle, o barrio de Palavea, «que ata os anos 80 non tiñan nin sequera pavimento, espazos estigmatizados para aquela clase obreira protagonista do cooperativismo na República», di, pola súa banda, Martínez.
Na casa de Panadeiras, cercenada do seu xardín pola vivenda barata, xa non hai mulleres Casares Quiroga camiño de tomar o sol na praia case virxe de Bastiagueiro, coas follas doutros xornais doutras épocas ilusionantes no aire, agardando a luz de tempos mellores, dunha cidade que, máis aló do plano inmenso, volva abrir as mans.