A Coruña.- Xoel López (A Coruña, 1977) empezou a correr un día en plan Forrest Gump desde a praia de Riazor e acabou no outro extremo do mundo, para darlle un xiro á súa carreira que o liberou de moitas das cargas que o éxito fora amoreando na súa mochila.
Esas escenas de camiñada a paso vivo que recrea o videoclip de Tierra, un dos seus temas máis emblemáticos, son unha metáfora moi xeitosa e moi simple diso mesmo, dunha carreira física, profesional e emocional. Ao final da canción, cando tras cruzar o mundo desde Galicia á Patagonia o corredor párase porque parece chegar por fin ao seu destino, en realidade do que ten pinta é de todo o contrario: de que o tipo só se detivo para coller alento e seguir.
O Concello da Coruña abriu o pasado día 18 nun dos seus espazos culturais máis nobres, o Kiosko Alfonso, a exposición Xoel López: ‘Atlántico’, décimo aniversario, que conmemora os dez anos do disco editado por Sony co que renovou a súa traxectoria e, de paso, as bases da escena indie española, na que xa arrasara coa súa anterior proposta musical baixo o nome de Deluxe. A mostra acompáñase de concertos, coloquios e instalacións na rúa no centro da cidade .
En 2008, López decidiu parar e tomar alento, pero o que pensara como un descanso dun par de meses en Arxentina transformouse, segundo os seus biógrafos, «nunha viaxe iniciático de máis de dous anos». Percorreu Arxentina, Brasil, Uruguai, Chile, Colombia, Venezuela, República Dominicana, Santo Domingo, Cuba, Nicaragua, México, Estados Unidos…
«En cada un deses países contacta con artistas locais de forma case espontánea, e coa música como linguaxe común e punto de encontro, explora os seus diferentes músicas e estilos, nunha viaxe que cambiará para sempre a súa traxectoria persoal e musical», asegura Esmerarte, a súa axencia de management.
Todo iso cóntase no documental La caravana americana, dirixido polo propio López e polo xornalista Arturo Lezcano, e que narra como aquela peripecia foi a xénese de Atlántico, polo que López recibiu dous galardóns dos Premios da Música Independente: ao mellor álbum de autor e ao mellor artista nacional.
A mostra que impulsou dez anos despois o Concello da Coruña está pensada como un percorrido histórico, persoal e musical pola vida de López: The Covers, o grupo que creou con 13 anos; a Elephant Band; o proxecto Lovely Luna xunto ao tamén coruñés Félix Arias; Deluxe; a caravana americana… Ata desembocar en Atlántico, o seu primeiro traballo como Xoel López.
A exposición ofrece a posibilidade escoitar todos os temas do disco mediante cabinas illadas que os reproducen en bucle, visionar e ler entrevistas co músico, xogar ás adiviñas coas súas cancións en paneis táctiles e ver a outras celebrities reaccionando a eses mesmos temas cando os escoitaron por primeira vez. «É un papagaio e despregou as súas plumas en todo o seu esplendor. E é abafador», resumía o cómico, actor e director Joaquín Reyes.
Tamén se poden observar obxectos de coleccionista como discos, instrumentos, roupa, fotografías, cadros e esculturas relacionadas coa traxectoria de López. E paneis cos seus dez lugares preferidos da Coruña -a Torre de Hércules, o Filloa Club, o cemiterio de San Amaro, o restaurante O’Delito…- que explican a súa relación coa cidade e que se estenden ao exterior do Kiosko Alfonso cunha instalación de grandes cubos que detallan ao paseante a orixe, o contido, as referencias e as influencias de cada un dos temas de Atlántico.
Nunha das entrevistas que poden verse na mostra, o músico conta que foi probablemente alí onde naceu a súa vea artística, cando de neno corría polos xardíns de Méndez Núñez, en pleno centro da cidade entre o Obelisco e a esquina onde está hoxe a estatua de John Lennon, fronte ao Kiosko, do que o seu pai foi director durante uns anos.
«Aquel espírito artístico influíume moito e permitiume coñecer a pintores, escultores, artistas, algúns da época dos meus pais pero outros de xeracións máis próximas á miña.» Entre eles o pintor Jorge Cabezas, co que trabou unha amizade case inmediata e que inspirou varias portadas dos seus discos.
Unha das obras de Cabezas, unha pintura sobre a escultura dunha guitarra dedicada, tamén se expón na mostra. Está nunha sala anexa á que acolle os versos que López escribiu un domingo de febreiro de 2006 na Coruña e que deron orixe a Tierra. Algúns non aparecen no tema final pero parecen premonitorios de como lle foron as cousas desde que empezou a trotar pola praia de Riazor: «Doce alento de notas / con pingas de mar salgada / alegre son do vento / con ás de gaivota / Terra á vista! (o pasado non importa)».