O PSOE galego indemniza á traballadora que despediu estando embarazada para evitar que testemuñe o secretario xeral

A Coruña.- A executiva do PSdeG aceptou a improcedencia do despedimento da traballadora do seu grupo parlamentario, á que rescindiu o contrato estando embarazada, unha circunstancia prohibida expresamente pola lexislación laboral.

Segundo puido saber Luzes-Público, a dirección autonómica dos socialistas galegos chegou a un acordo coa xornalista, que traballaba como redactora no seu departamento de prensa na Cámara galega, para aceptar a improcedencia do despedimento, indemnizala cunha cantidade equivalente ao soldo que cobraría durante o tempo que lle restaba de contrato -case dous anos de lexislatura- e evitar así o xuízo no  que o seu secretario xeral, o alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, fora chamado a declarar como testemuña.

A muller foi despedida xunto a outro compañeiro pouco despois de que o actual líder dos socialistas galegos gañase as primarias fronte ao anterior secretario xeral, Gonzalo Caballero

A defensa legal da xornalista reclamaba a nulidade da decisión acolléndose a que o Estatuto dos Traballadores prohibe expresamente os despedimentos de mulleres embarazadas cando o seu empregador se consciente desa circunstancia.

Fontes da executiva de González Formoso aseguraron que os responsables de recursos humanos do partido coñecían que a traballadora estaba embarazada cando procederon a despedila. Este diario tentou verificar a veracidade desa afirmación con fontes oficiais do PSdeG, pero nin a dirección de comunicación do partido nin a do grupo parlamentario quixeron atender o ofrecemento para que desen a súa versión.

Díaz Formoso (dereita) e Gonzalo Caballero / Foto: PSdeG

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail