Non sabemos como ver o baleiro

O que entra na cabeza sen chamar cando queres ter a mente en branco pode que non sexa o máis importante porque ás veces non xerarquizamos as nosas prioridades da mellor maneira, mais algunha razón hai para que entren. No meu caso, faino a miúdo aquel chío de Mike Ginn que dicía: «we get it poets: things are like other things». Toda unha tradición literaria, todo un oficio e ao final todo un xeito de comunicar resumido en nove palabras. Que facemos cando queremos que nos entendan senón comparar conceptos novos con outros cos que estamos máis familiarizados e que nos serven coma pontes para chegar a eles?

Ron Padgett (via https://www.zendalibros.com/6-poemas-de-ron-padgett/).

O poeta pertencente á segunda xeración da Escola de Nova York Ron Padgett (que escribiu catro poemas orixinais para o filme Paterson (2016), dirixido por Jim Jarmusch), in the fashion of any proper poet, tamén ten por costume comparar e presentar imaxes que recordan a outras trazando así unha especie de espirais mentres salta dun concepto ao seguinte. En relación a como nos aferramos ao que coñecemos para explicar o que aínda descoñecemos, di no seu poema «Día da Bastilla»: *«Eu tamén me decatei de que / a Bastilla non estaba aí: / Non sabía como / ver o baleiro. / A xente vai ver / as desaparecidas Torres Xemelgas / e parece que lles gusta sentir / a falta de algo. / A min non me gusta saber/ que miña nai xa non / existe, ou a sensación / de saber. / Desculpádeme / por comparar á miña nai / con edificios grandes.».

En primeiro lugar, Padgett parece perfectamente consciente do seu papel como poeta a.k.a «persoa que relaciona realidades» cando admite que non sabe ver o baleiro. Con que se pode relacionar a ausencia? Como entender o que non é, o que non ten unha entidade que se poida enlazar aínda que sexa parcialmente co coñecido? Como nos comunicamos cando non é posible dotar de corpo a mensaxe? Por outra banda, Padgett semella decatarse tamén de que o seu intento por achegar realidades coa finalidade de comprender mellor unha delas, ou ambas, non é de todo acertado cando se desculpa por comparar a súa nai con edificios grandes. En ambos casos refírese a ausencias evidentes polo magnitude do espazo que deixan pero como se pode equiparar a magnitude física da desaparición dun edificio como as Torres Xemelgas (se ben as causas que a propiciaron tamén teñen unha dimensión tráxica) coa magnitude emocional que implica a ausencia dunha nai? É posible atopar unha imaxe que nos sexa útil para describila ou este é un dos recantos aos que non chega a lingua? Se cadra, Padgett podería estar botando man do vínculo que creamos co espazo que habitamos e que acaba moitas veces por formar parte da nosa identidade (no seu caso, as Torres Xemelgas seguramente foran parte da paisaxe que o acompañaba diariamente); sendo este o caso, a desculpa máis que para pedir perdón estaría xustificando empregar esta figura para precisamente facer fincapé no inmenso das ausencias.

Paterson (2016) (via http://www.premiososcar.net/2017/04/nooscarfest2-paterson-de-jim-jarmusch.html).

Volvo de novo ao chío e sigo reflexionando sobre o ben condensado que está o poder comunicativo da función poética nel. Claro que unhas cousas son parecidas a outras cousas, claro que saltamos de comparación en comparación, claro que imos tecendo vínculos entre as cousas que se nos van aparecendo. A ver que faciamos se non para entendelas.

*Nota: tradución do poema orixinal, «Bastille Day»: «I was too aware that / the Bastille was not there: / I did not know how / to see the emptiness. / People go to see / the missing Twin Towers / and seem to like feeling / the lack of something. / I do not like / knowing / that my mother no longer / exists, or the feeling / of knowing. / Excuse me / for comparing my mother / to large buildings.»

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail