Hai uns días, unha das miñas compañeiras de traballo levantouse e deume unha aperta. Foi espontáneo, agarimoso e un breach of protocol peor que cando Lady Di saudou a raíña por primeira vez segundo os creadores de The Crown. E tamén un momento de luz nesas semanas que se nos fan interminables.
Este Nadal hai que restrinxir os abrazos. Esta é unha orde máis desas que nunca pensabamos que iamos recibir e que dende marzo xa son do noso planeta, aínda que soe alieníxena.
Na nova categoría de manter a distancia, hai novas modalidades de aperta: as traseiras, que te enganchan por detrás para reducir o contacto; as que quedan a medias porque saen do automatismo e quedan no aire da nova realidade, e as que se sinten como se o mundo parase coa convicción de que se xa estamos metidos no lío, vai ser mellor gozalo.
Unha das miñas pezas favoritas que colga da parede da casa familiar é unha lamina da «Praza Aperta» de Antón Pulido. Neste Nadal, ou non nos limitemos, a partir de agora, temos que buscar a nosa praza das apertas persoal. Probablemente non sexa un lugar ou un xesto físico. Quizais sexa un gif, unha canción ou unha conversa. Necesitámolo. Xa o di a ciencia. Sabíades que unha aperta de 30 segundos, desas auténticas nas que apertamos forte e a veces levantamos os pes de chan, pecha o ciclo do estrés e reduce a ansiedade?
No mundo das fake news, dos egoísmos daqueles que non comprenden que por unha máscara protexe aos demais de ti e non ao contrario, e no que os homes creepy e a violencia das diferenzas económicas e sociais impera e faise cada día máis grande, lanzar os nosos afectos ao aire ten valor. Para nós e para os demais.
Todos necesitamos sentirnos quentiños por dentro e proxectar luz. Sexamos inventoras como a grande Bubble para salvar o Nadal, busquemos unha nova forma de abrazar e de mostrar os nosos afectos. Non restrinxamos os abrazos. Este é o meu para toda a comunidade luzeira. Sen Luzes, todo sería máis gris. Que ben senta estar na casa!