No pasamento de Ramón Muñiz

P. Thompson, coma outros historiadores do marxismo británico, díxonos que a memoria se pode escribir dende abaixo. Deste xeito xorden capítulos marxinados ou silenciados que teñen unha transcendencia directa en nós.

A crónica oficial fálanos dos grandes fastos, dos nomes dos altos mandos militares e eclesiásticos, das dinastías monárquicas. Ás veces, fáisenos crer que a historia recae nos ombros de persoas dun talento excepcional que grazas á súa lucidez individual poden mudar a travesía do mundo. Dos de abaixo, poucos se lembran porque son puntos minúsculos na espiral da vida.

Ramón Muñiz morreu. É probable que os medios de comunicación (dos de arriba) nin comenten este suceso. A axenda informativa é outra porque os intereses son outros. Mais no intento por identificarnos e escribir a crónica mancomunada da xente común cómpre situar Muñiz.

Velaí estaba el no grupo de rapazolos que pasaban polo Seminario da Cultura Galega do Clube de Amigos da UNESCO en Madrid. Circulan os 10 puntos da UPG. Entra no partido, na célula de nome Che. As loitas estudantís na capital española son o bautismo.

Se cadra, de destacar algo en concreto, cómpre reparar na tarefa que Muñiz realiza no mundo rural en lugares coma Ribadeo, Lugo ou Monforte. Ao traballar en extensión agraria tivo contactos frecuentes coas familias campesiñas. Devagar formáronse os Comités de Loita Labrega, logo as Comisións Labregas mailo Fouce como peza de axit-prop.

El foi un deses motores que organizaron a resistencia antifeixista contra os abusos e a colonización: cota empresarial, Xove, Encrobas… Neste tempo aparece Moncho Valcárcel, a quen Muñiz reivindicou deica hoxe como presidente da Irmandade que leva o nome do Crego das Encrobas. En febreiro deste 2018 o Concello da Coruña púxolle unha placa na casa natal do citado cura e alí interviu Muñiz.

El formou parte do primeiro Cumio Central da UPG e do Cumio Executivo no tardofranquismo. As posibilidades de viaxar, por mor do seu posto laboral, permitiron que realizase unha notable función na  infraestrutura. Por esta razón, foi el recoller Reboiras logo do tiroteo coa Garda Civil en Terra de Lemos. Ía no Sinca oficial que serviu para pasar os controis sen seren retidos.

Estes retallos vivenciais e militantes, canda outros tantos de tantas outras persoas, conforman esa historia dende abaixo que é, exactamente, a memoria da xeración do tardofranquismo que pulou pola democracia. Nese combate cívico-político temos un espello. Temos, tamén, os capítulos da crónica interminable da cal facemos parte.

Esas pequenas loitas, escintilantes como cacharelas no escuro ventre do silencio, colaboran na toma de conciencia das persoas ante as inxustizas. En cada chouza ou piso, en cada barrio ou aldea. O sumar constante porque precisamos de mans capaces de impedir a imposición dun modelo de vida e sociedade que se rexe polos números e non polas persoas. Que o digan os traballadores de Alcoa. E contra todo isto dedicou o seu esforzo e capacidades Ramón Muñiz de las Cuevas, a quen a terra acolle para sempre.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail