O comité de empresa alerta de que a dirección «sinalou» a varios deles acusándoos de vulnerar a liberdade sindical por pegar carteis anunciando a protesta do próximo domingo en Santiago.
A Coruña.- O Comité Intercentros da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) denunciou que a dirección da empresa tomou «represalias» contra varios traballadores por publicitar a manifestación contra a manipulación informativa que convocaron para o vindeiro domingo día 6 de novembro en Santiago.
Segundo afirma o comité de empresa nun comunicado, varias centrais sindicais terían recibido «apercibimentos» da dirección de recursos humanos nos que identifica a eses traballadores e traballadoras e os acúsa «de vulnerar a liberdade sindical» por pegar pasquíns e carteis nas instalacións da CRTVG en San Marcos (Santiago) nos que se anuncia a manifestación.
«Non son máis que represalias para tentar amedrentar e someter a intensa actividade que o comité está a despregar estes días» para preparar a manifestación, aseguran os representantes dos traballadores, que entenden que en ocasións anteriores outras accións «exactamente da mesma natureza non se consideraron por parte da dirección susceptibles de ser advertidas ou amoestadas» e polo tanto, ao seu xuízo «só cabe enmarcalas no contexto da represión fronte a mobilización», engade o comunicado.
A empresa asegura que a acusación é «falsa» e defende unha versión distinta. Asegura que o pasado 21 de outubro enviou un escrito «informativo» a unha sección sindical xa que, asegura, esta «traspasou os límites legais das súas actuacións competenciais, pegando carteis en zonas que afectaron á emisión do servizo público en directo».
«A pegada de carteis e posterior retirada dos mesmos alterou o desenvolvemento dun programa. Esta, que é a parte fundamental, omítese no escrito de denuncia do comité de empresa”, engade a dirección, que subliña que o que pediu expresamente á citada sección é “que en diante desenvolvan o seu labor sindical dentro dos límites fixados polas normas e abstéñanse de utilizar os medios da empresa para fins distintos das derivadas do encargo que ten atribuída legalmente».
O persoal da CRTVG leva catro anos denunciando a manipulación nos servizos informativos dos medios públicos de Galicia en favor do PP e das súas figuras destacadas a nivel autonómico e estatal, especialmente de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda.
Tamén alertan de que se oculta intencionadamente a actividade da oposición política e dos colectivos críticos coa acción política da Xunta, como os que defenden a sanidade e a educación públicas; e minimízase o impacto de noticias prexudiciais para a imaxe do PP.
Así mesmo, denunciaron varios episodios de machismo e sexismo en diversos programas e contidos da programación da Televisión de Galicia (CRTVG).
A través da plataforma Defende a Galega, que gañou en 2019 o premio José Couso á liberdade de expresión que concede o Colexio de Xornalistas de Galicia, os traballadores convocaron xa desde 2018 220 venres negros, xornadas de protesta contra a manipulación, o sexismo e en esixencia de que se cre o consello de informativos previsto na lei galega do audiovisual aprobada fai case once anos.
A lei prevé que o consello sexa o órgano interno de participación dos profesionais da información co obxectivo de que poida velar pola «independencia, veracidade e obxectividade dos contidos informativos» difundidos pola radio e a televisión públicas.
A norma tamén prevé que o director xeral da corporación sexa elixido por maioría de dous terzos no Parlamento de Galicia. O PP ten 42 deputados na cámara, oito menos dos que precisaría para renovar o posto con alguén da súa confianza sen necesidade de negocialo coa oposición. Así, e contra o que establece a legalidade desde 2011, a Xunta mantén no cargo a Alfonso Sánchez Izquierdo, nomeado por Feijóo nada máis chegar ao poder dous anos antes.
Desde entón e baixo a súa dirección, a CRTVG acumula preto de tres centenares de sentenzas por vulnerar dereitos fundamentais e laborais, desde torpedear as folgas feministas do 8M con servizos mínimos abusivos a perseguir a xornalistas por expresar en público ou nas redes sociais a súa posición contra a manipulación. Só no último ano, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fallou en dezaoito ocasiones en contra das medidas adoptadas polo equipo directivo de Sánchez Izquierdo.
A última, en maio pasado, foi unha condena xa firme por vulnerar o dereito á libre expresión dun xornalista, locutor e presentador que foi perseguido, expedientado e sancionado por apoiar na súa conta de Twitter os venres negros de Defende a Galega, e que deberá ser indemnizado con 6.000 euros.
No seu comunicado, o Comité Intercentros asegura que os representantes dos traballadores «non tolerarán máis represalias e ameazas deste tipo sen darlles unha resposta contundente e chaman unha vez máis á cidadanía galega no seu conxunto para acudir o 6 de novembro á manifestación para rescatar a CRTVG do secuestro na que a mantén, desde hai xa demasiados anos, o Goberno da Xunta do Partido Popular».