A memoria política do fútbol: do galeguismo ao PP pasando polo franquismo

Desde a protoidade, o fútbol contou con tantos detractores dentro da política como noutras épocas foi usado para cumprir obxectivos ideolóxicos. Nos tempos modernos, a esquerda desprezouno e a dereita botou man del. Pero Galiza foi un caso especial no primeiro terzo do século XX, cando o galeguismo, non sen polémica interna, decidiu impulsar o que hoxe son os principais clubs de fútbol.

Xogar cos pés responde á necesidade lúdica de todas as civilizacións. Johan Hizinga afirma na súa obra Homo ludens que «o xogo é máis vello que a cultura pois, por moito que estreitemos o concepto desta, presupón unha sociedade humana e os animais non agardaron a que o home os ensinase a xogar». O fútbol medrou salvando moitas prohibicións mais tamén foi impulsado noutros momentos. No ano 1313, Eduardo III de Inglaterra promulgou unha lei contra as «corridas das grandes pelotas» e, en 1547, foi Enrique VI quen o declararía «delito lamentábel». En Francia, Felipe V e Carlos I decretarían a prohibición do xogo nos albores do século XIV. Aquí, Afonso X prohibiríalles aos clérigos que o xogasen.

Na península itálica, o Calcio foi asumido pola nobreza urbana para as súas grandes festas, pero o pobo mantívoo para practicalo nos días feirados. Giraudoux, Montherlant, Carl Diem, Pierre Vilar e, xa antes, Rudyard Kipling escribiron sobre a vertente estética e humana do deporte, mais na Galiza o Cabalo de Atila franquista non só machucou a herba cos seus cascos, senón que impediu o pensamento en liberdade. Os antifeixistas e nacionalistas galegos acolléronse ás teorías de Michel Caillat: «a ideoloxía deportiva é perniciosa porque vehiculiza e reforza todos os prexuízos reaccionarios», esquecendo os postulados da Escola de Frankfurt (a entrada do capital no deporte xera unhas estruturas deportivas similares ás do traballo, e calquera servizo cultural é producido, reproducido, conservado e difundido como parte dun proceso económico).

Certo que os clubs de fútbol responderon sempre aos intereses das burguesías locais dun ou doutro xeito e que a adhesión dos seareiros deriva, en moitas ocasións, pola incapacidade para escoller (só hai unha opción) ou pola sabenza de procurar os aliados que detenta esta burguesía, logrando identificacións máis ou menos estábeis a reflexo da propia idiosincrasia do club. Até 1936, o fútbol galego, sobre todo as directivas (e até 1915 tamén os xogadores) estivo nas mans da burguesía galega máis autóctona. No seu comezo, como sempre ocorre cos deportes desde a revolución industrial, foi a introdutora dos novos xogos.

É lóxico que sexa a burguesía a que abra novos camiños no deporte. En primeiro lugar, pola súa capacidade para acceder á cultura e crebar as ríxidas regras do réxime nobiliario, facendo renxer o propio sistema até que o debruzaron na guillotina da Revolución Francesa. En segundo termo, pola necesidade que tiña a burguesía de diferenciarse da plebe con novos divertimentos aos que esta non tiña acceso. Foi así como en Galiza a burguesía introduciu o fútbol por unha tripla dirección: froito das súas viaxes a Inglaterra, do estudo dos seus fillos nas English Schools e polas relacións que mantiñan cos barcos ingleses, sobre todo cos cabeiros asentados en Vigo e Vilagarcía.

Nos primeiros tempos, moitos dos clubs galegos, sobre todo os máis importantes, estiveron ligados ao galeguismo. Dúas son as razóns. Unha que o movemento reivindicativo galego tiña fondas raizames na burguesía autóctona, capaz de chegar á instrución, á cultura, e poder así soltar o ferrollo do autonoxo; a outra, que eran ben cosmopolitas e vangardistas naquela sociedade esclerosada e alleante na que só se ollaba cara ao Madrid cortesán, namentres os galeguistas tiñan a Europa como punto de referencia, cunha ligazón especial a Irlanda, Bretaña e tamén a Alemaña e ás súas vangardas. A creación dos clubs de fútbol ía na mesma dirección que levaba o impulso das corais, os grupos de baile ou as agrupacións de teatro.

O auxe do fútbol causou unha importante polémica no nacionalismo aló polos anos trinta, só que daquela o deporte tiña quen o defendera, algo que non pasou nos anos setenta e oitenta cando alguén termou porque o nacionalismo estivera presente nas institucións deportivas e, mesmo logo, cando se impulsaron as barras bravas dos seareiros. Incluso cando en 1980 se ía recuperar a selección galega de fútbol, foi boicoteada desde dentro da UPG por algunhas persoas colaboradoras dos servizos secretos españois.

O Celta, nos anos trinta

«O fútbol está agora nun período de grande actividade e absorbe a maior parte da preocupación da mocidade. Coa política sucede o contrario, pois leva unha tempada en completo estado de pasividade. Agora ben: non se pode dicir que teña toda a culpa o primeiro da situación da segunda. As razóns son outras máis graves e difíciles de resolver, sen negar que o fútbol poida ter algunha pero, desde logo, nun grao moi pequeno». Isto podía lerse en A Nosa Terra, pero non sería eu o seu autor, senón outro director, Vitor Casas, o 1 de outubro de 1935.

Casas afirmaba que, malia a grande polémica levantada por este asunto e o maioritario consenso de que o «deporte rei» era o causante da despolitización da xuventude, «eu non estou de acordo con tal xuízo (…) A min entusiásmame a política. A política é a vida dos pobos e ten que entusiasmarme dende o momento que me preocupo da vida do meu, e gústame moito o fútbol. A finalidade de cada unha das cousas é moi distinta (…) Certo que actualmente a mocidade se preocupa máis polo resultado dun partido que pola anormal situación política que atravesamos. Máis isto non é de agora. Antes de tomar o fútbol o incremento que tomou… Quen se preocupaba, falo nada máis que da mocidade galega, da nosa situación, do Estado de Galicia? Soamente uns cantos que aínda agora, a pesar do fútbol, continúan traballando e pensando no porvir da terra. Os demais, se non houbera o fútbol, falarían doutras cousas de menor importancia. Falarían de modas, estarían todo o día contando chistes e colmos, falarían de Fulanito e de Menganita e demais temas ridículos e cursis que xa son obrigados nas conversas da nosa mocidade».

Este debate que se dá no Partido Galeguista vén inducido, sobre todo, pola contaminación das ideas dos partidos que formarían a Fronte Popular, pois o galeguismo ollou a construción de clubs deportivos como un elemento de construción nacional.

«De todos os que intervimos na constitución do Vigo e do Fortuna, que eran os equipos da categoría primeira, eu son o único que queda», dicíame Xoán Baliño a comezos dos anos oitenta do pasado século. «O nome do Celta foi idea miña», contaba arrufado e fachendoso malia a que xa andaba preto dos cen anos. «Propuxen dous. Sabes cal é o outro? O Breogán. Eu fun moi amigo de Castelao, que tería agora oito ou nove anos máis ca min, como Valentín Paz Andrade. O reitor da Universidade Popular de Teis, tamén galeguista, era outro daqueles amigos meus que traballaron na construción do Celta. Nós procurabamos que non fose un club vigués, se non galego. Por iso non queriamos que levase o nome de Vigo, pois pretendiamos que detrás dese nome fose a opinión de todos os galegos».

Tamén na fundación do Deportivo, segundo Luís Cornide, republicano e amigo dos galeguistas, que participaron asemade na súa fundación, existiu unha disputa sobre o nome que levaría o club herculino, que mesmo provocou o afastamento dalgúns.

«N’A Coruña existía un ambiente moito máis republicano que noutras zonas de Galiza e nós queriamos que se chamase, unicamente, «Deportivo» pero tivemos que ceder e engandiríanlle de La Coruña».

Pero, sendo tan republicanos, aos tres anos da súa fundación incorporaríanlle á nomenclatura «Real». Como se entende? Contestounos Cristino Álvarez, fundador do trofeo Teresa Herrera: «o de Real era un chic burgués, non quería dicir nada, era unha cousa que se levaba na época».

Pero, se cadra, onde mellor podemos atopar a man do galeguismo no noso fútbol é en Pontevedra. A finais do século XIX, o nacionalista Xerardo Álvarez Limeses, desde as páxinas de Galicia Moderna, convértese nun animoso das nacentes disciplinas deportivas. Pasado o tempo, xunto ao seu irmán, crítico deportivo co alcume de Zaavrel, estrean cargos directivos no recentemente fundado Eiriña.

Xerardo sería o seu presidente e Antón Losada Diéguez tería un cargo destacado. Castelao, acompañado por Bóveda, será asiduo dos partidos, converténdose en caricaturista dos xogadores.

O club chegou a impulsar un semanario, Aire, que contaba coa presenza de destacados xornalistas deportivos e ilustracións de Castelao.

O Deportivo, nos anos trinta

Seguindo co espírito do «galeguismo republicano» o «piñerismo» tamén apoiou a constitución de novas sociedades e organizacións culturais, tamén as futbolísticas.

Entre os clubs creados durante o franquismo polos galeguistas, é salientable a constitución da Sociedade Deportiva Compostela, o 23 de xullo de 1962.

Tras unha reunión celebrada no nada proletario auditorio do Hostal do Reis Católicos, o acordo que legalizou a nova entidade ficaría apoiado por máis de 5.500 afeccionados.

Foi Agostiño Sixto Seco quen levou a voz cantante na asemblea constituínte, logo da benvida do doutor Elisardo García Fernández. E foi el tamén o encargado polo Grupo da Rosaleda de levar adiante a idea que remoeran na mesa camilla de Ramón Piñeiro.

O doutor Sixto contoume en máis dunha ocasión como foi quen de involucrar tanto ao concello, presidido por Porto Anido, como á universidade, representada naquel primeiro acto polo catedrático Charro Árias, delegado universitario para actividades deportivas.

É de significar que, despois de solicitar axudas a todas as institucións locais e provinciais, decidiron realizar unha consulta-propaganda entre os cidadáns a través duns boletíns enviados aos pais de familia. Na mesma informaban da constitución da nova sociedade, preguntaban sobre que lles parecía a iniciativa e dicíaselles que de contestar afirmativamente non contraían ningún compromiso económico. En consonancia co espírito galeguista que puxo a andar esta institución, a S.D. Compostela escolleu as cores da nosa bandeira como indumentaria oficial.

Imaxe dun partido entre o Deportivo e Colo-Colo chileno, en 1937

A esquerda, como conxunto, entretívose dende o comezo en diferentes tipos de análises do fenómeno futbolístico: crítico-ideolóxica, político-económica e socio-psicolóxica. Gastou na discusión un grande esforzo intelectual para rematar desprezándoo. A dereita, sempre tan eficaz, foi máis concreta: usou o fútbol en beneficio dos seus intereses de dominación. O pensamento progresista seguía reflexionando: o fútbol era un dique de contención da subversión necesaria, obstruía, por perversión, a solidariedade colectiva; reproducía o mundo laboral capitalista… concluído isto, a esquerda desinteresouse e, orfa de materia gris, a masa futboleira tomou medidas de compensación», escribiu Jorge Valdano.

Imposto o réxime ditatorial en Galiza, toda a sociedade quedou en mans dos adeptos ao Movimiento sen posibilidade de intervención para todos aqueles que non lles fora recoñecida a lealdade inquebrantábel. Así, os principais clubs galegos pasaron a mans dos militares e, despois, dos responsábeis do Movimiento, carteira ministerial da que dependía o deporte. Máis adiante serían as forzas vivas (nome que leva explícito a pertenza ao establishment social do Réxime segundo a xerarquía local) as que se farían cargo das directivas dos distintos clubs. O nomeamento facíase a dedo ou por aclamación. En certas ocasións, era un nomeamento obrigatorio para alguén que tiña que pór o diñeiro que o responsábel local do Movimiento non daba acadado para facer funcionar o equipo ou subilo de categoría, co que o político aumentaría postos no escalafón xerárquico, militarizado, do franquismo.

Nas comarcas, os delegados da Falanxe promovían esporádicos trofeos e aproveitaban as festas para agasallar ostentosamente os gañadores dos partidos entre interminábeis discursos e proclamas co brazo en alto cara ao sol e o himno español a todo meter. Pero, pouco a pouco, segundo os falanxistas ían sendo desprazados do Réxime, coa apertura obrigada do franquismo e o nacemento dunha nova burguesía local, moitas veces procedente de estratos máis baixos e alimentada pola corrupción, produciu unha certa mobilidade nas directivas. Os novos ricos, sen recoñecemento social familiar, necesitaban unha panca que os empurrase na escada social. Nada mellor que o recoñecemento público e a popularidade para logralo. Como xa non podían ser os famosos sportmen, comezaron a tomar as directivas dos clubs de fútbol.

Nos anos sesenta comezarían as disputas entre os diversos grupos económicos locais para facerse co control dos clubs como xeito de impulsar os seus negocios por medio do «recoñecemento cidadán». Algunhas veces, estes grupos empregarían na presidencia homes de palla namentres eles movían os fíos.

Trala morte de Francisco Franco, xa non se trataría tanto de ser (presidente ou directivo), senón de aparecer (como tal, con mando) nos medios de comunicación. Agromarían, deste xeito, outro tipo de presidentes dispostos a utilizar o club directamente para os seus fins particulares. Mesmo os empresarios déronlle paso a xestores como Lendoiro ou Caneda, ao converterse os clubs en sociedades anónimas deportivas. No caso galego este ascenso veu da man do Partido Popular, que os situou no posto, por medio de diñeiro público e, logo, utilizaríaos electoralmente.

As directivas dos clubs son un inmellorable exemplo, unha verdadeira fonte histórica, para ollar non só os grupos emerxentes nas cidades e vilas, senón os sectores en auxe e en decadencia en cada etapa, os pactos e as relacións político-económicas. O auxe dos clubs coincide co auxe das cidades e as directivas están formadas polos sectores que comandan a súa economía, comportándose nos clubs coma nos seus negocios.

É o seu xeito de facer política, envoltos nas bandeiras das queridas cores dos equipos.

.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail