Os megaincendios e a inmolación rural

Non, non remataron os incendios. O lume está agochado nos despachos, e nos espazos de poder onde se toman as decisións, alucando o que se vai facer e o que non. E o fume tamén anda por aí, acampado, á espreita. Para referirse ao perigo da guerra química, Walter Benjamin escribiu: «Cómpre cortar a mecha que arde antes de que a chispa alcance a dinamita». Hai unanimidade en recoñecer que o inferno deste verán foi excepcional, pola extensión dos lumes e pola súa duración. Viuse que o sistema de prevención e os medios de extinción ficaron máis que insuficientes. Hai unanimidade tamén en falar de «megaincendios». Nesta época de Mayday que vivimos, tamén os lumes se espallan e aceleran. A mecha vai moi veloz e cada vez vai ser máis difícil freala.

Agora, en quente, co medo e co rescaldo dos lumes nas conciencias, escoitamos promesas e discursos. Mais as respostas concretas por parte de quen gobernan, no que a Galicia atinxe, fican unha vez máis nun «solucionismo» de remendos. Hai unha dobrez na Xunta que entulla o discernimento. Por unha banda, considérase que os megaincendios viñeron para quedarse, pero, por outra banda, non se quere afrontar que estamos nunha situación de «emerxencia» debido ao quecemento global. Na publicidade turística institucional, utilízase o reclamo de Galicia como «refuxio climático», mais logo, na política real, refúganse os análises científicos sobre o cambio climático e as medidas de urxencia paliativa que se derivan. Por exemplo, xa non se pode adiar máis o cambio do nefasto modelo forestal e colocar no corazón da xestión autonómica o «emprego verde» e dotar de servizos as comunidades que resisten no rural.

Os megaincendios son tamén un xeito de guerra contra a natureza. Para cando un inventario dos seres vivos que sufriron morte polos lumes?

O afundimento do medio rural é unha derrota para todo o país. Pensar que o benestar urbano vai ser compatíbel co desleixo cara ao medio rural, ese «ir afacéndose», ese fatídico laissez faire,  é algo máis que ignorancia e incompetencia. É unha política do dano, do maltrato, que queima á sociedade no seu conxunto. Espallar como síndrome colectiva o chamado burn-out, o incendio das almas, das conciencias. Con lúcida precisión, con ollada ecosocial, expresouno o catedrático leonés Alfonso Fernández Manso: «Os incendios non son soamente catástrofes naturais, son a revelación dun sacrificio territorial».

Sacrificio. Inmolación.

As dimensións dos sinistros mídense por hectáreas. E foron moitas. Só en Galicia, e segundo o programa europeo Copernicus, este agosto de 2025 o lume afectou a unhas 143.000 hectáreas. E a principal distinción adoita facerse entre superficie arborada e zona de mato. Cando se destaca que gran parte da superficie queimada corresponde a mato ou monte baixo pode darse a enganosa visión de infravalorar o dano. Adoita esquecerse nas declaracións oficiais que as especies pioneiras terman da terra, son fogar de vida salvaxe e posibilitan unha maior diversidade futura. O balance do presidente da Xunta, subliñando que a maior parte do ardido «foron pedras e mato», responde a un intento de minimizar, mais tamén demostra ignorancia.

Á parte das hectáreas, cómpre usar outras varas de medir á hora de cuantificar as perdas. Na linguaxe bélica tense utilizado a expresión «violencia catastral».  Os megaincendios son tamén un xeito de guerra contra a natureza. Como estamos a ver, afectan cada vez máis a casas, gando e cultivos dos humanos, mais sobre todo arrasan o espazo vital da «outra xente». Os animais e flora silvestre. A biodiversidade toda. Para cando un inventario dos seres vivos que sufriron morte polos lumes?

Tense falado de que detrás dos sinistros hai «tramas organizadas». Sen máis datos, semella unha retórica de distracción masiva. Onde si hai á vista un xeito de «trama organizada» é a do negacionismo do quecemento global e das causalidades que o están a acelerar. O primeiro que habería que sementar para evitar a desertización son os escrúpulos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail