Que tempo de traballo?

A recente derrota no Congreso do Goberno, e moi en particular da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, sitúa a lexislatura ao límite para Sumar. A rebaixa de media hora diaria era a aposta estrela de Díaz para estes anos. Porén, Junts resistiuse. Confía en que aínda terá tempo para apertar a Sánchez na súa particular negociación. O problema de Junts, non obstante, é que a alternativa á coalición de Sánchez e Díaz é un goberno de dereita recentralizador que vai deixar o autogoberno catalán nunha anécdota.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, a portavoz de Junts, Miriam Nogueras, esgrimiu sen moita convicción a máis ampla defensa do Estado de benestar. O certo é que logo das dúas últimas décadas de recortes e procés, a credibilidade welfarista de Junts está moi lonxe de conferir un mínimo de seriedade ás palabras de Nogueras, senón que o problema ten que ver con algo que indirectamente afecta ao seu argumentario: a composición social na que se sostén a proposta de Díaz.

Hoxe pouca xente recordará o que, de feito, é parte xa da historia recente da esquerda española. Ao longo da última década, desde a irrupción de Podemos ata a actualidade, a esquerda viuse dividida entre partidarios e adversarios dun cambio de paradigma arredor de que se entende por volver gañar e como organizar a estratexia en base a iso. En 2014, Podemos rompeu as negociacións cunha IU convencida do seu dominio da maquinaria e da incapacidade dos morados para pór en marcha unha alternativa electoralmente competitiva, así que afrontou as eleccións europeas en solitario.

Naqueles primeiros momentos, en Podemos fora formulado un debate que perdura, por máis que agora volveu ao segundo plano nas esquerdas: defender o mundo do traballo coas vellas ferramentas (partidos, sindicatos, etc.) e as mesmas solucións (suba salarial, mellora do salario mínimo…)? O certo é que este debate tamén atravesaba o propio Podemos, onde para alén das divisorias persoalistas, o certo é que a renda básica tiña un maior predicamento. Aconteceu así que nun primeiro momento apareceu como proposta vertebradora e, máis adiante, como unha opción suxeita a consideración.

Entre 2016 e 2019, coa escisión e fundación de Más País, a crise interna foi provocando sucesivas posposicións do debate, mais tamén aliñamentos cada vez máis claros. En Unidas Podemos, os defensores do salariado facíanse fortes na mesma medida en que se pechaba a fiestra de oportunidade histórica. Progresivamente, IU e ICV, con CCOO yeUXT detrás, e non tanto por unha vontade explícita como polo retorno ao de sempre, foron impoñendo as liñas de discurso. Cando Iglesias cede o poder a Díaz consúmase esta tendencia. Yolanda, ao cabo, é filla de Suso, e ambos veñen da historia obreira da que veñen.

Mais, ao tempo, houbo en Más País un debate interno, a procura dun elemento co que dotar de perfil ao proxecto. Novamente escisión: dunha banda, herdeiros de IU de Madrid apostaron pola loita salarial e o que, daquela cando menos, viña a ser unha solución orixinal: reducir a xornada laboral aos catro días. Negociábase á baixa e deixábase para máis adiante a loita pola renda básica e o seu cambio de paradigma. Abofé que reducir a xornada a catro días permitiu abrir unha liña argumental inédita na política española.

Non se trataba da redución de xornada laboral por baixo das 40 horas semanais ata un tope diario (pénsese nas 35 horas como unha hora menos ao día). A cousa era, en cambio,  reducir a xornada semanal, co incremento correspondente do tempo de lecer (unha fin de semana de tres días). Unha novidade que ten aplicación noutros países máis avanzados cun magnífico resultado de incremento de produtividade e outros resultados non menos substantivos. Co devir político, Más País engadiuse á lista de Sumar e, nas mans da candidata Yolanda Díaz, a reforma caeu á media hora diaria que agora acaba de desestimar Junts.

Nun exercicio de impotencia burocrática, os sindicatos sairon á rúa estes días. Afirman, como ferramenta do movemento obreiro histórico que son, que non pensan renunciar e aplauden a teimosía de Yolanda ao sinalar que o volverá a intentar. Toda unha metáfora que resume ben o que foi a historia do movemento obreiro desde os Pactos da Moncloa. Desafortunadamente, ninguén parece hoxe lembrar que existe unha oportunidade agardando por unha axencia democrática real.

A renda básica constitúe hoxe un punto de apoio máis que madurado e que pide paso agora para frear a ultradereita. Unha pista: os 200€ incondicionais por fillo propostos por Bustinduy. Poderían ser un comezo se ao chegar aos 18, eses fillos continuasen incrementando e ampliando xeracionalmente a que entón podería ser a renda básica definitiva.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail