Os recortes da Xunta deixan sen médico os habitantes do Courel durante 22 días de outubro

A Coruña.- O Servizo Galego de Saúde (Sergas) deixará sen médico durante 22 días do mes de outubro os douscentos habitantes de San Xoán de Seoane do Courel, unha localidade do municipio lucense de Folgoso do Courel, onde máis do 43% da poboación supera os 65 anos. Segundo as indicacións colocadas no centro de saúde, alí só haberá médico oito días de outubro durante catro horas ao día, e cinco horas a última xornada do mes.

Seoane, como se coñece o topónimo da localidade na comarca, é o núcleo principal do concello, situado ao sueste da provincia en plena Serra do Courel, nunha das zonas máis afectadas polo declive e o envellecemento demográfico en Galicia. Con menos de mil habitantes, a maioría repartidos entre Seoane e a vila de Folgoso, só hai 53 que teñan menos de 18 anos, segundo o Instituto Galego de Estatística. Máis de 160 persoas superan os 80 anos, e máis de 330 teñen 70 ou máis.

«É unha situación moi preocupante, o Sergas díxonos que seguen traballando para atopar médicos, pero non os hai», aseguran fontes do Concello, que goberna o Partido Popular. Aseguran que os dous centros de saúde do municipio, en Seoane e Folgoso, eran atendidos ata o de agora por dúas médicas, pero que unha se atopa de baixa por incapacidade temporal e a outra solicitou un permiso.

Os carteis indican que non haberá facultativos en ningún dos dous centros do municipio durante outros nove días de outubro. Sumados ás fins de semana, iso quere dicir que durante 17 xornadas, os veciños terán que trasladarse ao momento de atención continuada de Quiroga, a cabeceira comarcal, a unha hora e media por estrada, se necesitan os servizos dun galeno.

Carteis

O Sergas asegurou a Luzes-Público que os carteis non son oficiais e que «non os puxo a xerencia da área sanitaria», que contabiliza no municipio 734 tarxetas de saúde. «Non se corresponden coas datas nas que estamos a pechar actividade cun substituto, e traballamos para contar con el todos os días da semana», engaden esas fontes, que non explican se é habitual que os seus centros médicos alerten das xornadas nas que contan ou non con presenza de médicos.

Sosteñen que «a día de hoxe, na maioría dos días do mes de outubro xa está confirmada e garantida a asistencia dun [médico] substituto para cubrir a atención» sanitaria no municipio, aínda que non aclaran nin cantos días son nin cales en concreto.

Un dos carteis que alertan da ausencia de persoal médico nos centros de Folgoso do Courel

A falta de médicos e o peche de centros é un problema continuado e recorrente en Galicia, que a Administración sanitaria achaca á imposibilidade de atopar médicos. A oposición, os sindicatos, as organizacións profesionais e as asociacións de usuarios e pacientes sinalan, con todo, aos recortes no orzamento sanitario dos gobernos de Alberto Núñez Feijóo e de Alfonso Rueda, á precariedade e aos baixos salarios que ofrece a Xunta aos médicos, especialmente os qure traballan en áreas illadas.

«Hai tempo que decidiron pechar os centros de saúde nas zonas rurais, somos por moito a comunidade autónoma que menos ten», sinala Manuel Marín, portavoz de SOS Sanidade, a plataforma que encabeza a defensa do sistema sanitario público en Galicia. «Non chegamos a sesenta, cando noutras comunidades como Castela A Mancha e Castela e León superan os mil centros», asegura.

Situación «dramática»

Marín asegura que nalgunhas zonas a situación é «dramática», especialmente para a poboación maior, cuxa demanda de atención triplica ao do resto de tramos de idade, e que sofre ademais de dificultades de mobilidade e para desprazarse nun territorio con malas comunicacións onde o transporte público é inexistente ou testemuñal e onde o mal tempo no inverno complica calquera viaxe.

«O resultado é que quen máis atención precisa é xustamente quen menos atención recibe. E os efectos son ben claros: as zonas rurais quedan sen poboación entre outras cousas porque quedan sen o servizo máis esencial, que é a prestación sanitaria», conclúe Marín.

En 2009, antes da chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta en maio dese ano, o orzamento sanitario do Goberno galego ascendeu a 3.720 millóns de euros, que se elevarían a 4.996 millóns de euros calculados a prezos de 2024; é dicir, tomando en conta o incremento dos prezos. Tras 15 anos de goberno do PP, o gasto sanitario nos orzamentos aprobados polo Executivo de Alfonso Rueda para este exercicio ascende a 4.584 millóns de euros, é dicir un 8,2% menos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail