Samuel, dun tempo a esta parte

O tempo parou en seco hai xa tres meses no chan da avenida Bos Aires. Un descoñecido Samuel Luiz abandonaba para sempre o anonimato pola peor das razóns. Nin el nin ninguén puido imaxinar xamais que a súa cara abriría ao día seguinte os telexornais e as seccións de sucesos da prensa mundial, que a nova do seu asasinato centraría os principais titulares dos boletíns das radios, que a súa lembranza enchería as prazas de decenas de municipios en sinal de condena, que o seu sorriso apagado a broucazos convertiríase nun símbolo do incomprensible e do intolerable. Que centos de miles de descoñecidos gritarían con dor o seu nome dous días máis tarde. 

Imaxe da manifestación polo asasinato de Samuel o pasado 5 de xullo na praza de María Pita da Coruña / Foto: Aitor Neira.

O seu nome. Un nome que a sociedade non pode permitirse esquecer, porque o recordo é o único tributo que pode rendirse ao irreversible. Ata o clima pareceu sumarse ao loito: ese mes de xullo quedou para a historia como o máis frío e escuro que se lembra en anos na cidade da Coruña. 92 días máis tarde o sol volveu saír, e ao verán doulle tempo de chegar para marchar de novo, aínda que, moi probablemente, na casa de Samuel aínda non se esvaeron as nubes.

Manifestación na Coruña contra a homofobia e para pedir «Xustiza para Samuel». Foto: Xurxo Lobato.

Tres meses. Xullo foi o mes da emoción contida fronte a un altar improvisado arredor dun bolardo, da raiba berrada na rúa e dos titulares cruzados. Das présas informativas, da competición pola primicia, do dato de última hora, do desmentido. Do debate, da discusión e da tertulia. Do reflexivo análise e da columna de opinión pouco meditada. Da descrición morbosa, da especulación, da dúbida razoable e do veredicto incontestable. Do seguro que son nenos de familias ben, por iso non trascende, e do seguro que son menas e bandas latinas, por iso non trascende. Do chamádeo homofobia, do non lle chamedes homofobia. Do chamádeo asasinato, do quitádelle o presunto. Dos límites do escrúpulo, sen dúbida. Do desembarco de Grisos e Ana Rosas en latitudes inusuais para as súas escaletas, que interrompían as súas vacacións co obxectivo de ensinarlle á prensa de provincias como se fan as cousas.

Altar colocado en memoria de Samuel Luiz no lugar da malleira.

Agosto foi o mes do público sumario. Do queremos saber os seus nomes e ver as súas caras. Do queremos máis detalles. Merecemos máis detalles. Do bulo. Das mil e unha reconstrucións dos feitos en busca de explicacións que non existen. En agosto empezou tamén a apagarse a intensidade informativa das semanas precedentes. As cámaras de televisión deixaron pouco a pouco de aglomerarse no lugar no que un día se depositaran flores e velas en memoria daquel rapaz. Os enviados da prensa xeralista deixábanse ver, nas súas cada vez menos frecuentes incursións na cidade, nas portas dos xulgados, polas que en ocasións desfilaban os detidos cos rostros agochados. Os pais de Samuel retiraron o altar co obxectivo de pasar páxina e tratar de seguir vivindo, ou algo que se lle asemellase. Moitos preguntáronse entón a santo de que, se se trataba dunha homenaxe brindada pola comunidade. Outros respostaron que para a comunidade a vida seguiría a fin de contas, e se non era mellor homenaxe axudar como fora a paliar a dor dunha familia para a que nada volvería a ser igual nunca. Nin sequera parecido. 

Ibrahima e Magatte, nunha foto de Instagram, diante da estatua de Emilia Pardo Bazán na Coruña.

Falemos dos danos colaterais, ou dos puntos de luz resultantes dun relato con poucas esperanzas. Ibrahima e Magatte, os dous migrantes senegaleses que arriscaron as súas vidas por ese rapaz ao que de nada coñecían sabendo que tiñan máis que perder que ninguén, e que viviron tamén a súa propia persecución mediática encerrados na casa por recomendación do seu avogado. Ibrahima e Magatte, aqueles aos que chamamos heroes, aos que adicamos palabras a medio camiño entre a admiración e a condescendencia, aos que fixemos dende o noso pedestal merecedores duns papeis en regra. Ibrahima e Magatte foron dignos, e con toda a razón, das nosas máis altas consideracións, e o eloxio estendeuse tamén no seu momento aos seus compatriotas, aos que tildamos tamén de heroes ao seu xeito por teren arriscado todo na procura dunha vida mellor, e a quen, porén, non alcanzou o recoñecemento administrativo. Os centos de senegaleses que non son Ibrahima e Magatte seguen hoxe durmindo no día para enganar a fame, recibindo desprezos e miradas altivas mentres tratan de vender chisqueiros e flores de plástico, e aturando mofas de borrachos nas mesmas rúas coruñesas nas que mataron a Samuel, nas que a colectividade se revolveu contra o seu asasinato e nas que fixeron fillos adoptivos a Ibrahima e a Magatte despois de ter ignorado a súa existencia durante anos.

A Coruña non volveu ser a mesma dende a madrugada do 3 de xullo de 2021, non pode volver ser a mesma nunca. Ninguén pode percorrer xa esa avenida sen destinar un pensamento a aquilo que nos fixo congregarnos a milleiros de persoas para clamar xustiza por un rapaz do que nada sabiamos o día anterior

En setembro fíxose o silencio. As Grisos e Ana Rosas retornaron aos asuntos importantes. Os que reivindicaron a memoria de Samuel como de dominio público e patrimonio colectivo esqueceron o tema. As escasas informacións que aínda gotean polas poucas cabeceiras que seguen dando cobertura ao asunto –a excepción das novas relativas a un último detido que pasaron sen pena nin gloria–, case non interesan xa a ninguén. Ou iso pode pensar quen non estea a prestar moita atención. A Coruña non volveu ser a mesma dende a madrugada do 3 de xullo de 2021, non pode volver ser a mesma nunca. Ninguén pode percorrer xa esa avenida sen destinar un pensamento a aquilo que nos fixo congregarnos a milleiros de persoas para clamar xustiza por un rapaz do que nada sabiamos o día anterior. Todos aprendemos sobre nós mesmos nestes meses. Ás veces fomos testigos da mellor cara da sociedade. Outras, tivemos que enfrontarnos ás nosas peores vergoñas. Gústame pensar que moitos deixaron para sempre de considerar a palabra «maricón» un simple insulto botado ao aire. Ninguén esqueceu na Coruña o nome nin a cara de Samuel Luiz. De todas as infamias do noso mundo, esa é a única que non nos podemos permitir.

*Na apertura: concentración contra a homofobia en María Pita tralo asasinato de Samuel Luiz, diante do Concello da Coruña. Foto: Xurxo Lobato.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail