O PSOE abre oficialmente a guerra polo liderado do partido en Galicia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presenta este xoves a súa candidatura contra o actual secretario xeral, Gonzalo Caballero, sen que os principais líderes da formación se pronuncien expresamente a favor de ningún deles.

A Coruña.- O PSOE vén de abrir a batalla polo liderado do partido en Galicia nun proceso que enfronta as dúas faccións que conviven na formación, e que probablemente vai deixar feridas abertas sexa cal for o resultado final do congreso que os socialistas galegos celebrarán o próximo mes de decembro, tras as primarias para elixir o seu secretario xeral.

Dun lado sitúanse os partidarios de quen ocupa hoxe ese cargo, Gonzalo Caballero, portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia. Do outro, os do presidente da Deputación da Coruña, secretario provincial do partido e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, quen presentou a súa candidatura este xoves nun acto no seu municipio.

Entre ambos sitúase o aparello do partido en Madrid, que prometeu neutralidade, e unha militancia desencantada polos malos resultados electorais nas autonómicas desde que o PSOE perdeu o Goberno da comunidade hai doce anos, cansada das batallas internas que o lastraron desde entón e á que non parece entusiasmar ningún dos dous candidatos.

Gonzalo Caballero chegou á secretaría xeral hai catro anos, co partido dirixido por unha xestora tras a dimisón de José Ramón Gómez Besteiro, ex presidente da Deputación de Lugo, quen caeu vítima das penas de telexornal que lle impuxo unha imputación xudicial por corrupción que finalmente se demostrou infundada.

Caballero fíxose co liderado do PSdeG contra a maquinaria do aparello en Galicia, incluído o seu tío Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), quen lle negou entón o seu apoio e con quen mantivera soadas diferenzas públicas.

José Ramón Gómez Besteiro / Foto: PSdeG.

Unha vez ao mando do partido contra todo prognóstico, Caballero prometeu recoser a formación e devolverlle a súa capacidade para competir con Feijóo e co BNG. Pero o seu proxecto viuse truncado polos malos resultados nas autonómicas do ano pasado, cando se demostrou incapaz para aproveitar a desfeita das mareas para sumar cos nacionalistas e evitar a cuarta maioría absoluta do PP.

Caballero subliña que, a pesar de todo, o partido está forte en Galicia porque goberna cinco das sete grandes cidades e tres das catro deputacións provinciais. Pero desde os comicios de xullo de 2020, que o situaron como terceira forza na Cámara autonómica, tivo que lidar coas voces críticas que lle negan validez como candidato e como secretario xeral, e con algunhas operacións de desgaste nos medios das que a súa contorna responsabiliza o propio González Formoso e a José Manuel Lage Tuñas, tenente de alcalde no Concello da Coruña que preside Inés Rey.

O anuncio do alcalde das Pontes abriu unha batalla na que os cargos de representación cos que conta o PSOE na comunidade empezaron a posicionarse tibiamente e entre liñas, sen dar o seu apoio explícito a ningún candidato aínda que si ofrecendo pistas sobre as súas preferencias.

A alcaldesa da Coruña celebrou que existan «diferentes candidaturas», pero non citou a Caballero e si a González Formoso, a quen o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, tamén definiu como «un candidato sólido». O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, inclinouse por «esperar» a que remate o prazo de presentación de candidaturas para adoptar algunha posición, mentres que a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, lamentou que ningún dos que se presentaron ata o de agora –nada parece indicar que vaia haber máis– sexa unha muller.

Abel Caballero / Foto: J.O.

A posición supostamente equidistante de Silva coincide coa do seu mentor, Abel Caballero, quen rexeitou o martes valorar a ningún dos candidatos. «Eu non estou nisto, eu estou na Alcaldía, na presidencia da FEMP e na Executiva Federal do PSOE, da que son membro nato como presidente da FEMP. Ese é o meu ámbito político, o resto obsérvoo e préstolle atención, pero non entro a valoralo», dixo.

A posición do alcalde de Vigo é fundamental, pois é na provincia de Pontevedra e en Vigo –a cidade máis poboada de Galicia e con máis militantes do PSOE– onde probablemente se libre boa parte da batalla polo liderado do partido.

Fontes próximas a Gonzalo Caballero restan importancia ao feito de que o seu tío non lle manifestara explicitamente o seu apoio e negan que a súa posición vaia ser a mesma que hai catro anos. «As relacións reconducíronse e a situación agora é moi distinta. Abel ten un electorado moi transversal na súa cidade e probablemente quere afastarse do ruído deste proceso. Poida que non vaia facer campaña por Gonzalo, pero o que está claro é que por quen non a vai facer seguro é por Valentín», afirman.

Caballero presentou a súa candidatura o martes en Pontevedra chamando á unidade do partido. «Hai que decidir entre un proxecto galeguista, ecoloxista, feminista e de esquerdas», dixo, ou retroceder a un sistema «de baronías e virreinatos».

José Manuel Lage Tuñas.

Referíase á alongada sombra do seu predecesor, Gómez Besteiro, quen segundo algunhas fontes estaría tamén detrás da candidatura de Formoso tras ter supostamente pactado con el e con Lage Tuñas o seu apoio para presentarse como candidato ás primarias para as autonómicas. Un papel que algúns reservan, con todo, ao delegado do Goberno e ex alcalde de Ames, José Miñones, quen sería o preferido de Ferraz e de Pedro Sánchez.

Caballero tamén falou de integración, dando a entender que estaría dispueso a achegar posicións para acordar unha solución que impida visualizar o conflito interno que vive o partido, e que se manifestará con toda a súa crueza con dúas candidaturas tan enfrontadas. Pero parece que no único en que coinciden as fontes consultadas por LuzesPúblico na contorna dos dous aspirantes é que esa posibilidade parece completamente descartada.

Onte, nas Pontes, González Formoso eludiu dar pistas sobre a opción dunha lista única, e limitouse a anunciar «unha campaña en positivo» que desenvolverá ao redor das mensaxes «de ilusión e achega de ideas» que, ao seu xuízo, esperan a militancia socialista e a sociedade galega.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail