U-las Greta Thunberg galegas en bici?

Hai case que un ano que o Parlamento rexional de Flandes se negou a asinar a declaración política que comprometía a Bélxica coas medidas efectivas para reducir as súas emisións de CO2 e cumprir o Acordo de París contra o cambio climático.

Case que un ano do comezo das protestas dos adolescentes belgas contra os seus políticos, acusándoos de deixalos sen futuro. Os rapaces do país foron dos primeiros en imitar os xoves en folga escolar da pequena sueca Greta Thunberg. Eran agás uns poucos centos polas rúas de Bruxelas, hoxe son milleiros aquí e en todo o planeta.

Se entón a condescendencia dos dirixentes da dereita flamenca alporizou a estes rapaces, tentaron silencialos de volta ás súas casas cun «é positivo que os estudantes se ergan e teñan interese por unha mellor política climática, pero saltarse clases non é o xeito adecuado. Sodes benvidos ao Parlamento os mércores pola tarde». Agora estamos a ver desprezos a Thunberg pola súa cara de carraxe e os seus gritos ante as Nacións Unidas.

Atribúese a Gandhi a cita, «primeiro ignórante, logo rinse de ti, despois loitan contra ti, entón é cando gañas». Estamos no salto da segunda á terceira fase, o intre no que o movemento xuvenil de protesta global climática comproba o que é ser inimigo de certas industrias, de políticos e de intereses económicos. A lama xa lles toca os pés, procúranse supostos apoios ocultos de terceiras empresas e de filántropos, critícanse os laios de Thunberg por ser unha nena do primeiro mundo. As cámaras, din, deberían enfocar aos activistas medioambientais que morren no Brasil ou Colombia, en Sudáfrica ou na China. Sen se decatar de que a súa loita é a mesma pero somos nós, comezando por Europa, quen pode cambiar o insostible rumbo global.

Miles de estudantes polo clima marchan cada xoves pola mañá en Bruxelas, e outras cidades Belgas, pedindo unha política de protección ambiental máis ambiciosa. © Greenpeace / Eric De Mildt.

Os estudantes belgas que comezaron os xoves de protesta coñecen o que é esta guerra soterrada. Eles tamén foran acusados de ter escuros patrocinadores políticos. Saben ben o que é espertar a cólera dos gobernantes. A súa loita na rúa tivo, malia todo, recompensa. Nas pasadas eleccións municipais, a marea verde medrou dun xeito nunca visto polo país. En toda a metrópole bruxelense foi aínda máis. Os verdes acadaron o poder na mesma capital comunitaria e tamén en Ixelles, un dos concellos máis importantes da cidade.

Uns meses despois, a falla de tempo para traballar, os cambios xa se notan. Unha cadea de comida rápida foi vetada para se instalar nunha importante rúa, porque dende o goberno ecosocialista de Ixelles argumentan que xa hai demasiadas nesa arteria, na mesma onde aceleraron os traballos de peonalización, e en toda a cidade estanse a multiplicar os carrís bici. Nos últimos anos construíron 50 quilómetros. Para o seguinte multiplicarase esta rede en paralelo coa prohibición á circulación dos coches diésel ou a restrición da velocidade a 30 qm/h.

Unha quinta parte dos que vivimos en Bruxelas movémonos en bicicleta, segundo datos oficiais, que contabilizan un aumento anual do 3%. Aos pés da Comisión Europea hai un deses carrís ciclables cun contador de bicis dos instalados ao longo de toda a rede. En conxunto levan rexistradas máis dun millón e medio de viaxes e superarán os dous millóns ao rematares este ano.

Bicicletas en alugueiro nunha rúa de Bruselas (peanutian CC BY-SA 2.0).

Datos de ciclistas pola cidade e de impulso político forzado pola presión cidadá que contrastan cunha noticia de hai uns días na televisión pública española, na que se vendía a Madrid como pioneira da bici porque unha asociación tenta implantar o seu uso polo medio da rúa, sen separación co resto de vehículos. As cifras do consistorio madrileño desmontan estas tolemias, con aumentos do 280% no uso da bicicleta nos tramos con segregación total e só do 40% onde o ciclista circula entre o tráfico.

Se na pioneira Madrid só pouco máis dun 1% dos vehículos son bicicletas, mellor non por en comparación as cidades galegas con Bruxelas, nin tan sequera en termos relativos. A ampliación do paseo litoral de Pontevedra a Marín non contará con carril bici en toda a súa extensión. En Vigo están a abrir a primeira senda, con dez quilómetros, entre protestas de comerciantes que temen a perda das ventas que achegan os coches aparcados en segunda fila. Na Coruña, ver unha bicicleta debería ser motivo de ledicia colectiva como protesta simbólica ante os 200.000 vehículos que contaminan a cidade a diario.

Se unha nena sueca e os adolescentes flamencos están a cambiar a mentalidade dos belgas, inspirados polos seus veciños neerlandeses do norte; se a conciencia se espalla polas cidades francesas e chega ata a peculiar London, que xa ten autoestradas de bicicletas; por que non e posible unha mobilidade sostible co planeta e saudable cos nosos pulmóns nas cidades galegas? Non hai que ser «pioneiro» como en Madrid, basta con imitar o que funciona nas capitais europeas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail