MANIFESTO [47] Contra a estratexia da humillación

Semella que o extremismo, dende o «aleph» legalista,  está só nunha banda: aqueles que puxeron en marcha en Catalunya un proceso (o procés) de xeito unilateral e sabendo que era «constitucionalmente» inviabel. ¶ Esa posición centralista, coa pretensión de ser o «corazón central» do conflito, ten unha primeira consecuencia no reparto de papeis: aqueles que veñen practicando o anticatalanismo, sexa cal sexa a expresión catalá ou catalanista, vense lexitimados e upados para demoucar todo o que de zona verde haxa nese ecosistema. Todo o que teña vida de seu. Todo o que non diga: Nom serviam! (Non servos!). ¶ Así que este é o paradoxo triunfante até o de agora e non contemplado polos grandes medios de opinión intelixentes ou da desintelixencia: o «anticatalanismo», que é por natureza «anticonstitucionalista», conseguiu fundirse co constitucionalismo. ¶ Hai unha verdade que non se di e que non quere dicirse: cun Tribunal Constitucional responsábel, cun poder xudicial verdadeiramente independente e democrático, non tería sucedido a trapallada de estragar a oportunidade do Estatut. O poder xudicial actuou como unha ferramenta da facción dereitista, prolongamento daqueles que nunca asumiron a «célula» da diversidade que realmente rompía co franquismo: esa referencia explícita dun Estado composto de «nacionalidades e rexións». ¶ Por que non se lembra agora que en Andalucía houbo unha consulta-referendo para incorporar esa autonomía a un autogoberno semellante ao das «nacionalidades» que tiveran Estatuto na República? ¶ É un precedente que bota abaixo o eixe do «legalismo» nos estatalistas uniformistas. Eles din: toda a cidadanía española ten dereito a votar sobre o que atinxe a Cataluña! Unha hipocrisía: aínda que se propuxera esa modalidade de referendo, dirían que non. Votar? O que, vai de aí, ho! ¶ Cando o lamentábel episodio do Estatut, humillouse a Catalunya. Esta afirmación non a facemos dende unha simpatía incondicional. Mais é unha certeza: sábeno os que humillaron e os humillados. Agora prolóngase o intento de humillar a Catalunya. E isto é o máis grave. Non se busca outra cousa senón o castigo. Pésima estratexia. Quen vai perder? A casa común da democracia. A esperanza.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail