Titulite

Quizais non o lembren xa, porque pasaron máis de sete días, pero Noelia Núñez existiu. O que non existían, ao parecer, eran os seus títulos, porque non rematara as carreiras que estaba a facer. Non lembro cales eran nin me importan, porque moitos dos debates que vin, lin e escoitei nos últimos días coido que erraban o tiro. En política está mal mentir, si, pero faise a diario. O que non está mal é non contar cun título universitario nin sete mestrados, a pesar de que o 90 % dos nosos deputados e deputadas declaren que os teñen.

Dou por suposto que todas as señorías si contan coa Primaria ou similar, máis que nada porque no noso país a educación é obrigatoria ata os 16 anos. Se repasasen o libro de Coñecemento do Medio, ou Ciencias Sociais, ou como se chamase na súa época, ou se chame agora, verían que cando se falaba da organización política en España se afirmaba que as Cortes Xerais, formadas polo Congreso e o Senado, son a representación do pobo español. Un pobo no que, segundo o último Censo Anual de Poboación, só o 41,8 % das persoas de entre 25 e 64 anos ten estudos superiores.

Igual que se acordou quitar do nome do Congreso a postila «dos Deputados» por iso de incluírnos a todas, pregúntome como unha cámara tan elitista pode representar a quen non o é. Un 90 % fronte a un escaso 40. Se os nosos políticos inventan títulos universitarios é porque existe unha presión social para que os teñan, algo que nos di que para dedicarse á nobre arte da representación dos teus concidadáns tes que contar con estudos superiores. Porque ser albañil, coidar maiores, educar crianzas de 0 a 3 anos, limpar a merda dos turistas en hoteis ou picar pedra na mina non é suficiente.

Quizais a cuestión é que ter estudos superiores deixou de ser elitista. Este debate aseméllase ao do turismo: si, existe o turismo masivo, pero unha das causas (non a única) é que viaxar se democratizou. Cando só se movían os ricos non había tanta xente para tan pouca praia, é de lóxica. Agora que a poboación española acada estudos universitarios con maior facilidade que na época de meus pais, dáse por feito que hai que telos, igual que se dá por feito que vas subir a Instagram as fotos das túas marabillosas vacacións. Din da miña xeración que é a maior preparada da historia, estou farta de escoitalo, sobre todo cando penso que mellor que o meu título de enxeñeira sería saber arranxar a cisterna, facer unha instalación eléctrica ou non sentirme tan inútil cando teño que planificar un menú semanal, porque así aforraba os cartos que me custan esas cousas para pagar o alugueiro, que o soldo non dá para moito máis. Se algo se volve accesible é un pecado non telo. E se algo se converte en alcanzable, sempre haberá un grupo que queira diferenciarse chegando máis arriba. Por iso agora competimos en número de mestrados, igual que se disputa en redes sociais a foto da viaxe máis incrible no lugar menos turistificado. Ir a Benidorm está demodé, igual que non pisar a Universidade.

Un dos argumentos para atacar a Núñez que máis me enfadou foi o de que como a xente nova deste país ten traballos precarios, a pesar de estar sobrecapacitado (e sobretitulado), pois que mínimo que esixirlle o mesmo a ela. Núñez era vicesecretaria de Mobilización e Reto Dixital do PP porque os e as populares querían comezar a xogar en redes na mesma liga que os partidos que semellan seren os favoritos das xeracións máis novas. Eu vin varios vídeos dela e, que queren que lles diga, ese mester facíao ben. Moi ben. E sen necesidade de título ningún.

Este tipo de argumentación, feita por xente con título universitario, cabreoume porque o que escondía detrás era que a Núñez non lle esiximos estudos porque así faría mellor o seu traballo, senón porque nós os temos e non acadamos con eles o que cremos merecer. Porque é máis sinxelo pedir a cabeza dunha muller que facía vídeos en redes para caldear o xa irrespirable ambiente político, e que é unha mentireira, que abrir o debate de como se medra nos partidos ou como se toca poder neste país.

Porque o verdadeiramente difícil é admitir que termos un título universitario, nesta sociedade que nos demos entre todas, non é sinónimo de sermos máis intelixentes, nin máis válidas, nin mellores ca alguén que non o ten. Por moito que nos mintamos a nós mesmas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail