Trinta traballadores galegos tiroteados en Ecuador reclaman á armadora Albacora que os repatríe de inmediato

A Coruña.- Unha trintena de empregados galegos de subcontratas da empresa armadora Albacora levan dous días refuxiados nun hotel de Posorja, no cantón de Guayaquil, en Ecuador, despois de que o seu autobús fora tiroteado cando regresaban das instalacións nas que traballaban na reparación dun buque da compañía vasca.

Segundo narrou a Luzes-Público un deles, o asalto produciuse ao redor das dúas da madrugada —as sete da tarde hora ecuatoriana— do pasado mércores, na estrada que une a citada localidade co estaleiro no que os traballadores desempeñan a súa tarefa desde que o pasado 15 xullo foron trasladados ao país, onde tiñan previsto permanecer ata o 26 de setembro.

Seis persoas a bordo de tres motocicletas tendéronlles unha emboscada nunha rotonda e comezaron a disparar ao seu vehículo, cuxo condutor logrou eludir o ataque facendo eses e mesmo tirando da moto a dous dos asaltantes que os perseguían. Ao parecer o autobús recibiu ata 17 impactos de bala, pero ningún dos seus ocupantes resultou ferido.

Un dos impactos de bala que recibíu o autobús que transportaba aos traballadores galegos en Ecuador / M. G.

Os traballadores reclaman á dirección da firma con sede en Bermeo (Bizkaia) que lles facilite inmediatamente a súa repatriación. Aseguran que temen polas súas vidas xa que sospeitan que foi a propia seguridade contratada por Albacora a que os «vendeu» aos asaltantes, e que o ataque pode repetirse no hotel «en calquera momento».

Luzes-Público púxose en contacto co servizo de emerxencias consulares de España en Guayaquil, onde as fontes que atenderon a chamada aseguraron que non tiñan información sobre o incidente.

Este medio tratou tamén sen éxito de contactar con responsables de Albacora, que ao peche deste artigo non devolvera as chamadas nin respondera ás mensaxes que lle enviou.

Os transportistas provinciais de de Ecuador pararon os pasados 16 e 17 de xullo en protesta polos constantes ataques a autobuses con pasaxeiros que levan producindo desde hai meses.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail