A Coruña.- A nai dun mozo toxicómano de 18 anos diagnosticado con trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH) e ingresado cando era menor de idade no centro de reeducación de Monteledo de Ourense denunciou que a Xunta e a entidade que o xestiona, Ginso, están a poñer en perigo a saúde física e mental do mozo ao non proporcionarlle o tratamento terapéutico que precisa e que foi ordenado por dúas sentenzas xudiciais.
Trátase do mesmo centro onde as traballadoras levan meses alertando á Consellería de Política Social tanto da degradación e o mal estado das instalacións como da falta de profesionais e das deficiencias do servizo que reciben os internos, na súa maioría menores. No pasado decembro, cinco mozos provocaron un motín para denunciar a súa situación que obrigou a intervir á policía nacional.
«O meu fillo está sobremedicado, pasou da talla M á XL, dorme 14 horas ao día e en case nove meses só tivo unha saída educativa, da que volveu tan asustado que, antes da seguinte, decidiu regresar ao fogar de adaptación», explica Encarnación Sueiro, nai do mozo, psicóloga clínica e profesora da Universidade de Vigo. «Está a pedir axuda a berros», engade.
A nai, ademais, advirte das malas condicións que viven os internos. Algúns, asegura, ouriñan ou defecan sobre si mesmos de noite porque non lles dá tempo desde que solicitan ir ao WC ata que lles abren a porta da habitación. «Ocúltano por vergoña, outros fan as súas necesidades polas xanelas e penalízanos por iso», conta. Ela levoulle ao seu fillo un orinal que non lle foi entregado. Para tentar resolver o problema el deixa de beber desde o mediodía, algo practicamente imposible no verán en Ourense, onde as temperaturas máximas estivais adoitan superar os 25 graos case todos os días. O pasado martes excedéronse os 35.
Privatizado
O centro Monteledo pertence á Xunta, pero o PP privatizouno hai anos. Ata o febreiro pasado estaba en mans da Fundación Diagrama, que renunciou a renovar o contrato mediante o que o xestionaba, e pasou a mans da Asociación para a Xestión da Integración Social (Ginso), que se define como unha entidade sen ánimo de lucro especializada no desenvolvemento de infraestruturas e programas de xustiza e integración xuvenil.
Luzes-Público púxose en contacto con Ginso para obter a súa versión sobre a situación do centro, pero á hora na que se terminou de redactar este artigo, non obtivera resposta. Pola súa banda, a Xunta afirma que as denuncias da nai son falsas, e que a xustiza xa fallou en varias ocasións contra a súa solicitude de que o seu fillo sexa trasladado a un centro terapéutico.
O mozo empezou a ter problemas a partir do instituto, cando lle diagnosticaron TDAH e empezou a ter condutas disruptivas na clase. Con 14 anos empezou a consumir alcol e drogas: «Pastillas, haxix, cocaína, marihuana, todas menos heroína, creo», di a súa nai. Tamén desenvolveu comportamentos agresivos. Ela tivo que denuncialo por violencia doméstica coa idea de que puidese ser atendido nun centro especializado, e o mozo, de acordo cos seus proxenitores, coa xuíza e coa Fiscalía, aceptou ser ingresado nun centro para cumprir a medida de internamento terapéutico tras ser declarado culpable de dous delitos de malos tratos no ámbito familiar.
Nas sentenzas do xulgado de menores de Ourense que así o recollen, ordénase o seu internamento en réxime semiabierto nunha institución terapéutica, que debería proporcionarlle tratamento psiquiátrico e psicolóxico e facilitarlle a asistencia a un curso de violencia filio-parental durante un mínimo de 40 horas, ademais de sometelo a un programa de deshabituación no consumo de tóxicos. Non foi así, e o seu estado —ingresou no centro o 9 de novembro pasado—, segundo a súa nai, non logra remontar.
«O seu nivel de desesperanza é moi elevado»
«O seu nivel de desesperanza é moi elevado, dáse conta e verbaliza constantemente que non recibe a axuda necesaria para remontar. O seu nivel de razoamento aínda é bo malia que está moi prexudicado polos efectos da sobremedicación», explica Encarna. Sinala que o mozo chegou a recibir doses ata catro veces superiores ás recomendadas de Rivotril, un ansiolítico pensando para aliviar a angustia e a ansiedade que en cantidades elevadas se converte nun potente hipnótico inductor do soño. Aínda hoxe asegura que o medican con doses que chegan a dobrar a pauta aconsellada.
«O seu nivel de desesperanza é moi elevado, verbaliza constantemente que non recibe a axuda necesaria para remontar»
«Nun centro terapéutico non só se pode tratar con fármacos», explica Encarna. «Nun centro terapéutico, nun mes tipo, unha persoa drogodependente pode ter de dúas a tres sesións co seu psiquiatra, intervencións psicoterapéuticas diarias, unhas catro sesións semanais de asistencia psicolóxica, terapias de grupo e sociolaborais diarias e outras actividades terapéuticas e socioeducativas, ademais dunha sesión semanal presencial ou en liña coas familias e outra mensual presencial… Pero en Monteledo, na práctica, nin sequera existe un módulo terapéutico onde se desenvolvan esas terapias. E ademais é que o meu fillo leva meses no fogar de adaptación, onde adoitan permanecer só 15 días», advirte.
Segundo a nai, o mozo só recibe unha visita do psiquiatra cada dúas semanas, e nin a Xunta nin Ginso a informan sequera da súa evolución de maneira regular e coordinada. «O habitual nun centro terapéutico é que as familias reciban polo menos unha vez á semana información sobre a situación médico-psiquiátrica, psicolóxica e educativa dos seus fillos. Eu voume decatando diso diría que de maneira accidental», engade Encarna, quen admite, con todo, que o psicólogo a chama con periodicidade. «Aínda que iso segue sen ser terapia familiar», engade.
A lexislación obriga os centros de menores deste tipo a redactar programas individualizados de execución das medidas terapéuticas ordenadas pola xustiza para cada un deles. A nai asegura que os solicitou en varias ocasións á Xunta e ás entidades que xestionan Monteledo, sen que llos facilitaran. O pasado marzo, a Consellería de Política Social, que dirixe Fabiola García, volveu denegarllo asegurando que a administración está a cumprir co seu deber. «Agradecemos que permita o desenvolvemento pleno deste traballo sen obstaculizalo», respondéronlle. «Coma se preocuparme polo estado do meu fillo fose un obstáculo», alega ela.
Traslado
Encarna solicitoulle en dúas ocasións á Xunta o traslado do seu fillo ao centro de menores Montefiz, tamén en Ourense e no mesmo complexo que o Monteledo, onde si existe un módulo terapéutico no que os mozos reciben o tratamento adecuado ao seu problema. A xustiza e a Administración de Alfonso Rueda denegáronllo.
A Consellería de Política Social da Xunta asegurou por escrito a Luzes-Público que está «a cumprir en todo momento a sentenza xudicial e a normativa vixente», que establece que o internamento terapéutico «pode desenvolverse en centros ou ben en unidades específicas integradas noutros centros residenciais cuxa capacidade non pode superar as 15 prazas».
«É falso o que afirma a nai: o mozo si que está a recibir o internamento terapéutico»
No caso de Monteledo, engade a Consellería, son 12 prazas, dotadas, asegura, «co persoal especializado necesario: persoal de psicoloxía, psiquiatría e enfermería». «É falso o que afirma a nai: o mozo si que está a recibir o internamento terapéutico», alega a Xunta, que asegura que a xustiza fallou en catro ocasións contra a solicitude de cambio de centro e que a Fiscalía de Menores «está informada en todo momento das actuacións que está a desenvolver a Xunta nesta cuestión».
O departamento que dirixe Fabiola García non respondeu con todo á cuestión que lle expuxo Luzes-Público sobre as deficiencias denunciadas polos traballadores e sobre a veracidade das denuncias dos mozos ao redor das malas condicións ás que presuntamente os somete ata o punto de que se vexan forzados a ouriñar e defecar por riba de si.