Entre o río do Esquecemento e o antigo Fin do Mundo

Aquel día 13 de novembro de 2002, a intención de Apostolos Mangouras, un odiseo de Icaria transportista da Idade do Petróleo, capitán do ferru-xento Prestige, cargado con miles de toneladas da escoria do combustíbel fósil, non era a de poñer Galicia no mapa. Pero foi o que fixo, e de que maneira, dende o intre en que decidiu lanzar o Mayday de socorro ás 15 da tarde. Perante longos e agónicos días, meses, mesmo anos, non houbo lugar máis localizado no mapamundi que Galicia. ¶ Mesmo moveuse o quilómetro Cero da esfera terrestre. Ese punto imaxinario, situado na altura do Golfo de Guinea, alí onde converxen o Ecuador e o meridiano de Greenwich, e que serve para trazar todas as coordenadas, pasou a estar de xeito provisorio na vila de Muxía da Costa da Morte. ¶ Galicia foi, pois, durante o comezo do século XXI, o epicentro do mundo. O mesmo presidente do imperio USA, George W. Bush, pronunciou ante a prensa internacional e na lingua de Rosalía o esconxuro popular para combater a máis grave enxurrada contaminante ocorrida nos océanos: «Nunca máis!». ¶ Si, Galicia foi a capital do mundo en primeira liña de risco universal. Capital da desgraza, si. Mais tamén capital da solidariedade. Centos de miles de voluntarios puxeron literalmente Galicia na anatomía terrestre. Fixeron de Galicia unha casa común. ¶ Malia esta ondada humana solidaria, non semella recomendábel estampar un petroleiro de cando en vez para que Galicia saia no mapa. A Apostolos Mangouras non lle deron ningunha medalla ao mérito turístico. Calzáronlle unha tempada no trullo. As medallas foron para outros protagonistas do esperpento que derivou na xigantesca «marea negra».  ¶ Tampouco parece bo xeito de poñer un país no mapa o traer pairando e con moitas pompas, reverencias e centolas, a un personaxe que figura como habitual nas páxinas de sucesos. Non nos referimos a ningún dos protagonistas de Fariña, que tamén puxeron á súa maneira Galicia no mapa, senón a un monarca que figura co alcume de Emérito. Conta cun historial delituoso prescrito en materia fiscal, amén doutras fazañas monetarias e venatorias. Haberá quen considere iso de moito mérito, en parámetros de «círculo vicioso», pero non semella un reclamo exemplar para poñer decentemente un país no mapa. ¶ Galicia xa está no mapa do local universal. Xeograficamente, de xeito marabilloso e singular: entre o río Limia (Letes) e Fisterra. O río do Esquecemento e o antigo Fin do Mundo! Esas si son coordenadas. E está por moitas razóns propias da excitación creativa, un espazo de vangarda incesante en moitos eidos, malia a adversidade. Só resulta un país invisíbel ou «patio traseiro» para aqueles que o himno galego chama, con moita moderación, «ignorantes, imbéciles e escuros».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail