Eloína Núñez Masid é xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, onde 7.830 persoas esperan a ser operadas, máis de 8.600 a que lles fagan unha proba radiolóxica e máis de 17.000 a que os atenda un especialista
A Coruña.- A área sanitaria de Santiago e Barbanza mantén as listas de espera cirúrxica máis elevadas de Galicia con miles de persoas esperando a unha intervención, e decenas de miles esperando a unha primeira proba diagnóstica ou á consulta dun especialista. A súa xerente é Eloína Núñez Masid, prima carnal do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Desde hai tres anos e medio dirixe os cinco hospitais da terceira área sanitaria de Galicia, que comprende 47 municipios cunha poboación de máis de 450.000 persoas.
Así o recolle no último rexistro sobre listas de espera nos hospitais públicos de Galicia, das que a Xunta informa cada seis meses e que corresponde ao 30 xuño do 2021. Un total de 7.830 persoas agardan a que se lles realice unha intervención cirúrxica en Santiago e a súa área de influencia, cunha demora media de 72 días, das máis de 37.000 que esperan a ser operadas en toda a comunidade, cunha media de setenta días. A área que dirge Núñez está ao mesmo nivel que as áreas da Coruña e Vigo, cunha poboación asistida notablemente superior -máis de 550.000 persoas en ambos os casos-.
Eloína Núñez é lincenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, foi concelleira do PP no Concello de Ourense e segundo o currículo que dela ofrece o Servizo Galego de Saúde (Sergas) ten «máis de quince anos de experiencia en postos de dirección e xestión» na administración pública sanitaria. Foi xerente de Atención Primaria en Ourense e no ano 2009, cando non pasaran nin dous meses desde que o seu primo se fixera coa Presidencia da Xunta, foi nomeada xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. En abril do 2017 asignóuselle a Xerencia da área sanitaria de Santiago e Barbanza.
O Clínico de Santiago foi un dos peores escenarios das purgas de médicos que executou Feijóo tras chegar á Xunta, para colocar en postos esenciais mediante cesamentos ilegais e oposicións amañadas a galenos afíns ao PP, coa idea de que ninguén obstaculizase o deseño e posta en marcha da estratexia de recortes e privatizacións que desde entón sangraron á sanidade pública galega. A oposición acusou á súa prima de participar nelas cando asinou a convocatoria dun concurso para prover unha praza do hospital que incluía referencias ao currículo, con nome e apelidos, do candidato que se fixo finalmente con ela.
Núñez dirixe cinco hospitais: o Clínico Universitario, o Gil Casares, o Provincial de Conxo e o Psiquiátrico de Conxo, todos en Compostela, así como o hospital do Barbanza, en Ribeira. Ademais das listas de ciruxía, entre os cinco centros acumulan máis de 17.600 pacientes esperando unha consulta do médico especialista, delas máis de 14.600 no Clínico. En Psiquiatría e Xinecoloxía as listas superan o milleiro de persoas en cada unha desas especialidades. En Oftalmoloxía rozan as 5.000, e en Traumatoloxía superan esa cifra.
A situación é aínda peor para quen precisa unha proba diagnóstica. Hai preto de 1.200 persoas en espera dunha simple endoscopia dixestiva, fundamental, por exemplo, na detección precoz o cancro de colon, notablemente agresivo. En Santiago a demora media para que cha fagan é de 144 días. Máis de 1.400 pacientes precisan unha electromiografía, fundamental na diagnose dalgunhas fibromialxias cuxos doentes adoitan padecer sensibles sufrimentos polas dores musculares que provocan.A espera para unha proba é de máis de dous meses.
A peor parte lévana os pacientes que precisan dunha proba radiolóxica. Na área de Santiago son máis de 8.600 os que esperan por unha primeira radiografía convencional ou de mama, por unha resonancia magnética, por unha ecografía ou por unha tomagrafía axial computerizada ( TAC), que pode atrasarse ata setenta días.
A lista de pacientes que agardan por esas probas na área sanitaria de Santiago creceu en 1.500 persoas desde decembro do ano pasado, pero aínda así a xerencia decidiu despedir a dúas dos radiólogos do Hospital Clínico Universitario, que acumula os maiores atrasos. A Asociación de Pacientes e Usuarios dese centro alerta ademais de que hai miles de doentes sen contabilizar aos que os médicos teñen indicado que deben facerse unha segunda ou sucesivas probas, e que a Xunta non incorpora ás súas listas porque considera que como xa se lles fixo a primeira, non están en espera.
«Os despedimentos de persoal sanitario van supoñer unha demora na elaboración de informes que son imprescindibles para emitir un diagnóstico e comezar o correspondente tratamento», subliña Fernando Abraldes, portavoz da asociación. «Van deixar de facerse miles de estudos radiolóxicos ao ano, o que vai afectar ao seguimento de pacientes con doenzas graves e invalidantes que precisan dun control periódico da evolución do seu estado de saúde», engade. «Non resulta tolerable que mentres miles de persoas, en virtude dun criterio médico, demandan a realización de probas diagnósticas esenciais, os responsables sanitarios manteñan pechadas salas de raios que estarían abertas se non se producisen eses despedimentos».
Pese ao aumento das listas e tempos de espera derivado da crítica situación na que a epidemia de covid-19 deixou ao sistema sanitario galego, e ao incremento das listas de espera, a Xunta decidiu pechar este verán 600 camas de hospital. Delas, ao redor dun centenar na área de Santiago e Barbanza.
O pasado martes a Xerencia de Núñez Masid fixo público un comunicado no que asegura que «nas circunsancias tan excepcionais na asistencia sanitaria que se deron ao longo deste primeiro semestre do ano, as profesionais da área sanitaria de Santiago e Barbanza realizaron un gran esforzo para continuar dando unha asistencia de calidade a todos os pacientes, sendo capaces de reducir considerablemente as demoras tanto en cirurxías como en probas diagnósticas».
O Sergas non respondeu á petición de información que lle fixo luzes-Público para a redacción deste artigo.