A misa das mulleres

Cóntanos un bo amigo que na Barcia do Seixo, unha pequena aldea da serra do Suído, no concello da Lama, durante algún tempo, mentres o párroco estivo enfermo, foron as mulleres as que se ocupaban de dicir misa. As veciñas e os veciños vían o asunto con total normalidade e contan que cando regresou o cura e celebrou misa de novo, algunha das veciñas, achegóuselle e, con moito respecto, díxolle algo así como: «señor, eu preferir, prefería a misa das mulleres». A situación non é, en absoluto, infrecuente na Galiza rural.

Vén isto a conto porque o pasado 22 de xullo, día de Santa María Magdalena, a primeira discípula de Xesús de Arimatea, un grupo de sete teólogas católicas entregaron na sé da Nunciatura francesa as súas candidaturas a diversos ministerios da Igrexa. O acto, subversivo e insólito, tiña cando menos, un precedente; en maio, outra muller, Anne Soupa, presentouse para substituír ao cardeal Barbarin, que foi obrigado a abandonar a diocese de Lyon tras un escándalo relacionado cos abusos sexuais.

A teóloga, Anne Soupa, que presentou a súa candidatura ao bispado de Lyon.

Inda que non foron recibidas polo Nuncio, as sete pioneiras, Laurence de Bourbon-Parme, Claire Conan-Vrinat, Sylvaine Landrivon, Hélène Pichon, Loan Rocher, Marie-Automne Thépot e Christina Moreira, fixeron público o acto simbólico de entrega da documentación que as cualifica para converterse en curas, presbíteras, bispas, diaconisas e mesmo nuncias. Naturalmente, ningunha delas logrará o seu propósito. Non por falta de fe, de méritos ou de sabedoría, non; tampouco porque o prohiban ou condenen os principios eclesiais ou os dogmas da Igrexa. Non o lograrán, simplemente, porque son mulleres.

As sete mulleres «apóstolas».

Queremos renderlle aquí unha pequena homenaxe á única das españolas do grupo, á galega Christina Moreira, a primeira cura española, proclamada pola comunidade de base cristiá, Home Novo de Galicia, fundada por Manuel Espiña. Moreira forma parte da Asociación de Mulleres Sacerdotes Católico Romanas, un colectivo que promove con empeña e convicción, a igualdade de dereitos de mulleres e homes dentro da Igrexa católica. Foi esta organización a que a alentou para que se ordenase como cura hai xa 18 anos, en 2002, nun acto celebrado simbolicamente nas augas do Danubio. Inda que naquela ocasión foi excomungada inmediatamente polo Vaticano, a galega non se rendeu. Hai cinco anos viaxou a Estados Unidos para ser ordenada de novo, desta vez pola bispa Bridget Mary Meehan e desde aquela, misa, inda que sen permiso do Papa. O curioso do asunto é que na actualidade faino na Coruña, no centro da cidade, non nunha pequena aldea da serra pontevedresa.

Recentemente declarou en prensa que ten unha camiseta rosa cunha lenda en inglés que di «Deus existe e Ela quérete». Até nós estariamos dispostas a viaxar á Coruña para escoitala dicir misa con ela posta!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail