Permítanme que recorde unha anécdota xa ben distante no tempo. Na primavera de 1980, unha servidora acudiu ao XVI Congreso de Filoloxía Románica, que tiña lugar en Palma de Mallorca. As protocolares intervencións culminaron cunhas palabras do, daquela, Conseller de Cultura do goberno das Balears. Foron en español, mais, ao final, declarou: «Ahora me van a permitir que les dirija unas palabras en el idioma de estas islas», e proferiu un breve saúdo en catalán. Desde aquela, manexei, de xeito informal e semi-humorístico, unha distinción sociolingüística ben doada de entender, entre linguas que se falan sen permiso e aqueloutras para as cais é preciso solicitalo. Tamén poderíamos falar (entre nós, polo menos) de «galego eclesiástico», aquel que se permiten bispos ou arcebispos, con habitual perorata na lingua oficial do Estado e leve complemento circunstancial na lingua «propia» da Galiza.
O de «propia» –como saben todos vostedes– é letra legal (Estatuto), así que, se non queremos ofender a semántica, se é “propia”, as demais serán «alleas»… Vaites, vaites! A boa hora o Tribunal Constitucional respeita a semántica! Para el (1986), o galego é lingua «propia» no sentido de «peculiar», pois sentencia que tamén o é («propia») o castelán… Que ricos que somos, que diría un arxentino: temos dúas linguas «propias» e nós, nos biosbardos!
A anécdota daquel conselleiro balear, visto o Congreso de que se trataba e que congregaba filólogos-as romanistas de todo o mundo mundial (con obriga, por tanto, de teren familiarización mínima coas linguas evoluídas desde o latín), agrandaba o seu ridículo, a súa superfluidade, mais era demostrativa da submisión política ao marco constitucional e, por tanto, dos limites marcados ás linguas diferentes do español.
Desde aquel lonxincuo 1980, voltemos aos nosos días. «Hablamos español» / Vox teñen a ben visitar tres lugares da nosa nación (Sanxenxo, A Coruña, Ourense) para chantar neles como nos «debemos» chamar e para nos dar permiso de utilizar «en gallego» os nomes reais, históricos, creados hai centos de anos polo povo galego e deturpados barbaramente pola incuria dos poderes públicos españois e polos seus capataces operantes na nosa terra. Isto en 2023, após toda a loita de décadas por restaurarmos a nosa toponimia e despois de dúas leis que estabelecen cais son as formas da mesma non só lexítimas senón legais. Refírome á lei autonómica 3/1983, de Normalización Lingüística (artigo 10) e á lei do Estado 2/1998 (artigo único) que estipula como oficiais as denominacións de A Coruña e de Ourense para as provincias respectivas, conforme o nome oficial das cidades correspondentes.
Máis unha volta, a cidadanía galega secundou a iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística, que, por enésima vez, houbo de lembrar o noso dereito e o noso deber de chamármonos como nos chamamos e non como nos queren chamar desde a histérica intransixencia española. A Mesa… é unha ONG. El haberá institucións públicas galegas? Haberá Xunta (de que, de onde?)? Haberá Real Academia Galega? Haberá Consello da Cultura Galega? Haberá Universidades galegas? Haberá unha compañía pública de radio e de televisión? Serán unha ilusión dos sentidos? (porque do peto non o son, desde logo…). É tolerábel ter que aturar, a esta altura do filme histórico, semellante agresión, semellante insolencia? Pensarán que somos individuos de Protectorado? Valen de algo as leis promulgadas pola Comunidade Autónoma galega e polo propio Estado español?
Barbarización dos nosos nomes: Nunca Máis!! (tamén fóra do mar e da costa hai chapapote…).