Xosé Manuel Beiras: «Vox emerxe porque ao gran capital xa non lle serven as reglas do xogo»

Fotos:Xurxo Guitián e Xosé Cruz

A Coruña.- Xosé Manuel Beiras (Santiago, 1936) leva fumando desde que, como lle sucede a calquera fumador, empezou a facelo demasiado pronto. El e os seus compañeiros de carreira compraban unha picadura infame de Tabacalera que suavizaban logo con tabaco habano Partagás, e que alternaban cando podían con aqueles cigarros Ideales que eran como unha bomba para os pulmóns, sen embocadura, empaquetados en papel e que había que engomar coa lingua antes de prendelos.

O fundador e exlíder do Bloque Nacionalista Galego (BNG), probablemente a figura política, intelectual e académica máis relevante de Galicia desde a morte de Castelao en 1950, fumou en tempos algo de rubio americano e moito negro durante a mili, e cambiouse á pipa cando chegou a Francia con 21 anos para matricularse en Dereito e Económicas na Sorbona. A pipa permitíalle estudar, ler e traballar durante horas con moita máis comodidade. E ademais o vicio, por entón moito máis elegante que agora, saíalle moito máis económico.

Fillo dun histórico galeguista que rexentaba un modesto establecemento de paquetería, o diñeiro non lle sobraba, tanto que en París só podía permitirse cear en días alternos para poder ir ao cinema, ao teatro e a concertos o resto de noites de estómago baleiro pero espírito pleno e afastado dos anos de chumbo da España franquista. Máis tarde, en Londres, afíxose aos Dunhill británicos que durante os anos 80 e 90 acompañaron a súa imaxe pública de nacionalista irredutible, ata que se prohibiu fumar no Parlamento de Galicia, na televisión e ata nos mitins e as reunións do Consello Nacional do BNG.

Recibe a Luzes-Público na súa casa de Brión, a quince minutos en coche da capital de Galicia, e durante case dúas horas de entrevista en galego acende seis ou sete Benson&Hedges. Os cigarros acompáñano nos seus xestos e ata parecen indignarse e lanzar bocanadas con el cando advirte de que a esquerda está condenada a repetirse nos seus fracasos se se nega a si mesma os seus principios máis elementais no combate contra a ultradereita.

Beiras estrutura o seu discurso en respostas longas e reflexivas pero suavizadas cunha ironía tenra e próxima, coa que van fiando a súa biografía coa historia, a economía, a filosofía, a xeometría, o cinema, a literatura e a música, armadas en volutas azuis que o vento podería disipar pero que se asentan nun discurso tan inalterable como as fermosas vistas do val da Mahía que se divisan desde a súa horta. «Si, teño 87 anos e sigo fumando. Pero teño os pulmóns limpos».

Estamos en plena onda reaccionaria de ascenso da extrema dereita en Europa, pero en España as esquerdas estiveron tirándose os trastos á cabeza ata fai cinco minutos. Isto ten arranxo? Primeiro habería que analizar por que está a ocorrer esa emerxencia descarada do fascismo e dos neonazis, a fascistización do PP e a aparición de Vox, que en realidade é un partido neonazi. Eu non os chamo extrema dereita, son nazis. O fenómeno que representan está perfectamente conceptualizado desde os anos 20 e 30 do século pasado.

En que sentido? Este ano cúmprense 90 anos de O resistible ascenso de Arturo Ui [a obra de Bertold Bretch que narra o acceso ao poder dun mafioso de Chicago nos anos 30] e de todo o que veu despois: a queima do Reichstag alemán da que se culpou ao Partido Comunista e a expulsión dos seus oitenta e tantos deputados. Esa expulsión propuxérona os nazis, que foron quen queimaran o Reichstag, e executouse grazas ao voto a favor da SPD [os socialdemócratas]. Por que emerxe Vox como partido con representación parlamentaria? Porque, como entón, hai un momento en que ao gran capital xa non lle serven as regras do xogo.

«A Vox eu non lles digo extrema dereita. Son nazis»

A situación actual en España é entón asimilable á do ascenso dos fascismos nos anos vinte e trinta do século pasado? O gran capital nunca asumiu a democracia porque é incompatible cos seus intereses. Hai cen anos, o que estaba no centro da estrutura económica do sistema mundo era o capital monopolista de Estado. Agora converteuse en capital trasnacionalizado e financializado. Das tres formas do capital, o comercial, o industrial e o bancario ou financeiro, o que ten a hexemonía desde a época de Thatcher e Reagan é o financeiro. En España, tras o susto das eleccións de 2015, cando desaparece o bipartidismo e emerxe Podemos, o capital bancario responde montando un Podemos de dereitas: Cidadáns. O Banco Sabadell, verdade? Logo ocorre a traizón da cúpula felipista do PSOE no outono de 2016, cando forzan a abstención para que siga gobernando Rajoy, que levaba desde 2011 encabezando unha ditadura da oligarquía disfrazada de maioría absoluta, que non respectaba os dereitos constitucionais e que os estaba derrogando un a un, baleirando de contido os títulos Primeiro e Oitavo da Constitución. É aí cando descabezan a Pedro Sánchez. Ao ano seguinte, emerxe Vox.

Por que cre que a esquerda errou na súa análise e na súa resposta a esa situación? A esquerda rupturista estaba formada por aquel Podemos inicial nacido da rebelión cívica de 2011. Unha rebelión que en realidade xa nacera en Galicia en 2002 con Nunca Máis, que foi a súa primeira expresión rotunda, e logo coa mobilización contra a guerra de Iraq en 2003. A cidadanía sentíase orfa, «non nos representan», dicían. E non era só o proletariado industrial, senón tamén as clases traballadoras e a pequena burguesía, a estruturada ao redor dos pequenos empresarios e os autónomos. Esa rebelión cívica era rupturista, quería cambiar o réxime porque advertiu que o réxime non servía para resolver os problemas, senón só para poñerlle bismos.

Esa rebelión tamén provocou un cambio nas alianzas políticas tradicionais dos nacionalismos e a esquerda. Os pioneiros fomos ese segmento do BNG que decidimos apostar por unha alianza coa esquerda estatal que o Bloque rexeitou. Se tivera chegado a aceptala, Feijóo tería perdido as eleccións e o nacionalismo en Galicia sería hexemónico. Despois chegaron as alianzas coas mareas municipais, non só aquí: Barcelona, Valencia, Madrid, Andalucía… E Podemos decide que hai que catapultar esa enerxía para cambiar a correlación de forzas nas Cortes. Nun principio conségueno, e das eleccións de decembro de 2015 saen unhas Cortes nas que, sobre todo no Congreso, desaparece o bipartidismo e irrompen as forzas nacionalistas progresistas: En Marea, Bildu, ERC… E despois aparece Vox.

Esa irrupción non se traduce nun Goberno de esquerdas. O PP gañara as eleccións con 123 escanos e Vox non tiña representación, e aínda que Cidadáns tiña 40 deputados, entre o PSOE, Podemos e os seus aliados, ERC e EH Bildu sumaban 172. É que non se permite que haxa un Goberno de coalición da esquerda. Cando en xaneiro acordamos facerlle unha proposta a Pedro Sánchez, a mensaxe que se lanzou foi que Pablo Iglesias empezara a reclamar carteiras determinadas. Fixo mal niso, pero ese día pola mañá acordouse unha comisión de traballo para estudar a forma dese Goberno de coalición. E que sucede? Que pola tarde Pedro Sánchez vai reunirse con ese catalán de Cidadáns, este… Como se chama?

Refírese a Rivera? Si, a ese…. Miguel Primo de Rivera [risas].

Quere dicir Albert Rivera. Albert Primo de Rivera, claro [risas]… E que sucede entón?, dicía. Que para poñer a Patxi López de presidente da Mesa do Parlamento, o PSOE accede a que a dereita teña maioría nela. Unha Cámara con abafadora maioría de esquerdas e nacionalismos emancipadores, e na Mesa a que ten maioría é a dereita. Foi esa mesma Mesa a que retorceu o regulamento para evitar que En Marea, que tiña seis deputados, dous senadores e máis do 15% dos votos en todas as circunscricións galegas, tivese grupo parlamentario propio. A Compromís sucedeulle o mesmo e foise ao grupo mixto, pero nós, por lealdade, quedamos e acordamos que En Marea funcionaría dentro do grupo de Unidas Podemos como subgrupo con liberdade de voto.

«Hai un século ningunha compañía trasnacional tiña máis poder que un Estado. Hoxe si, incluso máis que Estados Unidos»

Como foron aquelas conversacións? O máis incrible é que Felipe VII —eu dígolle así porque Felipe VI foi en realidade Felipe González— recibe a Pablo Iglesias, que lle di que apoia a Pedro Sánchez e que está disposto a ir a un Goberno de coalición co apoio dos nacionalistas vascos e cataláns. Despois de comer, o monarca recibe a Sánchez e este dille que está disposto a aceptar, pero que primeiro hai que consultar ao PP porque tiña máis votos. Felipe VII recibe a Mariano Rajoy, que lle di que non. Pero o monarca propón ás Cortes a Rajoy para montar aquela situación de impasse. Cando a Constitución española non lle atribúe a proposición ás Cortes dun candidato, senón informar das conversacións ao seu presidente, que é quen o propón.

E de aí ás segundas eleccións. Si, empeza o batifondo. A Sánchez dínlle en setembro que ten que absterse e el négase. Tivo valor. E empeza a articularse a estratexia que acabaría tras a moción de censura de 2018 nun Goberno de coalición, que empeza a desmobilizar aquela rebelión cívica. Non se pode estar á vez no Goberno e na rúa a non ser que teñas unha rede como, por exemplo, a que tiña a SPD a finais do século XIX e principios do XX en Alemaña ao redor do seu espazo político: os sindicatos, as casas do pobo, as organizacións xuvenís, culturais… Podemos non a tiña, non se instalou na sociedade. Tampouco En Marea.

«Desde 2015, 2016 e 2017, a dinámica sociopolítica pasa de estar na sociedade a estar nas institucións»

Parece que a esquerda é máis débil agora que hai un século fronte ao ascenso dos fascismos. Agora é moito máis perigoso. Eu explícoo como unha metáfora de xeometría. Hai unha máxima que di que a historia sempre se repite, que calou na esquerda por unha interpretación equivocada de O 18 de brumario de Luis Bonaparte, de Carlos Marx. Cando fala da revolución de 1848, explica que a historia se repite primeiro como traxedia e logo como farsa. Pero non se refire á propia historia, senón aos seus personaxes. Quero dicir que a historia avanza en espiral, en tres dimensións. Se a proxectas sobre un plano verás un círculo que parece que se repite, pero non, en realidade está en tres dimensións e é unha espiral. Agora estamos na vertical da Europa occidental dos anos vinte e sobre todo dos anos trinta do século XX. Con situacións análogas no contexto socioeconómico, cultural, etcétera. Pero coa diferenza de que a potencia do gran capital multiplicouse por varios millóns. Hai un século non había ningunha compañía transnacional que tivese máis poder que un Estado. Hoxe si. Mesmo con máis poder que os Estados Unidos, como vimos na crise de 2008.

Como se traslada esa reflexión a España? Cando en España chega un Goberno progresista, ten o Goberno, pero non ten o poder. Eu recoñézolle a Pedro Sánchez que foi moi intelixente, porque que nesas circunstancias non podes tomar medidas rotundas que satisfagan a toda a cidadanía que participara naquel horizonte de combate rupturista. Unha cidadanía que empeza a sentirse orfa de novo, pero que xa non está naquela rebelión cívica. A dinámica sociopolítica pasa de estar na sociedade para estar nas institucións. É análogo ao que sucedeu co proceso de independentismo catalán.

Por que? Eu vivín ese proceso e participei como observador en todas as convocatorias de consultas municipais que se organizaron a partir de 2011 e 2012 en Catalunya. Era impresionante. O referendo estaban a impulsalo os cidadáns, non os partidos. O único partido que estaba aí metido eran as CUP, pero só como elemento loxístico porque tiñan unha organización local moi extensa. Cando os independentistas gañan as eleccións de 2017 e convocan o referendo, a dinámica política pasa da sociedade civil ás institucións, á Generalitat, que está dentro do marco do Estatut de Autonomía de Catalunya e da Constitución española que precisamente o independentismo quere transcender. Pretenderon a independencia rompendo as mesmas institucións que eles dirixían. Así lles caeu a que lles caeu, e por iso a sociedade civil empezou a desorganizarse e a desmobilizarse. Hai que ter en conta todo iso para entender o que pasa despois de 2018 no conxunto do Estado, a hostilidade brutal e o acoso sistemático que puxo en estado de sitio non só ao Goberno de coalición, senón á maioría progresista da Cámara de Deputados.

«O referendo do 1-O en Catalunya impulsouno a cidadanía, non os partidos»

Sumar anunciou que leva no seu programa unha consulta popular sobre o que se decida na mesa de diálogo con Catalunya. Despois dese proceso do que vostede falou, dá a impresión de que Sumar nace con medo. Non fai nin unha soa mención ao referendo. É que Sumar xa tiña desertado cando era Unidas Podemos. Eu non falo mal de Yolanda Díaz, pero é que a historia é a que é. Ela estivo en Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) e logo en En Marea, que tiña cinco deputados no Congreso e cuxos estatutos dicían que as decisións políticas que tiñan que seguir os representante nas Cortes as tomaba o órgano colexiado de En Marea en Galicia. Deses cinco deputados, dous proviñan do espazo nacionalista, pero non do espazo dogmático, senón do aberto a alianzas. Estaban en minoría. Os outros tres, entre eles Yolanda Díaz, pasáronse os estatutos de En Marea polo arco de triunfo. Funcionaron en clave de Pablo Iglesias, non en clave de En Marea. E co referendo de Catalunya, baixáronse os pantalóns. Ese outono eu tiven un cristo gordo con Pablo Iglesias por ese asunto.

Pesaron tamén as cuestións persoais? Non o lean así, pero eles acababan de empezar no verán un proxecto para sacar un libro colectivo [Repensar a España plurinacional, con participación de Xabier Doménech, Dominique Saillard, Enric Juliana, Irantzu Mendia e os propios Beiras e Iglesias, entre outros] para o que me pediron un ensaio. O libro saíu en setembro e non me convidaron á presentación en Madrid. E no período entre as eleccións de 2017 en Catalunya e o referendo adoptaron unha postura neutral, cando nesa situación ser neutral era estar a favor de quen se quería cargar o proceso. Un día chamei a Pablo e díxenlle: «Oe, pero ti liches o meu artigo?». Díxome que si, e ata me mandou fotos do libro aberto nesas páxinas. «Pois estades a facer todo o contrario», respondinlle. Non tiveron narices para apoiar o proceso independentista de Catalunya, non entenderon algo crucial polo que nós xa nos xogabamos o tipo no Bloque e que derivou no que foi primeiro AGE e logo En Marea.

Como relaciona vostede ese proceso de AGE e En Marea co que na súa opinión non entenderon Pablo Iglesias e Yolanda Díaz? Imos ver. Hai que facer política analizando dous sistemas de eixos de abscisas e coordenadas. Un, a estrutura de clases, é dicir esquerda e dereita. O segundo: cando se trata dunha nación sen Estado, os eixos son a nación sometida e o Estado que somete. Hai que situar a expresión das posicións políticas neses dous sistemas de coordenadas e logo superpoñelos. Porque podes levare sorpresas. O nacionalismo galego sempre tivo moi claro que para gañar esa guerra había que dar a batalla decisiva nas institucións centrais do Estado. Nós tiñamos moi claro por que fixeramos esa alianza. Se os vascos, que optaran pola loita armada, foran derrotados; se os cataláns, tras un proceso cívico absolutamente exemplar, non só non o conseguiron senón que os seus líderes acabaron no cárcere… Ou tes alianzas coa esquerda estatal, sobre todo se é unha esquerda rupturista, ou non podes dar esa batalla. Iso foi o que nós si entendemos.

«Un proceso de emancipación nacional no fondo sempre é un proceso libertario»

Tratouse entón dunha reflexión científica, digamos, baseada na análise histórica do que fora o nacionalismo galego? O nacionalismo galego quizá o entendeu mellor que o resto porque sempre foi menos forte e porque nunca foi un nacionalismo burgués. Sempre foi un nacionalismo democrático, republicano e popular, que naceu coa revolución galega de 1846. En A era da revolución, onde Eric Hobsbawn analiza a historia política de Europa desde a Revolución Francesa de 1789 ata a de 1848, no último capítulo explica que esta última non foi unha erupción volcánica imprevista, senón que houbo un proceso de erupcións que arrincan da de 1830 e que unha delas, que menciona como precedente, é a rebelión popular galega de 1846. Era un nacionalismo republicano, conectado coa loita dos agraristas, dos servos contra os señores, dos foreros contra os foristas. Un tipo como Alfredo Brañas, que era nacionalista conservador, que era rexionalista, de dereitas, católico, defendía aos servos fronte aos señores, e invocaba o exemplo de Irlanda.

Esas claves históricas pódense seguir aplicando hoxe ? Tivéronas vostedes en conta á hora de tecer alianzas en AGE e logo entre Anova e Podemos? Os nacionalismos emancipadores son fundamentalmente de esquerdas. Un proceso de emancipación nacional no fondo sempre é un proceso libertario. Marx e Lenin tíñano moi claro. Eu nunca falei de nacionalismo español. Iso é chauvinismo. O nacionalismo dun país que ten un Estado propio e soberano é chauvinismo. Se só é nacionalista para oprimir a outros, é nacionalismo imperialista. Que nos ensinaba a nós a historia recente do Estado español sobre as cuestións nacionais? Para o Estado español os vascos eran terroristas; os cataláns, fenicios cos que se podía resolver todo con diñeiro, e Galicia, unha colonia á que podían mandar un vicerrei como Fraga, como fixo Felipe González trucando as eleccións autonómicas de 1989. No caso catalán, os cataláns fixeron un Estatut moi consensuado, cun referendo no que, por certo, eu fixen campaña polo «non» con Carod Rovira… Un Estatut que logo se cargou o Tribunal Constitucional. Pero ei, quen se cre vostede para cargarse un texto aprobado primeiro polo Parlament de Cataluña, logo polas Cortes Xerais e logo pola cidadanía en referendo? Os membros do Tribunal Constitucional tiñan que estar no trullo, procesados e inhabilitados para sempre. Un Estado que fai iso non é un Estado democrático. Iso é o que a esquerda non se atreve a dicir públicamente.

Un dos puntos do acordo exprés que PP e Vox alcanzaron no País Valencià fai unha referencia explícita á retirada de subvencións a calquera tipo de organizacións que promovan os Països Cataláns. Como poden os nacionalismos de esquerda neses territorios plantar cara a iso que vostede chama o chauvinismo españolista? Quen debía plantarlle cara é o poder xudicial, se fose constitucionalista. Porque vai contra a Constitución. Como cando en Aragón din que se van a cargar o ensino do aragonés. O artigo 3 da Constitución establece que o español é a lingua oficial do Estado, pero tamén que os outros idiomas terán que ser promovidos, apoiados e amparados polo Estado. Están a ir contra a Constitución. O Tribunal Constitucional debería entrar aí por iniciativa propia. Non hai que encargarlle ese traballo aos nacionalistas, que bastante teñen. O que non funciona é a Constitución.

«Os primeiros que se pasan a Constitución polo forro son os membros do Tribunal Supremo e do CXPX»

Non funciona a Constitución ou non funciona a maneira de aplicala? A Constitución funciona cando se aplica. Se non, é papel mollado. En que ano asasinou ETA a Ernest Lluch? Sobre o 2000, non? Dous días antes eu estaba a dar unha conferencia na Universidade Autónoma de Madrid e levaba un libriño editado polo Parlamento de Galicia co Estatuto de Galicia e coa Constitución. Durante o coloquio, lin algúns dos artigos do Título Primeiro: a xustiza, o sistema tributario, etcétera. «Este está vixente?», preguntaba. «Non», respondíanme. «E este?». «Tampouco». «E estoutro?», «Tampouco». Os alumnos sabían que en pleno ano 2000 moitos preceptos da Constitución non estaban vixentes. Ao día seguinte déronme a noticia do asasinato de Lluch, eramos moi amigos desde os anos sesenta e funme a Barcelona para asistir á manifestación. Por iso o lembro tan ben. Se a Constitución xa non estaba vixente entón, imaxínense agora. Os primeiros que a pasan polo forro son os membros do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial. Tiñan que estar todos no cárcere.

Como deberían responder a iso a esquerda e os nacionalismos? Na esquerda caemos na trampa que nos impón esa dialéctica dos fascistas apoiada polas brunetes mediáticas, pola cúpula do poder xudicial e por boa parte da maxistratura. Moita da cal, por certo, é máis fascista que o propio Fríjol [en galego, feixó significa fríjol, xudía]. E a esquerda sae a dar explicacións. Non hai que darlles explicacións. Non se pode razoar cunha pedra, cun canto rodado, cunha planta. É inútil. É entrar no seu xogo para acabar falando do que eles queren, cando o que habería que facer é cortarlles o discurso. Non é cousa de dereitas ou esquerdas, senón de demócratas ou antidemócratas. O que está sobre a mesa é se sobrevive polo menos unha interpretación democrática da actual Constitución, e por tanto lealdade e fidelidade á letra da Constitución, ou se nos arrasan os que van coller todo iso e van convertelo en algo inexistente. Ou sexa, se imos ter un franquismo sen Franco, pero peor que o dos anos setenta. Porque no franquismo dos anos setenta a xente tiña o horizonte de que aquilo non podía durar, estaba a descompoñerse. E agora non, agora está a empezar.

Tamén en Europa e o resto do mundo? Orbán, Meloni, Bolsonaro, Trump… Tamén. E quen ten a responsabilidade do que está a ocorrer en Europa é a UE. Como pode Borrell dicir as barbaridades belicistas que está a dicir? Un socialdemócrata! Acabo de ler un artigo sobre o que pasou con Jürgen Habermas [o filósofo alemán que avogou polas conversacións de paz con Rusia para acabar coa guerra de Ucraína e que foi duramente criticado]. Eu non estou dacordo coa a invasión de Ucraína, pero é que nin a ONU nin a Unión Europea teñen posto coto ao proceso que foi cercando a Rusia. Ollo, non cercando a Putin, senón a Rusia. Porque todo o que se lle achaca a Putin vén dos anos noventa, de Yelstin. Quen desmantelou o armazón estatal da economía rusa? Quen impulsou aos novos oligarcas? Putin? Non, esa é a herdanza de Yeltsin. Toda esa literatura e esa narrativa cinematográfica sobre o caos nuclear en Rusia, con misís e bombas nucleares circulando polo mercado negro de armamento de medio mundo, de onde vén? Da época de Yeltsin, que montou a contrarrevolución do que se chamaba o Partido Ianqui en Moscova. A historia é a que é, pero iso non se ve reflectido nos medios nin se debate nas organizacións políticas de esquerda.

«A esquerda non está a advertir que o máis importante que está a ocorrer no mundo non é a guerra en Ucraína»

Falaba de Habermas. Cre que en Europa hai unha sorte de persecución contra a intelectualidade que non subscribe o relato oficial sobre a guerra de Ucraína, e que a esquerda a ampara? Vou poñerlles un exemplo. A miña parella e eu somos melómanos, estamos subscritos a canles de música clásica e somos moi admiradores dun director ruso extraordinario, Valeri Guérguiyev. Foi quen mantivo viva a orquestra do Teatro Mariinski de Leningrado —ou de San Petersburgo— durante os anos 90, e nos anos 2000 dirixiu na sala Pleyel de París a integral de sinfonías e concertos para piano e para violín de Prokófiev e a integral de Shostakóvich, sinfonías e concertos para violín, para piano, para violoncelo… Pois ben, convidárono a dirixir a London Simphony, unha das mellores orquestras do mundo, e dirixía tamén una das dúas grandes orquestras de Baviera. Cando estalou a guerra de Ucraína, a dirección administrativa da orquestra esixiulle que asinase un documento contra Rusia e contra a guerra. Negouse, cesárono e desde entón está desaparecido do mapa. Xa non dirixe, e nas televisións europeas nin sequera emiten concertos seus anteriores á guerra. Díganme, cando foi a invasión de Iraq, houbo algún caso no que se esixise a algún director occidental que denunciase á OTAN baixo ameaza de quedar sen traballo? Non, verdade? Hai unha inquisición que pesa tamén sobre a esquerda. É un peso tan brutal que, por exemplo, obriga a Pedro Sánchez a facer o que fixo con respecto aos saharahuis, que é absolutamente impresentable. Ou é que o monarca marroquí é un demócrata consumado? Quen é máis tiránico, ese monarca ou Putin? A esquerda política non se está dando conta de que está equivocada. Porque o máis importante que está a ocorrer no sistema mundo non está a ocorrer na guerra de Ucraína. Alí está a ocorrer o máis grave e o máis perigoso, pero non o máis importante.

E que é o máis importante que está a ocorrer? O fin da hexemonía do dinosauro norteamericano, que xa está ferido de morte e que enfronta o perigo da desdolarización da economía mundial co Novo Banco do Desenvolvemento do BRICS, no que participan potencias demográficas e económicas como Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica, que preside Dilma Rousseff, e ao que outros países como Arxentina, a Colombia de Petro e Venezuela xa dixeron que están interesados en entrar. Se potencias desas dimensións económicas e demográficas deciden deixar de funcionar en dólares nas súas transaccións comerciais, financeiras e monetarias, a hexemonía de Estados Unidos terminaría. Ese é o factor que está a provocar o nerviosismo de Estados Unidos con China, non Taiwan. Pero a esquerda europea non se está decatando. É elemental, pero eu non vexo que haxa ningún debate sobre iso, non o mencionan nin sequera en charlas informais. Só Ucraína, Ucraína, Ucraína…

Á marxe desa nova orde económica mundial ao que parece que avanzamos, cre que a esquerda española está a contribuír por acción ou omisión á distorsión do relato sobre Rusia e Ucraína? É que parece coma se Rusia non fose parte de Europa, ou coma se Crimea non fose parte de Rusia. Imos ver, quen era Catalina a Grande? Século XVIII, quen era o seu ministro máis eficaz, e que ademais foi o seu amante? Grigori Potemkin. Que sucedía en Crimea no século XVIII? Que era a porta de entrada a Europa de turcos e otománs. A tsarina, con Potemkin, elabora un plan para repoboar e ordenar Crimea e taponar a entrada dos turcos. E que ten que ver iso coa Ucraína actual? Explícome: En O acoirazado Potemkin, a película de Serguéi Eisenstein de 1925, os acontecementos teñen lugar en Odesa, a terceira cidade de Ucraína. Seica estaba Eisenstein rodando no estranxeiro una das películas básicas sobre a revolución soviética? Máis aínda, a Cantata Alexander Nevsky, de Prokófiev, para que foi composta? Para a película de Eisenstein de 1938 sobre Alexander Nevsky, que no século XIII organizou unha exército popular contra os cabaleiros teutóns, contra os cruzados. A batalla decisiva é a batalla do Lago Peipus, por certo moi parecida á batalla de Agincourt que narra Shakespeare en Enrique V. Pero sigo: Onde sucede a apoteose da película? A entrada en Kiev! [Risas] Ata podería poñerme en plan cabrón e dicir que Putin está a facer o que fixo Alexander Nevsky hai non se cantos séculos! Hai un analfabetismo tan brutal, unha falta de coñecemento e de memoria histórica nos grupos dirixentes da esquerda que a min éntrame pánico.

«Danme pánico o analfabetismo e a falta de coñecemento e memoria histórica nos grupos dirixentes da esquerda»

Iso trasládase ás referencias ideolóxicas? Hai un déficit ideolóxico e de solidez na construción intelectual do discurso da esquerda? Si. Desde o momento no que o PC renunciou á loita de clases. É coma se un científico renunciase á teoría da atracción dos corpos celestes de Newton, coma se dixese que as teorías de Einstein son unha carallada ou se lle dese medo citar o que explicou Max Planck sobre as funcións descontinuas, os cuantos, as leis deterministas na ciencia e na física… Imaxínan a un físico dicindo unha barbaridade así? Pois hai dirixentes políticos que din barbaridades equivalentes, xa non só do PP, senón da esquerda. E non pasa nada. Si, hai unha covardía intelectual abraiante que me cabrea moitísimo e que me pon os pelos de punta. Onde está a forza alternativa á barbaridade que nos vén encima? Hai medo a dicir que es socialista, marxista, anticapitalista…

Pero a cidadanía está preparada para recibir ese tipo de mensaxes? Se vemos a campaña do PP nas municipais, co ‘Que che vote Txapote’ , agarrándose aos apoios de Bildu ao Goberno no Congreso para tentar romper a campaña… Iso cala no electorado socialista. Porque quen debería rebatelo non ten credibilidade. O BNG empezou no Parlamento de Galicia en 1985 cun deputado, que era eu. En 1989, cando mandaron a Fraga aquí, foron seis menos un, o que nos roubaron. En 1993 pasamos a trece, que non foron quince por moi pouco. E en 1997 demos o sorpasso ao PSOE. Cal foi a miña contribución en todo iso? Dicir as cousas como vostedes din que a cidadanía non está preparada para entendelas. Iso de que o pobo é ignorante é falso, é unha montaxe da dereita. É certo que houbo un proceso de analfabetización ideolóxica e política das sucesivas promocións e xeracións de quen non viviron o franquismo, e que non teñen antídotos contra o que está a pasar, porque ninguén llo explicou. Houbo unha amnistía que amnistiou aos asasinos, fíxose borrón e conta nova coa historia, que acaba na Guerra de Independencia. Nada da República nin da historia do franquismo no ensino, coma se a democracia a tiveran traído Juan Carlos de Borbón e Felipe González, e as liberdades xa estivesen aí. Non, é ao contrario. Os dereitos e as liberdades conquístanse, pero ou se exercen sistematicamente ou se perden, que é o que está a pasar agora.

«Os dereitos e as liberdades conquístanse, pero ou se exercen sistematicamente ou se perden, que é o que está a pasar agora»

Dixo que a democracia está en cuestión, pero o que temos é de verdade unha democracia plena? O pacto da reforma política, ademais dunha aberración, é unha traizón. Foi un pacto co franquismo. E non é exclusivo de España, foi sucedendo en Occidente desde o final da Segunda Guerra Mundial. A medida que se estendía, o modelo de democracia occidental baleirábase de contido. Cada vez máis estados democráticos e cada vez menos democracia no sentido filosófico da Grecia clásica. O mesmo Aristóteles, que non era de esquerdas senón de dereitas, cando definía democracia dicía que non tiña que ver coa aritmética electoral, senón co poder do demos, no sentido da Atenas de Pericles. Por certo, saben quen fundou e liderou en Atenas o Partido dos Pobres, o primeiro partido de base equivalente aos Sans-culottes da Francia revolucionaria? Foi Aspasia, a amante de Pericles. Non entendo por que o feminismo non utiliza ese referente. Pero quero dicir que a democracia consiste niso. O outro é un réxime de partidos e de eleccións libres, entre aspas. No Estado español non temos unha democracia. Non é un réxime democrático. A Constitución é un deseño con normas democráticas, sobre todo no Título Preliminar e no Título Primeiro, que cada vez se aplican menos. Pero non é unha democracia, nin sequera unha monarquía parlamentaria. É unha monarquía constitucional.

Coa Constitución como unha carta outorgada? Máis ben diría que a carta outorgada son os estatutos de autonomía. Por iso en Galicia non podiamos aceptala, porque reivindicamos o exercicio da soberanía popular, que somos un pobo con identidade propia, unha nación con case douscentos anos de loita cívica. E iso que o nacionalismo galego nunca foi independentista, a pesar de que tivo segmentos independentistas. Eu paseime decenios sendo respectuoso co réxime da Constitución e do Estatuto, pero o meu discurso sempre estivo dirixido a transcendelo. Ti podes optar nas Cortes españolas, e refírome a Podemos en 2015, 2016 e 2018, a entrar nun Goberno. E é certo que se fixeron moitas cousas positivas que non se fixeron se non tivera estado Podemos. As medidas máis progresistas en defensa da cidadanía que fixo o Goberno de Sánchez foron iniciativa de Unidas Podemos co apoio de ERC e EH Bildu. Pero unha cousa é iso e outra que renuncies a un discurso que poña o norte a medio prazo a transcender o actual réxime político. Porque se non, a xente non sabe cara a onde vas. Hai que facer pedagoxía, a esquerda ten que facer pedagoxía. Sempre.

«Quen resiste a avalancha da ultradereita son o BNG e EH Bildu, que ademais de ser esquerda teñen memoria do franquismo»

Como se defende mellor iso, votando á esquerda estatal ou aos nacionalismos? Nas eleccións do 28M, quen resistiu mellor á avalancha da ultradereita?

Galicia, Euskadi e Catalunya, non? Non, quen resistiu mellor na esquerda á esquerda do PSOE? No eixo da contradición de clase, Unidas Podemos, o que hoxe xa é Sumar, non resistiu a esa ofensiva. E quen non só resistiu, senón que mesmo avanzou? EH Bildu e o BNG, no eixo nación sometida fronte a Estado que somete. Non falo de Catalunya, porque é moito máis complexo despois de que o Estado español desarbolara todo o independentismo, o independentismo burgués de Junts e o progre de ERC, que non é propiamente obreiro nin socialista. Quero dicir que as posicións máis rotundamente opostas na súa práctica interna, no seu discurso fronte ao nazifascismo que vén, foron EH Bildu e o BNG. Porque son organizacións de esquerda, tan de esquerda como Sumar no seu discurso, pero porque ademais defenden a pobos que levan séculos de loita e que teñen memoria do franquismo. E no caso de Galicia, do fraguismo. O apoio sociolóxico que ten hoxe o BNG é o apoio do BNG máis o apoio do nacionalismo que non estaba no BNG e que se pasou a el cando Unidas Podemos rebentou aquí pola traizón dos seus dirixentes, co incumprimento dos acordos dos que falei antes. E en Euskadi, o PNV acordou co PSOE e ata co PP para poñerlle un dique de contención a EH Bildu. Significativo, non? Claro que este PNV non é o de Arzalluz, Gorka Aguirre, Joseba Egibar, Markel Olano… Ese PNV era outra cousa, un partido socialcristiano. Cóntolles unha anécdota?

Por favor. Cando tras as eleccións autonómicas de 1997 o nacionalismo galego empezou a cotizarse fóra, empezou a nosa relación co PNV. A primeira vez que nos reunimos foi en Bilbo, en Sabinetxea, a sede do PNV. Acudimos unha delegación do BNG na que había representantes da UPG, Pilar García Negro e Francisco García. Fomos comer e ao volver, Arzalluz, que non estivera pola mañá, estaba na sala. O seu recibimento foi máis ou menos así: «Que, que tal os deron de comer estes mozos? Porque se volvedes a Galicia dicindo que somos uns meapilas, non pasa nada. Pero se volvedes dicindo que non vos demos ben de comer, é unha ofensa nacional» [risas]. Arzalluz era outra cousa. No ano 98, no tempo de Galeuscat [Galeuscat-Pobos de Europa], fixémonos moi amigos, de moita confianza. A miña parella, Aurichu [a pintora Aurora Pereira] e eu, mesmo estivemos en reunións do Euskadi Buru Batzar [Comisión Central de Euskadi, o órgano executivo nacional do PNV]. Arzalluz chegou a dicirme que o pacto con Aznar en 1996 fora un erro histórico. E tamén que foi Pujol quen lles arrastrou a ese pacto. Logo Pujol díxome nunha ocasión que tras as eleccións dese ano [nas que o PP gañou sen maioría absoluta con 156 escanos fronte aos 141 do PSOE], chamara inmediatamente a Felipe González para dicirlle que CiU estaba disposta a renovar de inmediato o pacto de Goberno do 93, e que só faría falta que negociasen tamén con Esquerda Unida para ter maioría fronte ao PP de Aznar. A resposta de González foi que non, que tiñan que pactar con Aznar. E Pujol arrastrou ao PNV.

Foi porque González non quería gobernar sen ser a lista máis votada? Non, foi porque Felipe González era un sectario anticomunista. Eu coñecino moi ben entre 1974 e 1976, o que durou a Conferencia Socialista Ibérica. Despois creamos a Federación de Partidos Socialistas do Estado Español, pero empezaron a subornalos un a un. Os únicos que non nos deixamos subornar fomos o Partido Socialista Galego (PSG), os únicos que non pactamos co PSOE.

«A esquerda española debe asumir que Galicia, Euskadi e Catalunya somos nacións con dereito á autodeterminación»

Sería factible repetir algo similar a Galeuscat, aquela alianza entre o PNV, CiU e BNG que lideraban Arzalluz, Pujol e vostede, cando as tres eran hexemónicas nos movementos nacionalistas de Euskadi, Catalunya e Galicia? Serviría para combater esa onda ultradereitista da que fala? Si, pero non sería suficiente. As esquerdas españolas de audiencia estatal terían que asumir na práctica o que declaran verbalmente: que Galicia, Euskadi e Catalunya somos pobos con historia propia, nacións con dereito á autodeterminación. Se asumisen iso non habería independentismos porque todos somos pactistas nese horizonte. Seino moi ben porque o vivín desde os anos sesenta como responsable de asuntos externos do PSG. Que o fagan na práctica e non só verbalmente é a clave para parar ao fascismo e transcender este réxime. Pero non hai síntomas de que estean dispostos a facelo. Que acaba de pasar nos concellos? Parece que non se decatan! O PSOE está a renunciar a gobernar en coalición cos nacionalismos de esquerda. En Santiago, na Coruña… Pero é que sodes idiotas, non sabedes o que se vos vén encima? É unha cegueira total. Despois da hostia que se levaron non son conscientes de que hai que levantar baluartes, e non primar as cuestións de partido sobre a defensa contra ese inimigo común? Fan como a SPD alemá, que en 1933, despois da queima do Reichstag, votou a favor de que se expulsase aos oitenta e tantos deputados do Partido Comunista. E despois, que pasou? Por iso digo que estamos nunha situación análoga á República de Weimar e á República española.

Esta conversación deixa un pouco o ánimo polo chan. É o pesimismo da razón, como dicía Gramsci. Pero eu nunca cedín á tentación de terlle medo á realidade. E hai moito medo á realidade na esquerda, a analizala e ver que é terrible. Porque fronte ao pesimismo da razón está o optimismo da vontade. A esquerda non pode lograr as enerxías necesarias para enfrontarse aos brutais inimigos que ten se non fai dúas cousas: primeiro unha cura de humildade e, en segundo lugar, explorar a realidade, recoñecer que é terrible e, a partir de aí, buscar as fórmulas e as enerxías para enfrontarse a ela.

Pois parece que no mes que queda para as xerais xa non lles vai a dar tempo… É que non están dispostos a facelo. A pesar de todo, eu non perdo a esperanza de que se consiga activar parte do voto da esquerda que se abstén, aínda que só sexa para que haxa unha alternativa electoral que una a todo ese caleidoscopio de grupos de esquerda, se son capaces de facer o discurso adecuado e darlle credibilidade na práctica.

E cre que Sumar pode ter esa capacidade? Si, porque son intelixentes. Que sexan miopes non significa que sexan parvos, só que necesitan as lentes adecuadas. Confío en que se dean conta de que non só se están xogando a súa propia pel, senón a da xente do común. Empezando pola máis intoxicada e alienada. Alienación, outro termo que a esquerda xa non utiliza e que resulta fundamental para entender e explicar moitas cousas.

«Que en Sumar sexan miopes non significa que sexan tontos, só que necesitan das lentes axeitadas»

E vostede que cre que pode pasar? Pois se cadra que ocorra a catástrofe. E quizá entón a xente darase conta de que ou se pon en modo combate ou sucederá aquilo do ensaio de Camus Nin vítimas nin verdugos. Chegará un momento en que non quedará outro remedio que ser vítima ou colaborar cos teus propios verdugos. Un exemplo: cando na pasada campaña Ayuso saíu con aquilo de que nas listas de Bildu había candidatos condenados por ETA, habería que terlle dito: «Oia, vostede é unha asasina en serie, matou a sete mil persoas desvalidas, anciás, que son máis de dez veces os mortos de ETA en toda a súa historia. E está a apoiar a quen está matando a mulleres todos os días, centos delas ao ano». Pero o que a esquerda respondeu foi que se ETA xa non existe, que se Bildu renunciou a non se que… Que non é iso, cona.

Cita a Ayuso, pero en toda esta entrevista apenas apareceu Feijóo. Feijóo é un cipayo, tartufo, felón, ignaro e fascista. En Madrid pensaban que era un moderado e que como nós, en Galicia, somos de provincias, non nos decatamos do que pasa. Nin sequera parte da esquerda sabía quen era. E á miña idade digo, como é posible? Vexan, hai dous contravalores ou antivalores que están na base da ideoloxía e a cosmovisión do nazifascismo. Un é a xenofobia e outro o nihilismo. E preocúpame que a xente quede co diagnóstico que fago da situación no canto de quedar co que digo sobre o que hai que emendar e corrixir para enfrontala. Porque iso conduce ao nihilismo, é o caldo de cultivo do nazismo e do fascismo. Hai un fenomenal ensaio sobre iso, A violencia excedente, de Francisco Sampedro, o catedrático de Filosofía. A xenofobia é a negación da alteridade, non poden soportar que haxa alguén distinto a eles. É o que ocorre co chauvinismo español. Eu estiven en Madrid do 60 ao 63, para facer a miña tese, vivía no colexio maior César Carlos e fun moi amigo do cura Aguirre [Jesús Aguirre, duque consorte de Alba]. Saíamos, presentábame xente e preguntábanme: «De onde es?». «Son galego», respondía eu. «Ah, español, claro!». Esa é a incomprensión da alteridade: Non, non es galego, es español, a collóns. Eu estou disposto a ser cidadán do Estado español, e cidadán europeo, pero a condición de que cando digo que son galego ninguén me responda que, non que son español. Non. Entón váiase vostede á merda, quede coa súa España e que lle dean a independencia a Madrid: «Toma, Ayuso, todo para ti. Aí quedas».

 

 

 

 

 

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail