Mariquiña Villaverde.  Dignidade e fraternidade

Figura referencial da memoria histórica, sindical e democrática en Galicia, Mariquiña Villaverde Otero (1934-2020) aparece no meu recordo a través de tres espazos emblemáticos. O primeiro, por orde cronolóxica, é simbólico. E ten que ver coa lembranza da infancia, a historia da súa familia e varios agasallos á aprendizaxe propia. Tía dun amigo, Raúl, fillo da súa irmá Olga, permitíronme saber da brutalidade da guerra desde unha perspectiva tantas  veces obviada, a do odio despregado nos anos posteriores á finalización do horror bélico. Non só houbera unha guerra derivada dun golpe de estado, había unha planificación –de inusitada crueldade- para o desprezo, acurralamento e anulación do outro. As bondades do cristianismo despois de 1939 facilitaban que se puidera asasinar ao teu pai, o respectado anarcosindicalista José Villaverde, en 1936, e deter unha procesión de Semana Santa diante da túa casa para indicar que eras diferente, ácrata, libre, republicana, atea ou defensora dun mundo que deixara de existir e sinalarte polo tanto como alguén reprobable, pecador, despreciable. Permanece esta reflexión cando vemos que a dereita española prosegue coa insinuación ou asunción dos seus procesos de nostalxia e defensa daquel mundo terrible.

Lápida da familia Villaverde Otero no cemiterio de San Amaro

Os outros dous espazos –físicos, presenciais- son ben metafóricos da súa idiosincrasia. Durante anos, grazas ao meu traballo no CGAI-Filmoteca de Galicia, tiven infinidade de conversas con Mariquiña (e a súa inseparable sobriña Chefa), cinéfila impenitente, visitante asidua da sala de proxeccións, cos correspondentes encontros pola cidade. A memoria, a esperanza política, as aportacións das artes e a cultura –a esencialidade do coñecemento: ela e a súa familia que foran quen de preservar agochada durante toda a ditadura a biblioteca persoal de José Villaverde– na construción dun mundo máis xusto e estimulante, eran algúns dos temas fundamentais de conversa. Chea de retranca, librepensadora caracterizada pola honestidade e a claridade expositiva, era unha muller carismática e singular, sincera e impregnada de bondade natural.

Mariquiña Villaverde, e membros da Corporación Municipal, no cambio de nome da praza de Millán Astray polo de As Atochas

Unha vez chegada a Marea Atlántica ao goberno municipal de A Coruña habería unha necesaria homenaxe. O acto de inicio do chamado «Primavera da memoria» (2015), programa, entre outras funcións, de abolición dos asasinos presentes no rueiro en aplicación da Lei de Memoria Histórica, polo que se reparaban pusilanimidades pasadas, tívoa como protagonista. Millán Astray era substituído pola Praza das Atochas e as claudicacións cómplices do vazquismo pasaban a mellor vida. Nos meses seguintes a infamia -exemplificada nos nomes de Mola, Sanjurjo ou División Azul- desaparecía das rúas, mais aquel 8 de outubro Mar y Luz (Mariquiña) Villaverde foi merecida voz soprano do acto que por xustiza lle correspondía. E hoxe cómpre a súa presenza mesma no rueiro e as honras da cidade, un lugar onde o espírito conmemorativo e a oficialidade casposas ubicaron figuras lonxe do seu exemplo de resistencia, dignidade e propagación da verdade histórica. E alí nos veremos, Mariquiña.  Ata sempre.

Enterro de Mariquiña Villaverde

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail