Haberá Galicia despois da pantalla?

Nalgúns países democráticos a oposición constitúe un gabinete paralelo, co mesmo número de compoñentes e áreas de responsabilidade, para fiscalizar mellor o Goberno oficial. No Reino Unido é xa unha tradición, o chamado Goberno na Sombra. En Galicia non se fixo nada semellante. E aínda que a oposición quixese facelo, un gabinete paralelo, sería un propósito política e xeometricamente imposíbel. Por que? Porque o Goberno oficial xa está na sombra. É un Goberno de Sombras. Mesmo podemos dicir, un Goberno da Negra Sombra no sentido rosaliano, esa desacougante omnipresencia do baleiro. Rosalía de Castro anticipou o pesadelo virtual, mais tamén, en concreto, a política da Sombra de Feijóo na TVG: «En todo estás e ti es todo…». ¶ A pandemia obrigou a moita xente a substituír o traballo presencial polo teletraballo. Ficamos apantallados. A ficción do cibermundo, ese futuro albiscado como utopía ou distopía, ocupou de súpeto a realidade, enguliunos, non por mor dun trunfo da Intelixencia Artificial senón polo contaxio dunha doenza natural, espallada e multiplicada, iso si, pola aceleración global, cun mercantilismo que desatendeu o comunitario e, en particular, os servizos públicos de saúde. A sociedade do espectáculo tiña por envés a sociedade da catástrofe. ¶ O xenuíno do caso galego é que a política oficial xa estaba apantallada. O Goberno era, á vez, un Goberno de Sombras, onde o único rostro visíbel, omnipresente, era o do presidente da Xunta. Neste sentido, Feijóo foi por diante, como un personaxe de Philip K. Dick. Converteuse no primeiro presidente virtual de Europa. Mesmo vai por diante de Donald Trump, porque non ten ese atraso de escribir mensaxes. Nin tuits, nin nada. É máis moderno: é ágrafo. Antes da crise, Feijóo estaba xa apantallado. Así que, cando fomos recuperando espazos de realidade, o que nos pareceu natural é que Feijóo estivese na pantalla. Se non lle poñen rótulo, non recoñeceriamos a ningún conselleiro, mesmo os seus familiares levarían unha sorpresa. Porque o que hai é un Goberno de Sombras e todas elas teñen o rostro de Feijóo. ¶ Así que o día das eleccións, o 12 de xullo, non só temos que decidir a composición dun Parlamento. A Galicia real, a que está detrás da pantalla, ten que decidir se mantén un Goberno virtual, de política zombi, ou abre paso a un Goberno de verdade, unha alternativa construtiva e solidaria.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail