Quen coida ás que nos coidan?

Deixamos nas súas mans o máis prezado que temos. Os pais, cando xa non lembran o noso nome, e os fillos, cando aínda non saben dicir o seu. Confiámoslles vidas fráxiles, rutinas íntimas, medos, lembranzas, primeiros pasos e últimos alentos. E, aínda así, nunca lles deixariamos o coche.

A comparación pode parecer excesiva, soa dura, mesmo provocadora, pero revela con claridade as nosas prioridades. Abonda con mirar arredor para entender o que di de nós como sociedade. O coche –símbolo de propiedade, de status e valor económico– esixe un seguro, revisións periódicas, garaxe… E para ter todo ben atado e non levar desgustos facemos contratos rigorosos e pagamos. Pero o coidado da persoa que coida da nosa familia, iso é outro conto, segue movéndose nun terreo difuso, mal pagado, pouco recoñecido e, demasiadas veces, precarizado. Chéganos cun simple «Vése boa xente e responsable» e un agradecemento superficial, coma se con iso xa lle asegurásemos dereitos e cubrísemos as súas facturas. Coma se quen sostén a vida non merecese as mesmas condicións que un cacharro que simplemente nos traslada dun sitio a outro. Vivimos nun mundo no que está claro que a propiedade vale máis que a vida.

Falamos de coidados cando xa non queda outra, cando a dependencia entra pola porta. Entón, miramos ás traballadoras –case sempre mulleres e maioritariamente migrantes, que casualidade!– para que asuman o que non sabemos xestionar colectivamente. Pedímoslles paciencia infinita, afecto e dispoñibilidade, pero pagamos mal, non ofrecemos protección e facemos o cego cando están rotas polo cansazo, ou nos contan algunha das súas penas ou os traballos que pasan. Como se coidar fose un talento innato e non un labor ben duro, que require coñecementos e ademais emocionalmente é devastador. Caemos na trampa moral de esixirlles unha responsabilidade inmensa a cambio de precariedade, e aínda por riba non sempre tratamos con respecto. E así funciona este sistema -ou máis ben-, «o chiringuito de primeiro mundo» que temos montado.

Hai unha contradición brutal. Sabemos que coidar require tempo, formación, sensibilidade e responsabilidade. Sabemos que un erro ten consecuencias, pero cando chegan finximos sorpresa, como se fose algo alleo e non o resultado lóxico dun sistema levado ao límite. Falamos moito de coidados, pero pouco de poder: quen decide, quen paga, quen se aproveita e beneficia. Aceptamos que quen coida dos nosos viva na inestabilidade, como se a confianza persoal substituíse os dereitos laborais. Delegar o coidado sen asumir as condicións nas que se produce é unha forma elegante de desentenderse. Queremos tranquilidade sen asumir responsabilidades.

A pregunta é tan incómoda que a evitamos: quen coida ás que nos coidan? Quen se preocupa pola súa saúde mental, polo seu descanso, polo seu futuro? Quen garante que non se rompan mentres sosteñen vidas alleas? Un sistema que se basea no esgotamento doutros non é sostible, nin xusto, nin humano. O máis perverso é que esta realidade xa se normalizou. Quizais a pregunta non sexa só quen coida aos que coidan, senón que valor lle damos realmente á vida cando deixa de ser produtiva, ou cando aínda non o é. Que sociedade somos cando protexemos mellor os obxectos que as persoas? Cando aseguramos o coche antes que a dignidade de quen nos axuda a vivir?
Poñer os coidados no centro é unha obriga ética. Esixe recoñecemento, regulación, salarios dignos e respecto. Implica entender que sen coidados non hai futuro posible. E sobre todo, deixar de mirar para outro lado mentres alguén (unha muller e migrante, sinto recordalo) sostén a quen non queremos ver caer. Ou asumimos que coidar require dereitos, tempo e diñeiro, ou estamos aceptando algo moito máis grave: que hai vidas que se consumen para que as nosas sigan funcionando. E unha sociedade que acepta isto xa decidiu que non todas as vidas valen o mesmo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail