Un dos máis célebres poemas de Bertolt Brecht, o titulado Aos que nacerán despois, é aquel que contén unha autocrítica: «Nin sequera nós, que queriamos preparar o mundo para a cordialidade, puidemos ser cordiais. / Vós, malia todo, cando chegue o intre en que a xente axude á xente, / pensade en nós con indulxencia». Brecht dedicou a vida á arte e á revolución, apostando a cabeza e comprometéndose en cada palabra, non en solitario, senón sentíndose parte dunha vangarda histórica: «Íamos cambiando de país como de zapatos, a través da loita de clases, desesperando cando nos encontrábamos coa inxustiza e non coa rebelión».
A que viviu a experiencia de loita antifascista canda Brecht foi, en moitos casos, xente indómita que tivo o valor de non achantar fronte á maquinaria pesada dun terror nunca visto. Por iso o texto dedicado ás xeracións vindeiras ten tanta vixencia e utilidade contemporánea. O testemuño de quen loitou nas circunstancias máis adversas, si, mais ten a dobre valentía de virar o espello e ver o lado escuro. Esa zona de sombra que malogrou, e malogra, tantas experiencias de que nacen con propósito liberador e esnafran por práctica sectaria. E non hai desculpas. Pedir indulxencia aos que nacerán despois é o xeito mais intelixente de dicirlles: non fagades o mesmo. Ou por dicilo coa ironía dun brechtiano galego: «Non cometades outra vez os erros equivocados».
Non, non se pode «preparar o mundo para a cordialidade» con intransixencia, xenreiras e políticas de facción. Antes de loitar polo poder, cómpre preguntarse para que se quere o poder. Sexa no ámbito que sexa. Non se pode conseguir a confianza do electorado cando o propio campo está cheo de lesionados por desconfianza. As eleccións son sempre boas para aprender. En Galicia hai hoxe depósitos de esperanza que permiten albiscar un novo ecosistema político, máis inclusivo, democrático e de autogoberno eficaz. O nacionalismo soubo facerse máis cordial, ampliando as súas coordenadas sociais e a súa presenza xeográfica. A herdanza das mareas, alí onde prevaleceu o espírito de unión. E a imprescindíbel reanimación do espazo socialista en Galicia, coa responsabilidade de «preparar o país para a cordialidade», fronte á«guerra fría» en que a dereita excesiva está a converter a política. Na incerteza, hai o perigo certo de que trunfe o retroceso e a descivilización. A mellor resposta, tecer xa un pacto alternativo de sociedade decente, de cordialidade democrática.