As segundas partes…

Albíz…! A exclamación ficou cortada na miña gorxa. O «Albízaras!» aclaro que tiña a ver, nas miñas modestas pretensións, con poder «desfrutar» dun semestre sen ruído eleitoral, na expectativa de as eleicións estatais ou españolas se celebraren no fin de ano. Mais… xa se ve que a carreira continúa, polo que soubemos a segunda feira pola mañá, de boca do presidente do goberno español, xa en funcións.

Celebradas que foron as eleicións municipais, chamo a atención agora sobre un aspecto rechamante da mesma noite eleitoral e das xornadas seguintes. Por enésima vez, a Galiza non existe na España política nen nas súas terminais mediáticas. Fálase do fracaso da «esquerda rupturista» (?), que, efectivamente, facendo certo o adxectivo, rompeu con ela mesma. O novo mapa resultante, na Galiza, destas eleicións, non existe. Na divisoria dereita / esquerda tan cara á rotina estatal, debera constar un aumento significativo da segunda, da man dos sufraxios-concelleiros-alcaldías obtidos / obtíveis polo Bloque Nacionalista Galego, mais… nen auga.

Na miña óptica –que non é a mencionada–, a dicotomía real é nacionalismo galego / españolismo (en calquer das súas versións: dereita, esquerda ou perifrástica). Admírame, por outra banda, a facilidade con que se utilizan expresións ou conceitos absolutamente equivocados ou anti-semántica denotativa. Os concellos non teñen lexislaturas, señores, teñen mandatos (xa só nos faltaba que puidesen promulgar leis…). A repetidísima afirmación «derrogar o sanchismo» esquece que o que se derrogan son leis, non persoas, nen partidos nen tendencias… Por certo, que o dúo PP-Vox poda chegar a obter o próximo goberno español é algo que me arrepía, non como «esquerda» ou como nacionalista senón, simplesmente, como galega: ter que aturar a posibilidade dun outro compatriota á frente do executivo español é demasiado: máis un colonizado de orixe no papel de axente colonizador. Albert Memmi xa o analisou e estudou hai moitos anos…

Hai un segundo aspecto en que vou reparar. Son non menos de seis as comunidades autónomas onde o PP, para a acadar o goberno, depende de Vox: Aragón, València, Estremadura, Murcia, Cantabria, Baleares… Triunfo dual, pois, se chegaren (que chegarán) a formar eses bipartitos. Si, bipartitos, os condenados bipartitos de outrora… Entre parénteses, a única concellalía obtida por Vox na nosa nación pertence ao concello de Avión, antano fornecedor nato de emigrantes e hoxe de enriquecidos retornados. Velaí a tristísima consecuencia (unha delas) da emigración, esa ferida mortal inflixida no noso corpo social, mi(s)tificada por algúns, «progresistas» incluídos, como fonte de avanzo e logros. Avanzo «de la muerte», si, señor, que diría don Ánxel Fole… (a nova edil de Avión apelídase Cerdeira; mudará o seu apelido por «Cerezo»?).

Escoitei atentamente a intervención televisiva de Inés Rey a noite eleitoral. Continúa en modo alcaldesa. Primeira pontualización: é alcaldesa en funcións, até o día 17 de xuño, data de constitución das novas corporacións. Segunda: para continuar séndoo, non é que sexa conveniente o voto do BNG: é imprescindíbel. E tal evidencia non existiu na súa declaración. Se falo da Coruña é por ser a cidade da que son viciña desde hai case 47 anos. A alcaldesa en funcións non tivo o realismo político nen a elegancia de mencionar este feito inescusábel. Unha cousa é o previsíbel e desexábel e unha outra o real necesario. Dirase –con razón– que a mesma regra funciona para aqueles concellos onde a alcaldía do BNG depende dos votos do PSOE, mais, neste caso, ben que se apurou o portavoz do PSOE en Pontevedra, por exemplo, para advertir dos seus dereitos e das súas esixencias.

Afortunadamente, o portavoz municipal do BNG na Coruña, Francisco Jorquera, xa estabeleceu que a negociación había de se realizar con todo o rigor e con toda a clareza. Ao PSOE viríalle ben admitir dunha vez por todas que o BNG non é un complemento circunstancial na política galega. A ver se se actualizan… E a ver se se actualizan tamén os analistas españois (perdón: politólogos!…, como vai competir unha palabra grave cunha esdrúxula e, ademais, pentasílaba!) á hora de, na súa óptica, insisto, definiren a Galiza como «conservadora». Os números impoñen outra definición.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail