A ética e a estética do vento

O 22 de xuño de 2020 o dixital EnergyNews publicaba unha información, que non tivo difusión en Galicia, titulada: «Noruega endurece as normas para novos proxectos eólicos». A ministra de Enerxía, Tina Bru, afirmou en conferencia de prensa: «No futuro, facilitaremos un desenvolvemento limitado e máis moderado da enerxía eólica do que vemos actualmente». O Goberno noruegués, e os políticos da oposición, reaccionaban así ante as fortes protestas para protexer espazos naturais locais que mesmo levaron á intervención policial para impedir que os manifestantes tirasen abaixo obras en construción de parques indesexábeis. Mesmo a empresa estatal de enerxía, Statkfraft, recoñeceu que se dera un exceso de presión e que había que reducir o tamaño e impacto dos xeradores aéreos. ¶ Sempre é interesante para Galicia o que ocorra en Noruega, un país de referencia nas políticas de benestar, mais no caso do desenvolvemento eólico éo dobremente. Tres grandes proxectos de parques eólicos, os máis xigantescos dos previstos no cordal cantábrico e galaico, son promovidos pola norueguesa Satkfraft. No macroparque de Rebordechao preténdese instalar 28 xeradores de 154 megavatios afectando un espazo natural da montaña ourensá que comparten dez concellos. ¶ Se a vergoña e a hipocrisía producisen enerxía eléctrica, xa abondaría con este proxecto para alumear a noite enteira de Galicia. Apuntou Walter Benjamin que detrás de todo documento de civilización hai un de barbarie. O que non se pode facer nun país «civilizado» vénse facer noutro país con coordenadas subalternas por mor da indefensión e subordinación en que o sitúan aqueles que foron elixidos para defender o patrimonio e os dereitos, sexan Xunta ou Goberno central. ¶ Mais o paradoxo que suscitan os xigantescos «muíños» noruegueses só é unha parte do problema no vendaval da deshonra. ¶ Hai previstos, nun horizonte próximo, máis de setenta proxectos de parques eólicos. Galicia é unha potencia en vento. As «frontes atlánticas» son un gran recurso, un ben natural, que non debería desbaldirse en mans do negocio privado, simple prolongamento do «capitalismo feudal» dos xigantes eléctricos ou de oportunistas que parasitan o poder aproveitándose das «portas xiratorias». Galicia ten unha experiencia histórica traumática cos encoros que anegaron parte das mellores terras. Os danos foron grandes, a comezar pola emigración de miles de persoas. Foi moi pouco o que se recibiu por ese sacrificio. Que ficou de todo aquilo? ¶ Non se debería repetir a historia. O círculo vicioso. Estamos a prol da enerxía renovábel. Defendémola antes de que aparecese tanto «capitán do vento». Mais esa enerxía debería empregarse en anovar Galicia, en economía circular, en relocalización, e facelo con xeito, respectando espazos da natureza que deberían ter a consideración de sagrados. Renovábeis, si, mais con ética e estética.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail