Un mozo denunciou na comisaría de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) o que cualificou como unha «agresión homófoba» despois de que outras catro persoas a emprenderan con el a puñadas o pasado sábado tras contestarlles que era gai cando lle preguntaron pola súa condición sexual. A Policía Nacional confirmou que a Unidade de Atención á Familia e á Muller (UFAM) investiga os feitos e trata de localizar os agresores.
O adolescente, cuxo nome non transcendeu malia que publicou os feitos e unha foto na súa conta de Instagram, recoñece que antes da agresión vertera un pouco de líquido da lata da que bebía nas mans dun mozo que se achegou ao seu acompañante para pedirlle pipas. Ambos paseaban polo porto de Vilagarcía. Tras o incidente, esa persoa empezou a chamarlle «maricón», e pouco despois regresou acompañado das outras catro, que se achegaron a el, preguntáronlle se era gai e, cando lles respondeu afirmativamente, comezaron a pegarlle.
«En ningún momento estou a dar a entender que porque me peguen por ser homosexual xa é unha agresión homófoba, senón polos insultos e pola puñada despois de declararme gai diante de eles», escribe o mozo en Instagram, onde tamén sinala a súa estrañeza porque na comisaría dixéronlle que non podían elevar directamente o caso diante do xuíz «porque non hai unha lei que implique este tipo de agresións homófobas». Segundo os colectivos que defenden o dereitos LGTBI+, ese foi unha dos puntos que o PP eliminou da Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuales en Galicia, que o Parlamento galego aprobou fai sete anos.
Este é o texto que o mozo escribiu coa súa versión dos feitos:
«Onte, sobre as nove da noite en Vilagarcía de Arousa á beira do edificio da Autoridade Portuaria sufrín unha agresión homófoba por parte dun grupo de 4 rapaces que me pegaron 4 ou 5 puñadas no ollo dereito e na parte lateral esquerda da cabeza. Todo isto ocorreu mentres daba un paseo cun mozo e achegouse unha cuadrilla para pedirlle pipas. Eu,de maneira totalmente inofensiva e sen intención de crear ningún problema (a modo de broma, evidentemente) boteille Coca-cola nas mans a un dos que se achegaron para pedilas, repito, sen intención de pelexarme con el nin con ninguén. Unha vez feito isto empezoume a insultar chamándome ‘MARICÓN’ e eu largueime de alí para non crear conflitos. Unha vez estabamos a apartarnos, empezáronnos a seguir, polo que empecei a andar máis rápido. Nese momento, unha moza probablemente do grupo dos que me seguían, apartou ao mozo que me acompañaba porque dixo que lle tiña que contar algo persoal e que eu non podía estar diante. Eu tenteime achegar a eles para refuxiarme dalgunha maneira, pero o mozo que me empezou a insultar anteriormente presentouse diante miña coa súa cuadrilla e empezáronme a insultar de maneira moi homófoba, eu non puiden reaccionar xa que estaba moi nervioso e despois dunha pausa e máis insultos, un dos da propia cuadrilla de mozos preguntoume se era gai, ao que eu respondín que si. Seguidamente, un por un, empezáronme a pegar 3 ou 4 puñadas no ollo e na cabeza mentres me deixaban cego durante uns segundos. Antes de que me desen a última puñada tenteilles pedir perdón pero non me deron tempo e pegáronme o último».
A transcendencia do sucedido –o post xa ten preto de 13.000 gústame– provocou xa reaccións na defensa do rapaz, como a do colectivo Avante LGTB+: «Queremos mostrar o noso rexeitamento contra este tipo de actos que atentan contra as nosas vidas, así como contra a incompetencia institucional que nos deixa sen amparo. Sabemos que a intención dos agresores é manternos caladas e asustadas, por iso posicionámonos publicamente e sen medo. Así mesmo, tamén queremos servir de canle para dar voz a estes casos, xeralmente ignorados pola prensa. Animámosvos a visibilizar estas agresións. Estaremos aí precisádesllo para axudar, acompañar ou aconsellar. Avante LGBT empregará todos os seus medios para loitar e que deixen de acontecer estes feitos(…) Finalmente queremos mandar unha profunda mostra de apoio e afecto á vítima. Non estás só. Sabemos que a solidariedade é a nosa ferramenta máis forte, por iso colaboraremos activamente no que necesites».
Público-Luzes tentou sen éxito contactar co mozo para interesarse polo seu estado e obter máis información sobre o caso.