Se isto é un home

No mes de xaneiro de 1947, Primo Levi rematou de escribir o testemuño dunha das maiores brutalidades da historia da humanidade. Legounos a narración do seu cautiverio no campo de exterminio nazi de Auschwitz para deixar constancia do horror e co obxectivo de que este non se volvese repetir xamais. O libro, titulado Se isto é un home, cuestionaba que un ser capaz de torturar, asasinar e presenciar impasible un xenocidio fose merecedor do título de home, e sinalaba que o calificativo «humano» non é inherente ao ser humano polo feito de selo.

O suicidio dunha traballadora da empresa automobilística Iveco tras a difusión intencionada dun vídeo sexual no que aparece volveu poñer unha vez máis enriba da mesa o debate sobre que é ser un home. Coa brutal circunstancia de que, para chegarmos a ese debate, tivo que morrer unha muller. Dito eufemisticamente podemos chamalo un suicidio inducido, e dito sen cancelas, un asasinato. Non é o maltratador do imaxinario colectivo que maltrata a súa parella no acubillo do fogar conxugal: é o terrorista machista disposto a esnaquizar a vida dunha muller a través de Internet. Sen represalias e co silencio cómplice da empresa na que ambos os dous traballaban, que malia coñecer a situación calificouna de «asunto persoal» e non activou o protocolo de acoso sexual.

Non é o maltratador do imaxinario colectivo que maltrata a súa parella no acubillo do fogar conxugal: é o terrorista machista disposto a esnaquizar a vida dunha muller a través de Internet

Co denominador común da crueldade, que emana da incapacidade de ver a un ser como unha persoa, como unha igual, establécese un vínculo entre a perpetuación dun xenocidio e a difusión intencionada dun vídeo sexual ou, como se coñece o fenómeno, o porno de vinganza: a deshumanización completa dun individuo pola ambición cega de facer dano a outro. Falamos de esnaquizar completamente a un pobo ou a unha soa persoa e o obxectivo é ese mesmo, a destrución. Con todas as consecuencias. Sen obviar, e isto é importante, que neste caso estamos a falar dunha cuestión de xénero: a difusión dun vídeo íntimo non fai dano a un home como llo fai a unha muller, e iso o difusor do vídeo sábeo moi ben.

A enorme expectación mediática xenerada pola trascendencia pública do vídeo sexual que levou a esta muller ao suicidio deu como resultado a proliferación de datos persoais sobre a vítima, tan irrelevantes coma culpabilizadores: o seu nome, a súa idade, o seu estado civil e os fillos que ten, ademais de titulares coma estes: «La angustia de Verónica (dato persoal), la madre (dato persoal) que se suicidó por su vídeo sexual» (su, propiedade, que implica responsabilidade): «Es ella», la señalaban en Iveco (e este titular tamén); «Una mujer se suicida tras difundirse (ao parecer difundiuse só) un vídeo sexual suyo (de novo propiedade que implica responsabilidade) entre sus compañeros de trabajo»; «Una empleada de Iveco se suicida tras viralizarse (viralizouse por arte de maxia) en la empresa un vídeo sexual».

Seres humanos que se chaman a si mesmo homes comezaron a airear a súa miseria moral nos medios e redes sociais sinalando a vítima e deixando claro que o problema non son os homes que o difunden, senón as mulleres que o permiten

Xunto coa estrepitosa falta de perspectiva de xénero nas novas publicadas sobre o caso, seres humanos que se chaman a si mesmos homes comezaron a airear a súa miseria moral nos medios de comunicación e a redes sociais sinalando, como é frecuente, a vítima, e deixando claro que o problema non son os homes que o difunden, senón as mulleres que o permiten.

«Los hombres, y soy hombre y lo digo, no somos capaces de tener un vídeo así y no enseñarlo», afirmou o toureiro Francisco Rivera na tertulia matinal dunha televisión privada da que é colaborador habitual. «A todas las niñas, a todas las mujeres: por favor, que no manden vídeos de ese tipo», continuou, e a presentadora, lonxe de cuestionalo, respondeulle «me quedo con tu reflexión».

Ao tempo que Rivera pronunciaba esas palabras, na rede unha ráfaga de opinións de xente que se preguntaba onde tiña a cabeza para deixarse gravar en vídeo mentres practicaba sexo. Como se deixa. Como se atreve. Non pensa nos seus fillos. Do responsable da difusión do vídeo, nin unha información.

Pero as redes, como espazos de conversa que son, afortunadamente teñen máis dunha cara. Fran Rivera converteuse en trending topic e centenares de homes –e mulleres– decidiron contestarlle que falase por el mesmo, que non todos os homes difunden, comparten ou amosan vídeos de contido sexual. Que se iso é un home, entón eles queren ser outra cousa.

Nun novo lamentable episodio de violencia machista que se cobra a vida doutra muller, semella haber un raio de luz que nos indica, con desesperante lentitude, que algo está cambiando. Con semellante panorama, non serei eu quen recomende a abstención de facer o que a unha lle pete cando lle pete, así que direino moi alto: teñamos sexo e gravémonos. Gravémonos mentres os homes aprenden a ser homes.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail