A Coruña– Unha das solucións de Altri para minimizar o impacto visual e paisaxístico da fábrica de celulosa que proxecta en Palas de Rei, na comarca da Ulloa, consiste en pintar de verde as súas instalacións. Entre elas, a cheminea de 75 metros de altura pola que emitirá á atmosfera cinzas e gases tóxicos e que, segundo a Xunta, debería converterse nunha «icona» capaz de reverter a imaxe negativa do complexo industrial para convertelo «nun elemento arquitectónico atractivo» para o turismo.
Así se recolle no expediente da declaración de impacto ambiental da factoría, ao que tivo acceso Luzes-Público e que contén tamén documentos que proban que antes de que o Goberno de Alfonso Rueda a fixese pública o pasado 14 de marzo, os técnicos da Xunta advertiran das previsibles consecuencias negativas sobre a economía da zona.
Segundo o expediente da Xunta, Altri ocupará unha parcela de 366 hectáreas, con varias construcións de gran envergadura. Ademais da cheminea, que terá unha altura equivalente á dun edificio de entre 22 e 25 plantas, están previstas, entre outras instalacións, unha caldeira de recuperación de 4.300 metros cadrados construídos e 60 metros de altura –20 pisos–; outra caldeira de biomasa de 3.000 metros de superficie e 50 metros de alzada –máis de 16 plantas–, e varias naves de proceso e almacenamento de produtos químicos de 24.000 metros cadrados e 55 metros de altura –máis de 18 pisos–.
Todas esas construcións serán visibles desde diferentes puntos de Palas e doutros municipios próximos, nunha zona pegada a varios espazos naturais protexidos de Rede Natura, nunha contorna rural atravesada polo Camiño de Santiago, onde a poboación habita maioritariamente en aldeas e pequenos núcleos de poboación sustentados en explotacións agrogandeiras de carácter familiar.
60.000 toneladas anuais de CO2
Cando a fábrica de Altri estea a pleno rendemento, a súa cheminea emitirá á atmosfera da zona axofre, óxidos de xofre, monóxido de carbono, óxido de nitróxeno, cinzas, partículas tóxicas e ata 60.000 toneladas anuais de CO2, unha cantidade equivalente á que producen 21.500 coches. É dicir, o dobre de motores que persoas habitan na Ulloa, poboada por uns 8.700 empadroados segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística.
No informe no que avalía o impacto paisaxístico da planta, que asinou o pasado 4 de febreiro a directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, María del Carmen Martínez Ínsua, o Goberno de Rueda admite que a cheminea de 25 pisos constitúe o principal elemento de «impacto visual» do complexo. Pero aclara que informa favorablemente a favor da proposta da empresa portuguesa, entre outras cousas, pola súa promesa de pintala «con tons que se mimeticen coa contorna: verdes, marróns ou grises».

A Xunta celebra a idea de Altri de deseñar a chimena «cunha forma (que ten que ser cilíndrica) que harmonice coa súa contorna», para integrala así «nun deseño arquitectónico maior que converta o complexo industrial nun elemento arquitectónico atractivo». Trátase de «que a cheminea se converta nunha icona» mediante «elementos decorativos ou artísticos que a convertan nun elemento icónico en lugar dunha intrusión visual», matiza o informe da Dirección Xeral de Patrimonio.
«Cores claras para alixeirar a percepción»
Para lograr eses obxectivos, a Consellería de Cultura da Xunta, que dirixe José López Campos, recomenda «traballar» eses conceptos «con escolas de belas artes e arquitectura do territorio, por exemplo as universidades de Santiago, Vigo e Pontevedra» –en realidade non hai universidade en Pontevedra, senón un campus da de Vigo onde se sitúan as súas facultades de Belas Artes e Deseño–.
Cultura tamén alenta a «eliminar ou limitar ao máximo o uso de materiais reflectores», e a «utilizar cores claras nos alzados» das instalacións, «co obxectivo de alixeirar a percepción da masa destas construcións».
Oferta turística
A fábrica de Altri, segundo recoñece a Xunta, terá un impacto visual notable pero ao seu xuízo aceptable, a pesar de que a cheminea e as súas columnas de fume se van poder apreciar desde o Camiño de Santiago e desde algúns dos puntos emblemáticos do patrimonio histórico de Palas que nutren a súa oferta turística, como o castro de Remonde, da era prerromana, e o castelo medieval de Pambre, do século XIV.
Tamén afectará varias mamoas –enterramentos prehistóricos do neolítico– e ao petróglifo de Tras da Costa, unha reliquia milenaria tallada nunha roca localizada dentro dos terreos onde se proxecta construír a factoría de celulosa.
Neste caso, a Xunta non recomenda pintalo de verde, como a cheminea, pero si que non sexa desprazado «arbitrariamente»; que as obras que se executen na súa contorna se realicen en presenza dun arqueólogo, e que Altri faga unha proposta «para a súa conservación, estudo e posterior valorización».