O mapa das administracións públicas

Hai máis de cen anos (Novembro de 1918), os participantes na I Asemblea Nacionalista, celebrada na cidade de Lugo, asinan o Manifesto que sela definitivamente o nacionalismo galego que se recoñece como tal, a partir da fundación das Irmandades da Fala dous anos antes. É a ruptura co «regionalismo sano y bien entendido» que escrebera, en artigo aclaratorio, Antón Vilar Ponte. Tres anos despois, seu irmán Ramón publicaría en Ferrol Doutrina nacionalista, prologado por Josep Puig i Cadafalch, que presidía na altura a Mancomunidade de Municipios catalá. Na realidade, o libro nace inmediatamente despois do remate da I Guerra Mundial, que alumara –após a aplicación da proposta Wilson de autodeterminación– a constitución de novos Estados, de nacións emancipadas dos vellos imperios europeos. Non foi o menor dos froitos deste proceso de liberación nacional o inicio da normalización dos idiomas nacionais respectivos de Checoslovaquia, Hungría ou Finlandia. Este é o pano de fundo ou, se quixermos, o «subtexto» do texto galego do Manifesto.

I Asemblea Nacionalista, Lugo 17-18 de novembro de 1918, aparecen, entre outros, Antón Losada Diéguez, Antón Villar Ponte, Vicente Risco e Manuel Banet Fontenla.

Nel, no Manifesto de 1918, especifícanse claramente as facultades do Poder Galego. Esa é a nomenclatura: Poder Galego. Abranxen materias fundamentais, como é sabido, para a economía e para a sociedade galega da altura, sob a proclamación dun principio político fundamental, como o que declara a igualdade de dereitos para as mulleres. Tamén non é menor o estabelecemento da «soberanía estética da nazón galega», con xurisdición en música, artes, monumentos e paisaxes… Nun tempo histórico onde a adecuación entre significante e significado era moito meirande do que no presente, cobra toda a importancia a novidade de –a rentes do chao– atender, con nomes e apelidos, as competencias concretas e exclusivas que aquel Poder Galego se adxudicaba (incluída a atención aos emigrados).

Voltemos abruptamente ao presente. Calquer asunto, individual e/ou colectivo que hoxe nos atinxa, pode depender e depende (que diría Fernando Ónega, como autor dos discursos de Adolfo Suárez) das seguintes administracións públicas: concellos, deputacións provinciais, Xunta de Galiza, goberno do Estado español, Unión Europea (por non citarmos, en obrigada submisión, multinacionais, grandes corporacións bancarias, Fondo Monetario Internacional, Banco Central Europeo…; seguimos?). No momento actual, estamos no comezo do principio dunha longuísima e cansativa campaña eleitoral, que terá as municipais como primeiro asalto dunha liorta que proseguirá coas eleicións estatais, as europeas e as autonómicas galegas. Máis dun ano de danza partidaria á conquista da parella cidadá dos maiores de idade. Nestas próximas, municipais, ninguén semella querer lembrar que as dúas institucións públicas que se constituirán após a súa celebración, dentro de catro semanas –concellos e deputacións–, responden a un deseño e a unha planta española, estatal, que proveñen dunha data tan moderna como a década dos trinta do século XIX. Temos na Galiza (se non me trabuco), un capicúa: 313. Asistimos non hai moitos anos á prodixiosa fusión de dous deles: Oza dos Ríos-Cesuras e mais Cerdedo-Cotobade. Espléndido Garvey!

Namentras, as cidadás e os cidadáns galegos seguimos a depender de decisións administrativo-burocráticas que se entrecruzan e solapan entre competencias do Estado, da Xunta, dos concellos, das deputacións…, coa sombra sempre alongada e presente dos auténticos centros de decisión a nível europeo e mundial, nunha faramalla burrocrática que fatiga ao máis valente.

A reforma da Administración –belo propósito sempre adiado– faise perentoria na nosa nación, na Galiza, para, como mínimo, reagrupar concellos e suprimir as aberrantes divisións provinciais. En termos estritamente capitalistas, como os tiranicamente impostos, é, ademais –a situación actual– dificilmente asumíbel: multiplicación absurda de edificios, sedes, prestacións… Para que logo falen os rotineiros ou tradicionalistas da rémora do minifundismo galego… Vaites, vaites! Quen o fomenta e practica?

Un só exemplo doutro dos graves problemas galegos. Un municipio do exacto centro do país, Agolada, tiña 3.875 habitantes hai vinte anos, en 2003. En 2015, 2.585. Hoxe…, prefiro non saber o volume da mingua. San Cibrao de Esperante –unha das súas parroquias– tiña, en 1999, 128 habitantes; en 2013, 68. Hoxe? Idem: vale a preferencia antecitada. Un exemplo entre tantos, ben sei. Mais a superestrutura político-administrativa (española, reitero), como hai 190 anos. Exemplar.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail