As protestas -en rede- amañan cousas

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Hai dous mantras desmobilizadores que son trending topic na sociedade española desde a década dos 40 do século pasado: «Non te signifiques» (ou «Non te metas en nada») e «Protestar non vale para nada». Os dous estaban e están baseados na experiencia, en experiencias tráxicas, mais tamén hai unha enorme serie de excepcións, aquí e fóra, que desmontan esa regra. O 1 de Maio conmemórase unha delas. Se en teoría a xornada é de oito horas (aínda que na actualidade, máis ca un tope legal, na maioría dos casos ese é un obxectivo a conseguir), os nenos non traballan nas minas (que agora non hai) e hai dereito a descansar os festivos (ou polo menos a cobralos ou a compensalos) é porque algúns, algúns bastantes, non fixeron caso deses sabios consellos.

Haberá quen diga que aquelas loitas estaban claras, que era moito o que se podía gañar e pouco o que se podía perder. A min quedar sen emprego en tempos de fame ou enfrontarse a unha patronal que utilizaba como garda propia ás forzas de seguridade paréceme que é arriscar máis moito que pouco. Quizais o que tiñan era a esperanza de que acabarían ganando porque tiñan a razón da súa parte, xa que deus e a lei estaban da outra.

As protestas que medraron nos últimos tempos colleron forza e levedaron sen estar guiadas por bandeiría ningunha, senón pola suma de distintos esforzos organizativos

Exactamente iso é o mesmo que galvaniza as mobilizacións con máis éxito dos últimos tempos. O forte convencemento de ter a razón. O tsunami das mulleres, sexa o do 8 de marzo, sexa o da protesta contra a sentencia de La Manada, non ten reclamacións concretas (aínda que as haxa), senón a fartura de aturar unha situación de facto que moitos -e moitas instancias- negan que exista. A posta en pé dos pensionistas foi tamén unha revolta motivada non por un –outro- recorte de dereitos, senón contra a desvergonza, contra unha tomadura de pelo. A folga dos funcionarios de xustiza, acabe como acabe, é tamén unha aposta pola  dignidade.

As tres –e outras que se me pasan- caracterizáronse porque colleron forza e levedaron sen estar guiadas por bandeiría ningunha, senón pola suma de distintos esforzos organizativos, en rede. O risco, como lle pasou á protesta dos vellos, como lle está pasando á dos traballadores da xustiza é cando se quere levar esa riada a cada canle. Se hai algo que lle senta mal a un movemento de protesta popular é, como evidencia a palabra, que o capitalicen.

 

 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail