Antón Reixa danza os seus versos con Kirenia Martínez: «Logrei perder o sentido do ridículo»

A Coruña– Un arríscase a quedar coma un mentireiro se afirma que Antón Reixa (Vigo, 1957) podería sentir o ridículo sobre un escenario. Poeta de vangarda desde antes de cumprir os 20; fundador, letrista e vocalista dos Resentidos, grupo emblema da movida viguesa dos 80; produtor e presentador de televisión; articulista; locutor de radio; director e produtor de cinema… Alguén con esa bagaxe podería pensar de si mesmo que é raro ou extravagante? Tanto como para provocar a risa allea sen querelo?

En 2016, Reixa sufriu un terrible accidente de tráfico que o mantivo varios días en coma inducido e que lle deixou como secuelas dores constantes e unha discapacidade física do 65%. Así que cando aos seus 67 anos a coreógrafa e bailarina cubana Kirenia Martínez lle propuxo subirse a un escenario e bailar, sucede que si, que entón el temeu quedar en ridículo.

Martínez, que xa traballara en Galicia conceptos de danza inclusiva e integradora con mulleres maiores do Courel e de Cuntis, coñeceu a Reixa na montaña nunhas xornadas de poesía nas que o artista recitaba os seus versos. «Foi como ver a Marlon Brando lendo poemas. Linos e decidín montar unha peza de danza cun deles sen lle dicir nada, por se me dicía que non. Convideino á estrea pensando que se non lle gustaba non podería seguir. Foi unha aposta arriscada, pero cando terminamos abrazoume emocionado. Encantoulle», conta a coreógrafa.

Daquel encontro xurdiu Cicatriz, un espectáculo interdisciplinar que combina danza, teatro, performance, poesía, instalación e música, estruturado arredor de 300 versos de Reixa que empezan todos pola palabra «Quero» e que segundo os autores explora «o desexo e o desexo de desexar». Os seus protagonistas son eles dous.

Emoción

«A miña idade e as miñas doenzas non son as mellores premisas para poñerme a bailar. Pero desde que empezamos non só logrei perder o sentido do ridículo. Foi duro, pero tamén fisicamente liberador», explica Reixa. «Descubrín que podo facer cousas que xa non cría que podería facer. A danza é técnica, pero sobre todo é emoción», aclara.

O proceso para converter en coreografía os poemas de Reixa tampouco foi fácil. Kirenia relata que o seu obxectivo era «que a danza se lea e que a poesía se vexa», e asegura que cre que o autor «tamén descubriu cousas das súas poesías ao velas en 3D». «Só lle pedín que me deixase interpretalas, facelas miñas e expresalas», engade.

«Agora pregúntome, con fascinación, como escribirá o poeta despois de bailar a súa poesía», continúa a coréografa. «Como se transformarán os seus versos tras habitar as palabras co corpo, tras bailalas, tras descubrir que moverse no seu propio texto é outra forma de versar a vida. Porque cando a palabra se somete á gravidade, cando se articula desde a carne, algo no seu significado se fractura e se expande. Xa non é só linguaxe: é pegada, é xesto, é pulso», conclúe.

Cicatriz, producida por Fani Vázquez e Uxío Novo, conta con música de Marcos Payno e Bruno Baw e escenografía de Suso Mareque, e o apoio da Axencia Galega de Industrias Culturais e do Centro Coreográfico Galego. Estreouse o pasado venres na sala Germán Coppini da delegación da Sociedade Xeral de Autores en Santiago, e repetiu sesión o sábado. Os seus autores esperan xirar co espectáculo por outras localidades de Galicia, Portugal e Alemaña.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail