Se esta crise sanitaria está a traer algo bo, é que estamos a darnos conta das deficiencias que ten a nosa comunidade sanitaria. Non só os recortes veñen a facer dano na situación do coronavirus, tamén o desleixo en integrar nela a todas as persoas.
A Asociación de Xordos de Santiago de Compostela, fixo o día 27 de marzo un chamamento á integración da Lingua de Signos na comunidade sanitaria no seu Facebook. Nela pídese literalmente —e con urxencia— «un servizo de Intérprete de Lingua de Signos por parte do SERGAS diario e de 24 horas, xa!». «É que non o hai? Iso non é posible… abofé que si», pensariamos moitos de nós, non si?
Imos ver os datos. Por unha banda, facéndonos eco das estatísticas oficiais da OMS, que cifran que nace un xordo de cada 1000 nacementos. Por outra banda, se mirasemos a información que a Confederación Estatal de Persoas Sordas comparte na súa web, veriamos un estudo do INE do año 2008 que afirma: «En España hai un total de 1.064.000 persoas xordas (2,3% da poboación)». Entón, por lóxica, a calquera lle parecería raro que non houbera tal servizo, dado que é un número importante de persoas. Ademais, moitas delas utilizan unha lingua recoñecida oficialmente polo Estado español dende 2007 (que non oficial), pero é, de facto, recoñecido o dereito de calquera persoa xorda coa Lingua de Signos a ter acceso a calquera servizo público ou privado, conforme esta regulación (Lei 27/2007 do 23 de outubro). Pois ben, chamando ás urxencias de dous hospitais galegos, no primeiro negáronme que houbera ese servizo, e se o había non o sabía, a persoa encargada de recibir á xente en urxencias. No segundo caso, no que estaban máis acostumados a tratar o tema, acabou chamando ao coordinador de servizos de Urxencia e díxome que se podía vir cun intérprete mellor, senón que eles á súa chegada se poñérian en contacto coa Federación Galega de Persoas Xordas, por se poden achegar algún intérprete.
Pregunto a médicos: o primeiro dime «non, non me consta que haxa ese servizo» (SERGAS). Outro, na comunidade de Madrid, «temos os carteis co alfabeto da linguaxe de signos». Pois imos ben… Para que unha persoa xorda teña dito servizo existe unha canle —previa petición por correo ou por mensaxe de texto— para un servizo de Skype de interpretación. Primeiro, o doente ten que demandalo. Segundo, se a un xordo lle ocorre unha urxencia xenérica (un ictus, un infarto, un baixada de tensión cun desmaio polo golpe…) como carallo vai pedir o servizo de Skype?
Pasamos a facer unha análise do servizo de acompañamento presencial da Federación Galega de Persoas Xordas. É un servizo pautado nuns horarios específicos e baixo demanda. Entón as urxencias, onde fican? Cando chega unha persoa xorda signante – porque hai que recordar que é unha comunidade tamén moi diversa e hai moitos que aprenden o método oralista–, dispoñen de implantes cocleares e incluso hai quen le os beizos; nas urxencias quedan á espera de chamar a un intérprete da asociación ou a Federación. E se non hai intérpretes dispoñíbeis?
Outro suposto no que penso son as canles de comunicación do coronavirus. Se teño un síntoma e chamo ao número 24 horas para saber se teño ou non COVID-19. Hai un servizo de Skype para persoas xordas 24 horas para isto? Non. Temos totalmente illadas—quero pensar que sen darnos conta— as persoas xordas na nosa comunidade. Lembro as pantallas cos intérpretes co logotipo da cadea posto enriba. De por si, a información escrita pode custarlles comprendela porque somos moi de frases feitas e, de facto, dispoñen dunha comprensión funcional da lingua oral e escrita diferente á nosa. Ademais, son informacións moi técnicas. Pensemos nun momento no medo que estamos a pasar, e como o levariamos se non ouvísemos.
Se dende 2007 a lingua de signos é recoñecida en todo o Estado Español, por que non pode haber un servizo de intérpretes no SERGAS? Por que seguimos illando estas persoas?