O futuro do Casino de Carballo, en xogo

A especulación inmobiliaria ameaza un dos poucos edificios históricos que aínda quedan en pé na localidade, e que actuou como dinamizador da vida cultural da vila

En Carballo, o cemento eríxese polas rúas como as árbores nun monte. Entre os edificios altos da vila chama a atención unha pequena construción amarela, o único inmoble histórico que aínda queda en pé na localidade, é o Casino 1889 que, non obstante, corre agora o risco de desaparecer.

A do Casino é unha historia común á de tantos espazos que se perden ao longo do territorio por mor do auxe do cemento. Sen embargo, os seus últimos anos están marcados pola loita dunha vila que se uniu para defendelo. Os inicios da Sociedade Recreativa do Casino remóntanse a 1889, aínda que foi no 1925 cando a asociación primixenia se trasladou ao emprazamento actual. Nas súas orixes era un club selecto ao que só podían acceder certas familias da sociedade carballesa. Esta imaxe perdurou ao longo dos anos ata que, en 2018, un grupo de persoas se uniu para converter o Casino no que a día de hoxe é o centro neurálxico da cultura da vila.

Poucos meses despois de que a nova asociación botara a andar, en pleno mes de agosto, a directiva recibiu unha notificación dos novos propietarios, na que comunicaban a adquisición do inmoble por 70.000 euros. Nese momento decidiron intentar recadar a cantidade precisa para poder salvar o edificio. En menos de dúas semanas, socios, socias e veciñanza en xeral uniron forzas para conseguir a cantidade necesaria para exercitar o dereito ao retracto. Dende a directiva elaboraron un sistema de doazóns e préstamos para que cada persoa aportase o que puidese ou quixese. En dúas semanas conseguiron 45.000 euros e, nos últimos días restantes, antes de que rematara o prazo para exercer o dereito ao retracto, chegaron aos 70.000.

Foi nese momento cando a asociación do Casino recibiu un segundo burofax dos propietarios no que se aseguraba que o importe sinalado na escritura de compra fora un «erro», e que o prezo do inmoble era, en realidade, de 360.000 euros. Con todo, non se aportou ningún xustificante de pago que validara este feito, así como advertiu o propio notario. Isto deu lugar a un litixio xudicial, cuxa tramitación se foi retrasando por causa da pandemia da Covid-19, pero que está por fin a piques de celebrarse. Será o 8 de marzo no xulgado de instrución nº 1 de Carballo.

Unión veciñal para salvar o Casino 

En 2018, tras a primeira alerta ante a posible perda do Casino, a veciñanza de Carballo, nun exercicio de solidariedade sen precedentes, uniuse para loitar pola conservación do edificio e da nova vida cultural que aniñaba. Agora, tras coñecerse por fin a data do xuízo, os veciños e veciñas da localidade volven a sumar forzas a prol dunha causa común.

O pasado día 7 de febreiro iniciouse a campaña Salva o Casino. Con ela pretenden sensibilizar sobre o valor histórico e cultural do inmoble, así como da importancia de ter un espazo de encontro na vila. Nos primeiros días da campaña, centos de persoas compartiron e apoiaron a mensaxe que lanzaron dende a organización. As redes sociais de xente e fóra da vila enchéronse da frase Salva o Casino.

Catro anos de cultura e xuntanzas

Dende que en 2018 a nova directiva asumiu o rumbo do Casino 1889, a axenda cultural de Carballo non fixo máis que medrar. Actividades de todo tipo, dende clases semanais de danza, a clubs de lectura, concertos, obras de teatro, micros abertos, ciclos de cine, presentacións de libros, mercadiños solidarios e, en definitiva, un espazo para todo quen queira facer uso del.

Ademais, neste tempo, reformaron o ambigú con traballos inaprazables para a habitabilidade do espazo: substituír o falso teito que ameazaba derrubo, revocar as paredes con barro, reforzar o chan, rehabilitar a espectacular barra de madeira, substituír as carpintarías e tamén pintar o salón e a recepción. Todo isto grazas á participación de moita xente da vila nunhas xornadas de traballo voluntario que levaron a aportación popular mais aló dos préstamos e doazóns económicas que posibilitaron interpoñer a demanda de retracto.

En breve coñecerase o futuro do Casino 1889. Polo de agora, continúa a ser ese edificio cor amarelo pastel que, aínda que sexa o máis baixo da súa contorna, é o único que non pasa desapercibido.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail