Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Os vellos galegos, ademais de non namorarase como recomendaba Castelao, tampouco deben manifestarse, se temos que facerlle caso a un Goberno de España que reaccionou espetándolles que se queixan de vicio e que miren para os parados, para os dependentes ou para os novos, comparen e se encontran algo mellor que o compren; coma se as nosas avoas e avós non mirasen todos os días aos fillos e netos no paro ou á súa parella ou parente dependente que levan anos atendendo e protexendo coa súa rácana pensión alí onde o Estado decidiu retirarse e abandonalos a súa sorte.
Os pensionistas galegos tardaron en arrancar pero agora xa van lanzados. Demoráronse en protestar porque os nosos vellos son xente sufrida e de orde, son conservadores na súa maioría e aínda cren de boa fe nas promesas que lles fai O Noso Alberto e o medo que lles mete O Noso Mariano, avisando que se aproxima o Armagedón das pensións nunha Galicia e nunha España na que só vivirán vellos, os novos só poden traballar de repartidores ou de camareiros e Amancio Ortega seguiría sendo o home máis rico do mundo.
O asombroso do caso galego non é que os vellos voten ao PP. O realmente inexplicable é que tantos voten ao PSdeG, á Marea ou ao BNG cando se pasan o día recriminándolles que venden o seu voto por un bocadillo e un baile, que se deixan carrexar, que non saben o que votan ou que son covardes e sempre van co que manda.
Non foron os partidos da oposición quen conseguiron meter o asunto das pensións na axenda desta volta. Foron os pensionistas coa súa mobilización e a súa indignación porque, nin en España nin en Galicia, se lles regalou nin se lles vai regalar nunca nada. Só cos intereses que xeraba cada ano o peto das pensións antes de que o fundira O Noso Mariano se poderían ter actualizado dúas voltas cada ano as pensións. Cartos hai, o que non hai é respecto polos vellos.
Nunca lle sentín a O Noso Alberto queixarse de que os nosos maiores se atopan entre os máis maltratados do Estado
A pensión media galega é de 783,72 euros, a máis baixa xunto con Estremadura. Outra das consecuencias de maltratar e explotar sistematicamente os nosos labregos e os nosos mariñeiros sen ofrecerlles alomenos unha mínima previsión social. E a suba media é de 2€ por mes. Para actualizalas co coste da vida a suba media debera de ser a astronómica cifra de 14€ por mes. Nunca lle sentín a O Noso Alberto, o campión do déficit, dicir unha soa palabra a respecto desta vergoña, nin queixarse de que os nosos maiores se atopen entre os máis maltratados do Estado.
Ao presidente galego sentinlle falar moito de Catalunya e dos cataláns e sei que ten unha opinión moi formada sobre o Estado de dereito, a Constitución e o dereito de autodeterminación nunha perspectiva comparada; pero de que a pensión media dos xubilados galegos se achegue polo menos á media estatal, nada, nin chisco; será que non é cousa súa, porque xa me dirán que terá que dicir niso o presidente de todos os galegos, ou é que non o sabe porque el só está para os temas de Estado verdadeiramente importantes.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán