#Galizatamén

Sempre pensei que Galiza é muller. Dende nena vin as mulleres traballando a terra, cargando sacos de patacas na cabeza, coidando os nenos, facendo a comida, recollendo as vacas, axudando a morrer aos vellos e moitas cousas máis que non lembro. Galiza é muller pero dende que teño memoria gobérnana homes. Non só homes, senón homes que forman parte dun partido político que xurdiu do franquismo. Primeiro foron os do AP do Fraga, a man que lle controlaba as manipulacións informativas ao Caudillo. Logo trocaron o nome a PP, pero non trocaron as ideas. Durante anos esta xente do PP que din traballar para a terra galega, non se cansan de arruinala. Non é ni tan sequera arruinala: é unha falta de ganas, é unha falta de cariño. O PP galego nunca mostrou preocupación polo que pasa noso país.

Cando o Prestige a xente tivo que saír a limpar as praias. Cando o  que pasou agora, o dos pellets, máis de vinte anos despois, outra vez a Xunta e o PP non fixeron nada para axudar nunha emerxencia. Non é so desgana, e ineptitude, e falta de respecto ao país e a súa xente, é tamén a arrogancia do que pensa que faga o que faga vai a seguir no goberno. É a mesma merda dos inútiles corruptos como o Rubiales, que se comporta como nos anos corenta, intentando esconder a súa merda baixo da alfombra.

Eu penso que xa tivemos dabondo. A sociedade leva anos cambiando. As mulleres están falando ben alto de todos os abusos que sufriron, e unha nova xeración esta a tomar os mandos de esta terra onde xa non hai espazo para xente como o Feijóo, que se sentaba a navegar con narcotraficantes ou fai pactos con fascistas declarados. Tampouco hai espazo para manequíns como Rueda, que non fan nada máis que mirar para outro lado cando lles toca traballar e capitanear esta nave nodriza chamada Galiza. Esa terra-muller esta farta de manter a inútiles. Xa chega.

Onte recibín as papeletas para votar nas eleccións do 18. Onte tamén mandei unha mensaxe a familiares e amigos preguntándolles a súa opinión do porqué moitos galegos seguen votando ao PP. O meu irmán mais novo díxome que os vellos dos pobos votan sempre o mesmo. A miña cuñada, que naceu en Huelva, mudouse a estas terras hai máis dunha década e fala galego mellor ca min, díxome que a cidadanía galega é moi vella, e que estes votan sempre o PP.  Unha amiga queixouse de que nesta terra algunhas viven de máis e que hai que ir morrendo. Quedei perplexa e ela alí o deixou. Outro irmán díxome que non é so unha razón, se non moitas, que é o efecto do rural tradicional, o chamado efecto Fraga, é unha mestura do conservadorismo do rural galego. Aseguroume que sen dubida han quedar aínda moitos favores daquel caciquismo pepero por pagar.

E logo tamén están os medios de comunicación untados polo PP e os seus empresarios. (Quen contaba!) Como esquecer a infame prensa e TVG ‘pepera’ galega!) Falei tamén con meu curmán, que vive en Oleiros, onde dende 1983 goberna Alternativa dos Veciños, que fixo moitas cousas boas e outras simbólicas, como traer unha estatua do Che Guevara para plantala diante da chamada milla verde onde Franco fora de visita, e que polo visto tamén fai cousas como campos de golf para darlle xogo ás xentes de Inditex. Para este curmán o problema é que hai moito ignorante e tamén que neste pais a xente sigue a un partido político igual que sigue a un equipo de fútbol e por iso non cambian nunca as súas cores.

Eu penso que algo de razón teñen todos. Pero o futuro da nosa costa, do sistema de saúde, da educación, do noso idioma galego, non pode depender dos catro miopes que manipulan a TVG, ou que confunden o goberno da terra coa man dun funcionario da xunta que lles paga por foder o noso mar, ou coas cores que animan dende as gradas. Xa é hora de cambiar. Galiza tamén ten que ter seu  #metoo. Non sei que farán vostedes pero eu, aínda dende a distancia, estou farta de que os herdeiros dos franquistas, os peleles, ou que os corruptos decidan por min. Esta terra non é do PP, nin é dos folgazáns e os inútiles como os Feijoo, os Rueda, a fantasma da mafia de Fraga o dunha TVG que fala do que lle manda o Señor da Xunta. Esta terra e unha terra dos mozos e dos vellos, dos homes que a aman e sobre todo e un pais das mulleres. Cambiemos por ela. #Galizatamén #GZtamén

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail