O inservible

A primeira vez que entendín que hai cousas que sobran foi na mocidade, durante un concerto de María Dolores Pradera no Teatro Principal de Compostela. Na metade do espectáculo, a cantante anunciaba Caballo viejo. Imperturbable, mirando ao público e facendo cunha man espaventos de desprezo, avisaba: «Pero sin bamboleos, ni bamboleas, ni estupideces de esas». No que dura o xesto de resituar un mantón sobre un ombro, Pradera non só lle restaba sensatez ao hit de moda cantado por Julio Iglesias, tamén ao propio Julio Iglesias.

A todas horas sobra algo. Afóganos a superabundancia. Por iso, deberiamos considerar desperdicio todo aquilo que nos impuxeron ter que soportar «por respecto» ou mesmo a través da recorrente exaltación da sobadísima democracia sutil. Tan etérea como sexa preciso.

«Non estou de acordo coa sentenza xudicial, pero respéctoa». Respectámola aínda que conculque algún tipo de dereito fundamental. Ten pasado. Todo así.

Un xuíz misántropo é un residuo. Tamén un empresario que imposibilita as laranxas. Un informativo infectado. Un opinador pirómano. A mentira e a súa ligazón. Un respirador saturado. Unha asociación gallega de algo.  Os monicreques de carne e óso. Un orgulloso contador de acosadores libres. A vinganza que non produce Bizarrap. Un país que non se fragmenta. Un país liso e sen fisuras. Só os países rotos en mil anacos son atractivos. Porque nun país de cemento uniforme, sen engurras, o excedente somos nós.

Só os países rotos en mil anacos son atractivos. Porque nun país de cemento uniforme, sen engurras, o excedente somos nós

Existen tantas cousas que non serven que non caberían no fondo do mar. É por isto que vivimos rodeados de estorbos que normalizamos. Estandarizámolos, quizais, para sufrir menos. Somatizamos co escombro. Por deferencia. Esta submisión nótase tamén cando, por exemplo, conversamos. Decidimos asumir que sempre que o debate comece por «Non comparto a túa opinión, pero respéctoa» veña seguido dunha hostia humillante. Tamén pasa, anoten, con «Espero que non che pareza mal» ou «Síntoo, é que son moi sincero». Aí prepárense sempre para recibir un sobrante colosal, caer de xeonllos e pensar na frase de Martin Rees, Astrónomo Real Británico: «Espero que fracasen os plans para prolongar a vida» (tamén é certo que Rees ten 80 anos e cada vez lle vai sobrando menos).

Sería mellor terlle respecto tan só ao que nos coida. Non admitir como natural o que fai dano. Rebelarse contra a sensación que produce abrir os ollos e asumir que hoxe alguén activará un protocolo antinatural. Que nos informarán sobre o típico asasinato e que hai que deixar de mercar latas de atún se queres chegar a fin de mes. O ideal sería non aceptar que se lle falte ao respecto á vida. Como se a vida fose igual de doada que a morte.

Sería mellor terlle respecto tan só ao que nos coida. Non admitir como natural o que fai dano. Rebelarse contra a sensación que produce abrir os ollos e asumir que hoxe alguén activará un protocolo antinatural

Cando eu morra, lavade a louza que quede no fregadoiro. Conxelade a comida de onte. E apagade as luces. Sobre todo, apagade as luces antes de saír do cuarto. Comprobade despois que ardo enteiro. Nada de desperdicios. Escribide a lápida con xiz para que a chuvia se encargue do resto. Non quero flores. Evitade o que sobra, o superávit e as reliquias.

O que non sobran son os bicos consentidos. Os que convencen e electrifican. Un amor pasaxeiro que queda pegado. Quizais o único que non sobre sexa o amor, en xeral. Porque quererse no tiene horario, ni fecha en el calendario, cuando las ganas se juntan. Punto.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail