O galego que puido ser lehendakari

Co franquismo rematado anos atrás, a morte deulle alcance a José Echeverría Novoa en Miami en 1984 no máis absoluto descoñecemento. O exgobernador republicano que conseguira deter a marcha da sublevación en Biscaia, natural de Pontevedra, finaba esquecido tras esmorecer afundido na mendicidade.

«Mira Pepito, tu siempre has sido un caballero y excelente persona y sinceramente te digo que te vayas por la frontera a Francia, ya que esto va en serio y no perdonaremos a quien se oponga a nuestros designios». José Echeverría Novoa, gobernador Civil de Biscaia aquel verán de 1936, colga o teléfono posiblemente esbrancuxado. Sen novas do acontecido na súa Pontevedra natal decide realizar unha chamada ao Goberno Civil da Boa Vila. Cómpre saber de primeira man a situación na cidade e o estado da súa familia. Ao outro lado da liña resposta unha voz que non consegue recoñecer, mais este misterioso interlocutor parece coñecelo.

José Echeverría Novoa é o gobernador Civil máis novo da República. Conta con 34 anos cando se fai cargo da provincia de Biscaia. Nace no seo dunha familia acomodada. O seu pai é un coñecido industrial e político do Partido Liberal, oriúndo de Iparralde. Esta boa situación familiar permítelle estudar Dereito.

Moi cedo destaca polo seu republicanismo. En 1930 aparece coma asinante na fundación do Centro Republicano de Pontevedra.  Exerce como vicesecretario e logo coma secretario. Está presente no coñecido coma Pacto de Lestrove, celebrado o 16 de marzo de 1930. Reunidos republicanos galegos da ORGA e Alianza Republicana, así como os galeguistas, asinan un manifesto polo cal se comprometen a unir esforzos para a consecución dun réxime republicano para o Estado español, e a elaboración dun Estatuto para Galiza. Deste xeito nace a FRG (Federación Republicana Gallega). Novoa milita entre 1931-34 no ORGA-FRG e a partir desa data pasa a formar parte de Izquierda Republicana.

É de suliñar tamén a súa militancia dentro da loxa masónica pontevedresa Helenes nº7 de los Valles de Pontevedra. A súa pertenza á masonería tráelle algún que outro desencontro coas autoridades locais durante a ditadura de Primo de Rivera. A noite do 28 de maio de 1930, á saída dunha tenida do grupo masón son detidos os seus asistentes. Trátanse de coñecidos persoeiros da vila entre os que se atopa Novoa. No rexistro do local encóntrase diferente documentación que os delata coma masóns polo que son multados.

Fronte de Villarreal (Araba). Novoa (3ª der.) con diversos oficiais do Exército de Euskadi, o lehendakari (ctro.) e o agregado da embaixada rusa (gabardina). Fondo Blasco (EAH).

Logo de exercer dende 1931 coma gobernador Civil en diversas provincias recala en Bilbao en maio de 1936. Xa por estas datas os rumores dunha posible rebelión das dereitas e dunha parte do Exército preocúpano gravemente. Deseguida pon en práctica unha serie de medidas para esclarecer a trama golpista e os seus responsábeis na capital biscaíña, da que por outro lado ten a certeza da súa existencia. Para iso, designa como encargados das investigacións a tres axentes da súa total confianza: Jesús Cobelas López, Feliciano Jerez e Andrés Alonso.

Por unha banda, cómpre coñecer o nivel de implicación na trama golpista dos oficiais do Regimiento de Montaña Nº 6 no cuartel de Garellano. E por outro lado, coñecer o alcance da mesma entre os grupos políticos proclives ideoloxicamente ás ideas que se lles supón aos futuros sublevados.

Por unha banda, cómpre coñecer o nivel de implicación na trama golpista dos oficiais do Regimiento de Montaña Nº 6 no cuartel de Garellano. E por outro lado, coñecer o alcance da mesma entre os grupos políticos proclives ideoloxicamente ás ideas que se lles supón aos futuros sublevados.

Os primeiros informes recibidos sobre estranos movementos no cuartel de Garellano dan conta das cotiás visitas de significados elementos das dereitas locais a certos oficiais do batallón. Estes oficiais son o tenente de Asalto Samaniego e o tenente de Infantaría Ibáñez. No caso de Samaniego cabe salientar que fora procesado por abuso de autoridade durante os feitos revolucionarios de outubro de 1934 e garda prisión, precisamente, no acuartelamento de Bilbao. Este réxime, de todos os xeitos, non lle impide manter reunións no cuarto de bandeiras, almorzos cos oficiais implicados na trama golpista e paseos por todo o perímetro e dependencias do cuartel. Deseguida o gobernador civil pontevedrés decide cursar as pertinentes denuncias para que ambos os dous sexan trasladados a Guadalaxara.

Os oficiais entregados á causa golpista son 2 comandantes, 1 capitán e 3 tenentes. Contan tamén co apoio do tenente coronel Guillermo Vizcaíno e o capitán Eduardo Carbajo, os dous na reserva. Sobre todos eles ordena Novoa que se exerza unha estreita vixilancia. Como medida preventiva un dos tenentes é destinado a Plasencia (Cáceres).

Tamén o comandante retirado e coñecido carlista, Alejandro Velarde González, deíxase ver polo cuartel e polos ambientes carlistas da capital. Na súa persoa recae a responsabilidade de se poñer á fronte dos requetés bilbaínos e unirse aos militares.

Os axentes de confianza do gobernador civil tamén manteñen vixiadas á Falange e a Renovación Española, o partido de extrema dereita que dirixe Calvo Sotelo. Polo que respecta á Falange, cabe salientar que Echeverría Novoa está ao tanto das confidencias, reunións e movementos dos falanxistas. Dispón dun infiltrado dentro da organización fascista. Un confidente que lles vai revelando os detalles da conspiración, as persoas implicadas na mesma, actividades da Falange e o ficheiro dos seguidores de Primo de Rivera en Bilbao.

No que respecta á Renovación Española, a vixilancia establecida sobre os movementos dos seus dirixentes dá os seus froitos no descubrimento dunha serie de reunións clandestinas no local do partido en Bilbao. Debido ao número e asiduidade destas tómase a determinación de interromper a celebrada o serán do 7 de xuño de 1936. O rexistro saca á luz interesantes indicios das intencións dos conspiradores: unha pistola oculta no patio do local, fórmulas para a fabricación de explosivos e documentación onde se destaca un listado de tres nomes aos que se lles asigna a continuación unha cantidade de pesetas en concepto de traballos de carpinteiría e albaneleiría. Entre os citados nomes destaca o de Manco Hoves. Logo da visita aos ficheiros policiais constatan que se trata de tres pistoleiros dos que o máis perigoso é o citado Hoves. Echeverría Novoa ordea que sexan detidos e ingresados na cadea.

Non se demora en poñer en coñecemento do presidente Casares Quiroga as pescudas levadas a cabo e as conclusións que estas traen consigo: Mola dirixe dende Navarra unha conspiración contra o Goberno lexítimo sendo os cuarteis un fervedoiro de conspiradores antirrepublicanos. O Goberno non ve, ou non quere ver os sinais que vai recibindo de diferentes lugares do Estado.

O 17 de xullo dá comezo a función en Marrocos. Ese mesmo día Echeverría Novoa ponse a traballar para asegurar a legalidade na provincia e ordea ao capitán de infantería Modesto Arambarri, xefe da policía municipal de Bibao a que acuda ao cuartel de Garellano e lle sexan entregados 120 fusís cos que armar as forzas leais.

Ao día seguinte mediante unha nota de prensa acouga á poboación biscaíña cunha mensaxe que pretende despexar dúbidas e reafirmar que a legalidade estase a respectar en toda a provincia.

Bilbao. Novoa (2º der.) xunto ao lehendakari Aguirrre pasando revista ás tropas. Fondo Blasco (EAH).

As comunicacións entre o Goberno Civil e o cuartel do Garellano son continuas. O gobernador require do xefe do batallón, leal á república, o tenente coronel Joaquín Vidal Munárriz  novas do ambiente que se respira nos cuarteis. O militar confíalle que é de nerviosismo, pero non quita ollo aos seus subordinados involucrados na trama golpista.

Mais non chegan ata aquí as medidas adoptadas por Novoa para manter a situación baixo control. Asina permisos e salvoconductos para a incautación de armas e municións en armerías, fábricas, xulgados e audiencias, para seren depositadas nos sotos do edificio do Goberno Civil. Unha das medidas determinantes, iniciativa do secretario da deputación Ramón María de Aldasoro, é a de redireccionar todas as chamadas dirixidas tanto ao cuartel bilbaíno coma ao de Loyola (Donostia) ao teléfono do seu despacho. Unha das chamadas ao cuartel de Garellano e do propio Mola, pero a voz que escoita ao aparato é a do gobernador civil. Logo dun intercambio de verbas conducentes a que o pontevedrés declare o estado de guerra, Novoa e Aldasoro néganse e despídeno cun sonoro : ¡Viva la República!.

A madrugada do 18 de xullo Novoa convoca no seu despacho a todos os xefes dos corpos policiais e militares de Bilbao, quere saber de boca destes da súa lealdade coa República. A resposta unánime é afirmativa. O 19, en connivencia con Andrés Fernández Piñerua, detén os militares involucrados no alzamento.

É por estes días cando se pon en contacto telefónico cos diferentes gobernos civís das provincias galegas. Quere coñecer de primeira man o alcance da sublevación na Galiza. Da experiencia da chamada á Pontevedra xa falamos ao comezo. Non obstante, consegue contactar co Gobernador Civil de Ourense Gonzalo Martín March ao que aconsella que se deixe de mornezas e arme o pobo, garante da defensa da República. A idea non seduce ao seu colega que, alarmado aínda é quen de replicarlle por formular esta idea. Esa é a derradeira vez que escoite a voz de Gonzalo Martín, que será pasado polas armas o 10/09/1936.

Da súa familia consegue recibir novas ao través do embaixador da República de Arxentina Daniel García Mansilla. Coa excusa dunha viaxe que vai realizar a Galiza contacta con Novoa por se desexa obter algún tipo de información sobre os seus achegados. Así, en decembro sabe que todos eles están baixo arrresto domiciliario na casa que a familia ten en Raxó (Poio, Pontevedra).

Antes de rematar a guerra son trasladados primeiro á casa familiar sita na rúa da Oliva, nº 20 e logo á casa dun tío. Pechados, coa liña telefónica cortada e a radio incautada. Baixo a estreita garda de requetés, milicias das JAP (Juventudes de Acción Popular da CEDA) e de falanxistas. Mesmo a súa irmá Carmen sofre o corte da cabeleira ao cero.

Novoa decátase da importancia que ten manter unha retagarda controlada que canalice os esforzos cara a derrota dos rebeldes. O asunto que maior preocupación lle produce é o mantemento da Orde Pública.

Deste xeito nace da súa man o 23 de xullo a Comisaría General de Defensa de Vizcaya co obxectivo de organizar a vida da provincia. Na mesma están presentes os partidos que conforman a Fronte Popular mais a CNT. O PNV prefire manterse á marxe do novo organismo.

Nos xornais de toda a provincia anuncia unha serie de medidas conducentes a velar pola orde e evitar posibles desmáns de elementos incontrolados. Procura evitar a formación dunha xustiza paralela adicada a incautacións e rexistros domiciliarios. Cortar todas as sancións ou castigos arbitrarios debidos a vinganzas ou o lucro persoal.. Regúlanse mesmo licencias especiais  para a condución de automóbiles. Esta norma tamén afecta á venda de gasolina que só pode dispensarse a quen presente unha autorización selada polo Goberno Civil.

Tamén cabe suliñar as xestións do noso protagonista na organización das primeiras columnas de combatentes constituídas en Bilbao para enfrontarse aos golpistas, tanto en Guipúzcoa coma nos límites coa provincia de Áraba, dende un primeiro intre do lado dos sublevados. Cabe citar a columna comandada polo tenente de Asalto verinés, Justo Rodríguez Rivas, a Donostia . Establécense destacamentos de milicianos en puntos estratéxicos coma Orduña, Balmaseda ou o porto de montaña de Los Tornos.

instrucións a seguir pola poboación en caso de bombardeo aéreo dadas polo Goberno Civil. La Gaceta del Norte (2 de novembro de 1936).

A Comisaría de Guerra vai organizar a vida na provincia ata o 13 de agosto. Nesta data créase a Junta de Defensa de Vizcaya conformada xa por todas as forzas políticas e sindicais antifascistas.

Un feito curioso vai presidir as airadas negociacións entre Novoa e os nacionalistas vascos para que se integren na Junta de Defensa. Segundo confesa Novoa nas súas memorias, ao día seguinte dunha tensa reunión, onde mesmo se cruzaron reproches e ameazas; recibe a visita de tres destacados membros do PNV: José Antonio Aguirre Lekube, Heliodoro de la Torre e Manuel Robles Aranguiz. Veñen dispostos a formar parte da Junta de Defensa. E ademais son portadores dunha proposta que a día de hoxe non deixa de resultar sorprendente. Traen consigo o ofrecemento de que Echeverría Novoa presida o novo goberno vasco que se está a xestar coa aprobación do executivo republicano. Supoñemos que tralo inicial abraio, o pontevedrés nega amablemente o ofrecemento. Segundo o seu parecer ese honor debe recaer sobre un vasco e el non o é. Engade tamén que agarda para a súa Galiza un estatuto semellante que lle permita gobernarse de xeito autónomo.

Os luctuosos feitos de maior calado cos que teñen que lidiar Novoa e a Junta de Defensa son os asaltos ás prisións flotantes surtas na rada do porto de Bilbao. Os asaltos suceden o 25 de setembro e o 2 de outubro de 1936, respectivamente.

Debido ao elevado número de detidos dereitistas, a Junta de Defensa procede á incautación dos buques Cabo Quilates, Altuna Mendi e Arantzazu Mendi para ser habilitados coma prisións. O problema do «acomodo» dos presos elévase cando, procedente de Donostia arriva en setembro ao porto bilbaíno a nave Bizkargi Mendi que transporta os presos políticos da provincia veciña. Para a vixilancia dos presos asígnanse, xunto con funcionarios de prisións, partidas de milicianos de diferentes partidos e sindicatos.

O día 25 de setembro a aviación inimiga bombardea Bilbao. A crispación da poboación é palpable. As marxes da ría vanse enchendo de civís e milicianos exaltados. Piden a berros a morte dos presos. A multitude decide tomar a xustiza pola man. Abordan o Cabo Quilates e o Altuna Mendi ante a desidia dos gardas. Perpétrase unha matanza de 62 prisioneiros que vai emporcallar a traxectoria da Junta de Defensa.

Ese mesmo día en reunión extraordinaria adopta medidas para evitar no sucesivo actuacións deste calibre. Decídese cesar de inmediato aos reténs que veñen exercendo de gardas e substitúense por unha sorte de cuadrillas mixtas integradas por gardas de asalto, garda civil e milicianos.

O pesadelo non remata aquí. Unha nova abordaxe do Cabo Quilates o 5 de outubro, desta vez, perpetrado polos tripulantes do acoirazado Jaime I finaliza con 42 prisioneiros asasinados.

Ese mesmo día as Cortes republicanas aproban o Estatuto de Autonomía de Euskadi. Novoa é o encargado de asinar a convocatoria para a celebración das eleccións para a elección do presidente do novo Goberno vasco.

Comparecemos o 7 de outubro na casa de xuntas de Gernika á xura do cargo por parte de José Antonio Aguirre y Lekube. Durante a cerimonia, o gobernador civil le un pequeno discurso e leva a cabo o traspaso de poderes no nome da República.

Dende este mesmo intre o gobernador galego deixa de exercer o seu cargo aínda que permanece en Biscaia. Nos meses sucesivos  pódeselle ver xunto ao lehendakari en Otxandio observando as evolucións da coñecida batalla de Villarreal. Froito da súa presenza preto do campo de batalla é a entrevista que mantén cun nutrido grupo de soldados galegos que acaban de pasarse de bando.

Pouco máis fica o pontevedrés en Euskadi, enxaneiro trasládase a Valencia para máis tarde, en maio do 37, recalar en Barcelona coma Delegado da Orde Pública tralos enfrontamentos acaecidos entre comunistas e anarquistas. Axiña resulta destituído debido a presións da FAI.

Derrotada a República vese forzado ao exilio. Primeiramente, pasa a Francia para embarcar cara a República Dominicana onde chega o 19/12/1939. Panamá, Cuba e finalmente os Estados Unidos acollen ao pontevedrés, onde morre en 1984. José Echeverría Novoa, aquel que conseguira deter a marcha da sublevación en Biscaia con man firme, falece no exilio e no esquecemento.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail