A hipocrisía da Unión Europea, a cegueira de certa esquerda

Foi Frantz Fanon quen na década dos sesenta explicou negro sobre branco o impacto das loitas de independencia nacional respecto dunha metrópole na realidade cotiá e tamén política nos Estados do Terceiro Mundo. O intelectual de orixe martinico e francés de cidadanía corroboraba na práctica de Alxeria a teoría aprendida nos seus estudos en París: a descolonización tiña varias direccións e eidos nos que traballar. A liberación fronte ao dominio político e económico dos colonos implicaba construír novas estruturas de poder e relacións económicas entre as clases do novo país, mentres a desaparición dos pied noir activaba procesos simbólicos de identificación e realización colectiva.

Cando o exército ruso comezou a invasión do territorio ucraíno a oficialidade das institucións da Unión Europea lanzouse a condenar esa agresión militar. Independentemente das análises sobre políticas de seguridade ou áreas de influencia entre bloques, un país de tamaño medio era atacado por unha superpotencia nuclear. Porén, parte da esquerda, tamén galega, preferiron agochar o obvio para levar o debate ao contexto só dalgúns factores. Tanta culpa tiña o afán imperialista de Vladimir Putin como o supostos intereses estadounidenses enerxéticos ou militares.

Esqueceran ou se cadra nunca leran as explicacións de Fanon sobre a espoleta que supón a liberación nacional na maduración de profundas transformacións no seo dunha sociedade. Chama a atención que parte desa esquerda nacionalista non fose quen de ver o dereito á autodeterminación que unha gran parte dos ucraínos levaba exercendo, como mínimo, dende as revoltas que desembocaron no Maidan. Un dereito defendido coas armas do seu exército. Esta loita, sexa cal sexa o seu resultado, agroma xa unha nova sociedade militarizada ao tempo que máis europeísta ou tolerante con liberdades cívicas como os dereitos LGTBI.

Esta mesma cegueira é a que manteñen sobre Siria. Defenden unha ditadura por ser laica, ou cando menos evítase celebrar a súa caída porque os brazos que a derrubaron son xihadistas. E nada din dos kurdos de Siria que lle arrincaron a Al-Assad pola forza o territorio coñecido como Rojava pra crear unha confederación de democracia directa, principios laicos e tolerancia étnica e relixiosa. Mentres, a Unión Europea celebra axeitadamente a caída da ditadura pero garda silencio sobre os bombardeos continuos de Israel contra territorio soberano sirio e as súas infraestruturas. E eses mesmos dirixentes políticos, coa presidenta da Comisión Europea á cabeza, evitan condenar dende hai máis dun ano a limpeza étnica practicada por Israel contra os palestinos.

Os dereitos humanos e as aspiracións das persoas para vivir en paz non valen o mesmo para a Unión Europea diante de dous conflitos da mesma rexión. E na beira norte dese Mediterráneo que baña as terras palestinas e sirias, as institucións comunitarias sitúan nunha báscula aínda máis privilexiada as liberdades dos ucraínos. O arco destes tres conflitos amosa a hipocrisía de Bruxelas do mesmo xeito que sitúa a certa esquerda fronte ao espello da cegueira voluntaria que emprega para non cualificar a Rusia co termo Estado colono aplicado con Israel.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail