«Podemos é necesario en calquera proxecto que pretenda gobernar para transformar este país»

A Coruña.- O novo coordinador nacional de Podemos en Galicia é o responsable autonómico máis novo do partido. Secretario de Organización da formación na comunidade desde 2018, Borja San Ramón asume que a etiqueta de afín a Yolanda Díaz que lle asignamos os medios é tan difícil de despegar como fácil de explicar, porque sempre defendeu, asegura, a unidade e o acordo ao redor de proxectos políticos que dean resultados aos cidadáns máis que ás organizacións políticas. Nacido en Ferrol en 1991, deixou a universidade para poñerse a traballar vendendo seguros a media xornada en plena crise financeira, e empezou a militar en Podemos cando emerxeu a contestación social contra unha clase política á que esa cidadanía nova vía incapaz de resolver os seus problemas.

Vostede defínese como «aprendiz de xurista», por que decidiu deixar os seus estudos universitarios? A vida lévate ás veces por uns camiños distintos aos que planearas. Antes de empezar en 2018 como secretario de Organización de Podemos Galicia estaba a traballando e preparando unha oposición relacionada co tema xurídico, coa intención de aprobala e logo terminar a dobre carreira de Dereito e Administración de Empresas, que deixara uns anos antes. Durante os últimos catros anos foi difícil poñerme a outras cousas, pero o meu obxectivo é terminar, polo menos Dereito.

Pertence a esa xeración á que lle sorprendeu a crise financeira nesa idade na que non deixaches do todo a túa vida académica, pero tampouco tiveches tempo para canalizar a túa vida laboral. Moita xente tivo que deixar os seus estudos e poñerse a traballar, foi o seu caso?A miña familia é de clase media, o meu pai era profesor do Conservatorio de Ferrol, que hoxe dirixe, e aínda que é verdade que o primeiro ano que estudei na Coruña tiña que ir e volver en autobús porque as nosas posibilidades económicas non permitían que eu vivise de alugueiro alí, nunca atravesamos tantas estreitezas como para que tivese que deixar de estudar. Máis ben foi por cuestións persoais, e porque me atrapou este rollo da política cando ía en terceiro ou en cuarto de carreira.

Parte desa xeración parece de novo desencantada coa política. Eu teño entrado na antiga sede de Podemos en Madrid en 2015 e había cen persoas traballando das que o 75% ou o 80% eran menores de 24 anos. Como moitos outros eu sempre estiven en segunda, en terceira ou en cuarta liña, pero dedicámoslle moito tempo a iso e sufrimos un enorme desgaste físico e emocional. Non tiñamos experiencia, pero si moitas ganas, e aquilo deu resultados: sacamos setenta deputados, entramos en moitos parlamentos autonómicos, gobernamos unha chea de cidades… Unha vez pechado aquel ciclo político coas últimas eleccións xerais, parte desa xeración que viviu aquel proceso tan de preto agora estase resituando.

«Eu teño entrado na antiga sede de Podemos en Madrid en 2015 e había cen persoas traballando das que o 75% ou o 80% eran menores de 24 anos»

O seu proxecto en Galicia pasa por recuperar a esa xente que pode sentirse desencantada? Xa empezamos a facer ese traballo de renovación acompañada de experiencia. Das 24 persoas que ían comigo na lista, 19 ou 20 nunca tiveran cargos de responsabilidade a nivel galego, e dos candidatos nas seis cidades galegas, seis nunca o foran antes. Ademais, agora hai maioría de mulleres na executiva.

Juan Carlos Monedero apoiou á candidatura que rivalizaba con vostede. Juan Carlos é un compañeiro máis, e como calquera compañeiro ten dereito a apoiar a quen considere. Diso van as primarias. Os militantes, os inscritos e os círculos de Podemos Galicia falaron e apoiaron maioritariamente á nosa candidatura, que ten o 75% da nova dirección. E eu estou completamente dacordo con o que di Juan Carlos: aos que gañan unhas primarias tócalles dirixir, e aos que non as gañaron, acompañar e apoiar.

Pregúntollo porque o posicionamento de Monedero, máis que contra vostede, entendeuse como un posicionamento da executiva estatal contra o proxecto de Yolanda Díaz. Pasei todas as primarias falando de Galicia, do meu proxecto para Galicia, para o ciclo político que se abre para as municipais e ás autonómicas. Non me teño movido de aí, nin falei de nada que non sexa iso. Ademais, na miña candidatura había dúas persoas da executiva estatal. Non vou entrar noutras lecturas.

Cal é a súa visión sobre o proxecto de Sumar? Non quero que pareza que me escondo diante a pregunta, pero é que eu me presentei ás primarias a coordinador nacional de Podemos Galicia e teño moi claras as miñas competencias nunha organización federal e plurinacional. En primeiro lugar: a min tócame preparar o próximo ciclo político coas municipais e as autonómicas en Galicia. Segundo: quen ten que preparar a candidatura para as eleccións xerais é a dirección estatal do partido, e nese sentido teño moita confianza en Ione Belarra e en Lilith Verstrynge para que Podemos estea nunha candidatura para as próximas xerais que logre gobernar. E terceiro: en Podemos Galicia sempre fomos partidarios, e levámolo demostrando desde 2014, de acordos amplos que signifiquen os mellores resultados non para as organizacións políticas, senón para que se poidan implementar políticas positivas para a cidadanía. Para sacar o máximo número de deputados e lograr gobernos que poidan cambiar a mellor a vida da xente. Nunca fomos sectarios nin o imos a ser, sempre fomos xenerosos e ímolo seguir sendo. Imos empuxar para conseguir as candidaturas máis amplas, representativas, plurais e ricas posibles. E algo obvio: ao final quen vai decidir son as persoas inscritas, porque se vai a celebrar unha consulta, como sempre se fai nesta organización.

«En Podemos Galicia sempre fomos partidarios, e levámolo demostrando desde 2014, de acordos amplos que signifiquen os mellores resultados non para as organizacións políticas, senón para que se poidan implementar políticas positivas para a cidadanía»

A vostede, que é amigo da vicepresidenta, non lle gustaría que ela lle apoiase se vostede se presentase ás eleccións municipais ou ás autonómicas? É que Yolanda Díaz xa dixo que o proxecto que está a preparar é para as eleccións xerais, e que non se vai a mesturar nin nunhas autonómicas nin nunhas municipais. É a súa decisión. Pódese estar dacordo con ela ou non, pero é unha decisión lexítima.

Non digo que Sumar se vaia a presentar ás eleccións, falo de apoiar. Con Sumar ou sen Sumar, a vostede gustaríalle que houbese un respaldo tácito ou explícito de Díaz ás candidaturas de Podemos Galicia nas municipais? Está a pedirme que valore algo que non se vai dar.

É dicir, que Díaz non vai vir apoiar a Podemos Galicia. Ela dixo publicamente que non vai participar nin nas municipais nin nas autonómicas. E eu téñome que ater a iso. Se cambia de opinión e a fai pública, pois entón xa lle contarei, pero mentres a súa posición sexa esa, non podo valorar outra situación.

Falou disto coa vicepresidenta, fala con frecuencia con ela? Non. A última vez que a vin foi no acto de Sumar na Coruña [o 2 de decembro]. Eu con quen falo con frecuencia é coa xente da miña organización, estou centrado en Galicia.

Vai ser vostede o candidato de Podemos nas próximas eleccións autonómicas? Iso é algo que teñen que decidir os rexistrados neste partido.

«Yolanda Díaz xa dixo que o proxecto que está a preparar é para as eleccións xerais, e que non se vai a mesturar nin nunhas autonómicas nin nunhas municipais. É a súa decisión. Pódese estar dacordo con ela ou non, pero é unha decisión lexítima»

Si, pero para que os rexistrados poidan decidilo vostede ten que presentarse a unhas primarias, faráo? Nunca eludín as responsabilidades. Nunca tiven ningún problema con iso e nunca o vou a ter, pero é unha decisión que ten que tomar a dirección da organización e que teñen que referendar os rexistrados e as rexistradas.

Refírese á dirección galega ou estatal? Á de Galicia, claro.

En ocasións dá a impresión de que os problemas do espazo político no que se move Podemos, tanto en Galicia como no resto do Estado, veñen máis por desencontros persoais que por diferenzas ideolóxicas, estratéxicas ou de formulación. A política vai de persoas, e as persoas teñen as súas virtudes e os seus defectos. E é verdade que ás veces os desencontros dependen máis das relacións interpersoais que de posicións políticas, pero en Podemos Galicia sempre traballamos para superalos e crear marcos comúns de entendemento. Todos tomamos boa nota do que pasou en 2019, e que hai cousas que non se poden volver repetir: tres ou catro listas do mesmo espazo político enfrontadas nunhas municipais. Toca priorizar candidaturas comúns para conseguir resultados que signifiquen un cambio en cada cidade e en cada pobo, que permitan consolidar ou conseguir gobernos de progreso e de transformación. E iso non se vai a lograr se non somos capaces de axuntar forzas e de traballar conxuntamente, tendo claro que Podemos é necesario en calquera proxecto de cambio que pretenda gobernar para transformar este país. Non é só a folla de roteiro da dirección galega de Podemos, eu creo que é algo do que son plenamente conscientes as executivas locais, que xa o están implementando. Nós temos candidatos en cincuenta municipios elixidos hai dous meses, en sitios grandes pero tamén en municipios pequenos, con proxectos moi chulos: na Teixeira, no Carballiño, en Viveiro, en Barreiros… Apostamos por acordos amplos con outras forzas do noso espazo político, e ese traballo tamén o estamos facendo e está a dar resultados: en Ourense, en Lugo, en Santiago…

«Toca priorizar candidaturas comúns para conseguir resultados que signifiquen un cambio en cada cidade e en cada pobo, que permitan consolidar ou conseguir gobernos de progreso e de transformación»

Na Coruña tamén? Dígoo porque o desencontro con Marea Atlántica fai que un acordo para as municipais pareza imposible. Podemos ten que estar presente nas próximas eleccións municipais. A nosa marca ten que estar presente, as nosas candidatas teñen que estar presentes e os nosos programas teñen que estar presentes. Programas que falan de reforzo dos servizos sociais, de transparencia, de auditorías, de regulamentos de participación cidadá que o 90% dos concellos non implementan… Pero máis aló diso eu teño que respectar a autonomía das direccións locais do partido, e a executiva da Coruña xa dixo que vai a buscar unha candidatura de consenso.

Pero vai haber conversacións con Marea Atlántica para chegar a un acordo? O ofrecemento xa está feito, a executiva local da Coruña deu hai tres semanas unha rolda de prensa conxunta con Esquerda Unida dicindo que ían buscar unha candidatura de consenso facendo un chamamento a todas as forzas de transformación e de cambio na Coruña.

No 2020 perderon a representación no Parlamento de Galicia, pasaron de 14 a cero deputados. Pagouse moi cara a imaxe de desunión e conflito que transmitiron durante toda a lexislatura tanto o grupo parlamentario como das deputadas e deputados que o compoñían e as súas respectivas organizacións. A primeira lectura ten que ser realista e autocrítica. Na pasada lexislatura non estivemos á altura da posición na que nos colocaron os galegos e as galegas. O noso programa era moi potente e introducimos propostas e debates interesantes no Parlamento de Galicia, pero dedicamos demasiado tempo a falar de nós mesmos e perdemos a perspectiva do que era realmente importante: facer labor de oposición, porque eramos o primeiro grupo da oposición ao PP. Non estivemos á altura e perdemos credibilidade. Pero hai unha segunda lectura, e é que ese espazo político que nos apoiou existe, e o que nos toca agora é preparar un proxecto capaz de recuperar a credibilidade, de ilusionar e de ir un pouco máis aló de nós mesmos, como sucede noutras partes do Estado, por exemplo en Catalunya.

Refírese a Els Comuns? Claro. É algo que dixo Ione Belarra na última executiva estatal e co que eu estou completamente de acordo: con Podemos non basta, pero sen Podemos é imposible. O que nos toca en Galicia é preparar un proxecto que se capaz de superar esas dinámicas das que falaba antes.

«Na pasada lexislatura non estivemos á altura da posición na que nos colocaron os galegos e as galegas no Parlamento de Galicia»

O espazo político ao que se refire parece que si existe, pero tamén parece que agora reside no BNG. Como farán para recuperalo? A política é cíclica. O BNG pasou hai seis ou sete anos por unha situación de refluxo absoluto. Algunhas enquisas previas ás eleccións de 2016 os deixában fóra do Parlamento de Galicia, pero eles souberon recompoñerse e formular un proxecto capaz de recuperar a confianza da cidadanía. A nós tócanos facer o mesmo. E hai que ter claro que se os votos do espazo político no que está Podemos non se traducen en escanos no Parlamento de Galicia en 2024, non haberá cambio político neste país, non haberá un goberno progresista e transformador. Sen Podemos, os números non van dar para lograr que o PP de Rueda abandone o Goberno da Xunta. E esta non é unha análise interna de Podemos, creo que é algo que todo o mundo ten claro no espectro de esquerdas de Galicia.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail